Emilio Disi
(década de 1980) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Emilio Roberto Parada 2 de xaneiro de 1943 San Cristóbal (Buenos Aires), Arxentina |
Morte | 14 de marzo de 2018 (75 anos) Belgrano (Buenos Aires), Arxentina |
Causa da morte | cancro de pulmón |
Outros nomes | Emilio Disi |
Actividade | |
Ocupación | actor de televisión, humorista, director teatral |
Período de actividade | 1968 - 2018 |
|
Emilio Roberto Parada,[1] chamado Emilio Disi,[2] nado en Bos Aires o 2 de xaneiro de 1943 e finado na mesma cidade o 14 de marzo de 2018, foi un actor e cómico galego arxentino.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Emilio Disi naceu nunha familia de emigrantes galegos na Arxentina. O pai, José Luis Parada, viña de Leiro[3], e emigrara a Cuba antes de asentarse na Arxentina como empregado público na década dos vinte; a nai, Pura Yáñez, viña dunha aldeíña da provincia da Coruña e traballaba como cociñeira, modista, lavandeira e limpadora. O irmán máis vello, Pepe Parada, xa se dedicaba ao sector do espectáculo, e por iso a Emilio empezaron a dicirlle 'Paradita'. Para evitalo tomou o pseudónimo de Emilio Disi, porque así se chamaba unha óptica local (Di sí), que atopara de maneira aleatoria na guía de teléfonos[4].
O primeiro filme de Disi, en 1968 foi Humo de marihuana, onde interpretou un papel secundario. Ese mesmo ano filmou Somos los mejores e ao ano Fuiste mía un verano. Xa en 1974 gravou o filme Los golpes bajos, mais a sona na Arxentina chegoulle coa serie de televisión Los hijos de López (1980).
A década dos oitenta foi un tempo de grandes éxitos para Disi, xa que filmou películas exitosas como El telo y la tele (1985), Los bañeros más locos del mundo (1987, xunto a Gino Renni, Berugo Carámbula e Alberto Fernández de Rosa) e Bañeros II, la playa loca (1989, a canda Gino Renni e Guillermo Francella). Contra o remate desa década encabezou outra saga con Guillermo Francella: Los extermineitors, unha parodia da serie de películas estadounidense Terminator. Aínda que se chegaron a gravar catro fitas na saga (Los Extermineitors, Extermineitors II, la venganza del dragón, Extermineitors III, la gran pelea final e mais Extermineitors IV, como hermanos gemelos) Disi só participou das dúas primeiras porque despois rifou con Francella. Ao tempo tamñen traballaba en televisión, onde protagonizara programas que tiveran bastante impacto na época. En 1988 participou na comedia Stress e a mediados dos noventa na segunda edición do programa Brigada Cola a canda Fernando Lupiz, entre outros. Tamén tiveron sona os seus sketchs cómicos de Rompeportones, dirixido por Hugo Sofovich.
Xa no século XXI Disi traballou en producións de éxito na Arxentina, como Todas las azafatas van al cielo (2001) ou Bañeros III: todopoderosos (2006), nesta última acompañado dos tamén populares actores aló Pachu Peña, Pablo Granados e Freddy Villareal. Durante varios anos realizou coa presentadora arxentina Susana Giménez o sketch «Susana Spadafucile», onde interpretaba a Mariano Garipetti, o home dela. En 2005 participou en dous capítulos da sitcom Casados con hijos, e en 2008 participou na serie Todos contra Juan, interpretándose a si mesmo. Durante 2008 e 2009 formou parte do elenco dunha montaxe arxentina da peza de teatro La cage aux folles, a canda Rodolfo Ranni e Mercedes Carreras. En 2011 formou parte do cadro de actores da serie cómico-policial Los únicos.
Finou no hospital Instituto Fleming, do barrio de Colegiales, a causa dun cancro de pulmón.[5]
Filmografía
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Los nombres de los famosos, según su D.N.I. - Fotogalería - Perfil.com". 2012-06-29. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 2018-06-27.
- ↑ "La curiosa anécdota sobre cómo Emilio Disi eligió su apellido artístico". Consultado o 2018-06-27.
- ↑ Parissi, Julio César (2012). Nos trajeron los barcos: Historias de padres y abuelos inmigrantes. Sudamericana. ISBN 9789500729062.
- ↑ "La valiente y conmovedora lucha de Emilio Disi contra el cáncer de pulmón hasta su último aliento". www.msn.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2018. Consultado o 2018-03-15.
- ↑ Murió Emilio Disi.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Emilio Disi |
- Ficha de Emilio Disi Arquivado 11 de febreiro de 2007 en Wayback Machine. na web Cine Nacional (Bos Aires).