Erika Böhm-Vitense
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 3 de xuño de 1923 Curau, Alemaña |
Morte | 21 de xaneiro de 2017 (93 anos) Seattle, Estados Unidos de América |
Educación | Universidade de Tubinga Universidade de Kiel (pt) |
Director de tese | Albrecht Unsöld (pt) |
Actividade | |
Campo de traballo | Astrofísica |
Ocupación | astrónoma, profesora universitaria |
Empregador | Universidade de Washington |
Familia | |
Cónxuxe | Karl-Heinz Böhm |
Premios | |
|
Erika Helga Ruth Böhm-Vitense, nada en Curau (Alemaña) o 3 de xuño de 1923[1] e finada en Seattle (Estado de Washington) o 21 de xaneiro de 2017,[2] foi unha astrofísica estadounidense de orixe alemá coñecida polo seu traballo sobre as variables Cefeida e a convección nas atmosferas estelares.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Os seus pais, Wilma e Hans Vitense eran mestres e criaron as súas fillas en Lübeck, Alemaña. Erika comezou os seus estudos de pregrao na Universidade de Tubinga en 1943, pero trasladouse á Universidade de Kiel en 1945 buscando un departamento de astronomía máis actualizado e innovador.[1] Alí traballou con Albrecht Unsöld, que lle dirixiu a súa tese de doutoramento sobre os coeficientes de absorción continua en función da presión e a temperatura no Sol, defendida en 1951 e que foi recoñecida como a mellor tese dese ano na universidade.[1]
Despois de obter o seu título de doutora, Erika permaneceu en Kiel como investigadora asociada. En 1953 publicou Die Wasserstoffkonvektionszone der Sonne. Mit 11 Textabbildungen (A zona de convección de hidróxeno do Sol, acompañada de once ilustracións con texto).[3] Esta obra foi citada máis de 300 veces dende a súa publicación.[4][5][6]
Despois de casar en 1954, ela e mais o seu home, o astrofísico Karl-Heinz Böhm, fixeron unha estadía dun ano no Observatorio Lick e a Universidade de California, onde Böhm-Vitense estivo en contacto con Otto Struve e tivo a oportunidade de unirse a outros investigadores que utilizaban grandes telescopios para coñecer a evolución estelar.[1] Máis tarde o matrimonio regresou a Kiel: ela ocupou o posto de profesora asociada, sen vinculación permanente. As mesmas características tiña o seu posto na Universidade de Heidelberg cando a parella se trasladou alí no 1968.[1] Esta precariedade laboral explicábase polos regulamentos da época xa que moitas universidades non permitían a contratación dos dous membros dunha parella no mesmo departamento.[1]
En 1968, a parella decide trasladarse á Universidade de Washington, movidos polo atractivo da computadora central de IBM que dispuña a universidade.[1] Foi nesta universidade onde obtivo un posto de profesora a tempo completo en 1971, logo dun cambio nos regulamentos contra o nepotismo.[1] Durante o seu tempo na Universidade de Washington, Böhm-Vitense realizou contribucións fundamentais para a comprensión das estrelas binarias, as temperaturas estelares, a actividade cromosférica, a rotación e a convección solares. Tamén realizou contribucións substanciais aos fundamentos da teoría da lonxitude da mestura, traballo que continuou durante o resto da súa carreira.[1][7] Foi recoñecida como profesora emérita nesta universidade.
Grazas ao lanzamento do International Ultraviolet Explorer (IUE) en xaneiro de 1978 e aos datos proporcionados por este puido ampliar o seu traballo.[1] Erika descubriu que a banda de luz ultravioleta era a mellor maneira de realizar observacións das cromosferas estelares.
Obras
[editar | editar a fonte]Entre 1989 e 1992 escribiu un manual univesitario en tres volumes:[1]
- Böhm-Vitense, E. (1989-1992). Introduction to stellar astrophysics. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-34402-6. OCLC 18164411.
Premios e recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Premio á mellor tese de doutoramento na Universidade de Kiel en 1951.[1]
- Premio Annie Jump Cannon, outorgado pola Sociedade Astronómica Estadounidense en 1965.[8]
- Elixida membro da Asociación Americana para o Avance da Ciencia en 1980.[1]
- Medalla Karl Schwarzschild da Astronomische Gesellschaft en 2003.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 Lutz, Julie; Wallerstein, George (1 de decembro de 2017). "Erika Böhm-Vitense (1923–2017)". Bulletin of the American Astronomical Society (en inglés) 49 (1).
- ↑ "Erika Bohm-Vitense Obituary (1923 - 2017) The Seattle Times". Legacy.com. Consultado o 2022-05-20.
- ↑ Vitense, E. (1953). "Die Wasserstoffkonvektionszone der Sonne. Mit 11 Textabbildungen" 32: 135. ISSN 0372-8331. Consultado o 18 de febreiro de 2018.
- ↑ Vitense, E. (1953-01-01). "Die Wasserstoffkonvektionszone der Sonne. Mit 11 Textabbildungen". Zeitschrift fur Astrophysik 32: 135. ISSN 0372-8331.
- ↑ "Erika Böhm-Vitense (1923 - 2017)". American Astronomical Society (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 4 de decembro de 2017. Consultado o 18 de febreiro de 2018.
- ↑ "Google Académico". Consultado o 18 de febreiro de 2018.
- ↑ Arnett, David (2014). "3D and Some Other Things Missing from the Theory of massive Stars Evolution" (PDF). New windows on massive stars: asteroseismology, interferometry, and spectropolarimetry Proceedings IAU Symposium. G. Meynet, C. Georgy, J.H. Groh & Ph. Stee, eds. (307): 2. Consultado o 18 de febreiro de 2018.
Erika Bohm-Vitense developed mixing-length theory in the 1950
- ↑ "Annie Jump Cannon Award in Astronomy". American Astronomical Society. Consultado o 21 de maio de 2022.
- ↑ Krautter, Joachim (2004). "Laudatio zur VErleihung der 32. Karl-Scwarzschild - Medaille". Mitteilungen der Astronomischen Gesellschaft 87: 852–853.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Randall, S. K.; Fontaine, G.; Brassard, P.; Van Grootel, V. (2010-11). "Mode identification from monochromatic amplitude and phase variations for the rapidly pulsating subdwarf B star EC 20338−1925". Astronomy & Astrophysics 522: A48. ISSN 0004-6361. doi:10.1051/0004-6361/201014780.