Ernő Rubik
Ernő Rubik, nado en Budapest o 13 de xullo de 1944, é un inventor, escultor e profesor de arquitectura do Departamento de Deseño de Interiores na Academia de Artes e Traballos Manuais Aplicados, mundialmente coñecido polo seu invento, o cubo de Rubik.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Ernő Rubik naceu en Budapest, Hungría, durante a segunda guerra mundial. O seu pai foi un enxeñeiro aéreo na fábrica de avións do aeroporto de Esztergom, e a súa nai foi unha poetisa. Graduouse na Universidade de Tecnoloxía e Economía de Budapest (Műszaki Egyetem) no 1967 como enxeñeiro arquitectónico e comezou os estudos trala graduación en escultura. Dende 1971 ata 1975 traballou como arquitecto, logo retornou á academia e converteuse en profesor na Universidade Húngara de Artes Aplicadas (Iparművészeti Főiskola). Pasou toda a súa vida en Hungría, o seu país natal.
O espazo sempre me intrigou, coas súas tantas posibilidades, espazo alterado por obxectos (arquitectónicos), transformacións dos obxectos no espazo (escultura, deseño), movemento no espazo e tempo, a súa correlación, a súa repercusión na humanidade, a relación entre o home e o espazo, o obxecto e o tempo. Penso que o cubo nace deste interese, desta busca da expresión e pola sempre crecente agudeza destes pensamentos.
A comezos dos anos 80, foi o editor dunha revista sobre xogos e puzzles chamada ...És játék ("...e xogos"), máis tarde converteuse en traballador autónomo 1983, fundando a Rubik Stúdió, onde deseñaba mobles e xogos. En 1987 fíxose profesor, envorcándose de cheo nesta nova profesión; en 1990 converteuse no presidente da Academia de Enxeñaría Húngara (Magyar Mérnöki Akadémia). Na Academia, creou a Fundación Internacional de Rubik para apoiar aos novos enxeñeiros e deseñadores industriais con talento.
Actualmente está principalmente traballando no desenvolvemento de videoxogos, temas arquitectónicos e aínda segue á cabeza dos Rubik Studios.
Sábese que é unha persoa tímida e apenas accesible, é case imposible poñerse en contacto con el ou pedirlle que che asine un autógrafo. Tamén se sabe que refusa acudir aos eventos de speedcubing (termo que se refire a resolución do cubo no menor tempo posible).
Cubo de Rubik
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cubo de Rubik.
Descrición
[editar | editar a fonte]O cubo de Rubik é un crebacabezas mecánico inventado en 1974 por Rubik. O cubo, de plástico, ten catro versións distintas: unha de 2×2×2 (denominado o "cubo de Peto"); o estándar, de 3×3×3; o de 4×4×4 (tamén chamado "A Vinganza de Rubik"), e outra de 5×5×5 (coñecido como "O cubo do Profesor"). Hoxe en día tamén se desenvolveron outras dúas versións: de 6×6×6 e de 7×7×7.
O seu inventor bautizouno orixinalmente como o cubo Máxico. Foi en maio de 1980, ano da súa comercialización a nivel mundial, cando se lle rebautizó como o cubo de Rubik. Díxose del que é o xoguete mellor vendido do mundo enteiro, con ao redor de 300 millóns de cubos de Rubik e imitacións vendidos.
Concepto e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]O cubo Máxico foi inventado en 1974 por Ernő Rubik, escultor e profesor de arquitectura interesado na xeometría e mais no estudo das formas tridimensionais. Rubik obtivo a patente HU170062 para o seu cubo, aínda que non solicitou ningunha a nivel internacional. O primeiro lote de proba foi producido a finais de 1977 e distribuído nas xoguetarías de Budapest.
A popularidade do cubo medrou en Hungría en pouco tempo. En setembro do 1979, alcánzase un acordo con Ideal Toys para distribuír o cubo de Rubik en todo o mundo. A súa presentación a nivel internacional tivo lugar a comezos de 1980 nas "Feiras do Xoguete" de Londres, Nova York, Nuremberg e París.
Máis adiante, Ideal Toys comercializou un cubo máis lixeiro, e decidiu rebautizalo. Baralláronse nomes como nó gordiano e Ouro Inca, pero a compañía finalmente decidiu chamalo cubo de Rubik, exportándoo por primeira vez desde Hungría en maio do 1980.
Análogos da invenció
[editar | editar a fonte]Aproveitando que o produto se esgotou inicialmente, xurdiron moitas imitacións baratas. Outros inventores chegaron a artefactos similares de xeito independente.[1]
- En 1960 William O Gustafson inventou un xoguete manipulador esférico [2]
- Frank Fox obtivo unha patente británica para un crebacabezas esférico en 1974 [3]
- Terutoshi Ishigi recibiu a patente xaponesa JP55-8192.para un 3x3x3 en 1976 [4]
- En 1984, Ideal Toys perdeu un preito contra Larry Nichols, que rexistrara o produto coa patente US3655201.
Notas
- ↑ A patente de Ishigi permitía o seu rexistro ao non estar "extendido mundialmente"; con todo, concluíuse que chegara ao seu deseño de xeito independente. As patentes de Nichols foron obxecto dunha vista xudicial. En 1985, un tribunal de distrito dos Estados Unidos determinou que o cubo de Rubik infrinxiu a patente de Nichols, pero en 1986 o Tribunal de Apelación determinou que só o minicubo de Rubik 2×2×2 máis pequeno infrinxía a patente, pero non o cubo de Rubik 3×3×3.
- ↑ Gustafson, William O. (1963-03-12). "Manipulatable toy". Consultado o 2024-03-19.
- ↑ Patent GB1344259: 'Amusement device' by Frank Fox 1974
- ↑ Staff, WIRED. "Jan. 30, 1975: Rubik Applies for Patent on Magic Cube". Wired (en inglés). ISSN 1059-1028. Consultado o 2024-03-19.