Escáridos
Os escáridos (Scaridae, Rafinesque 1810), tamén chamados peixes papagaios[Cómpre referencia] son unha familia de peixes mariños tropicais incluída na suborde Labroidei, da orde dos Perciformes. O nome procede do grego σκάρος skáros, que significa saltar, debido á súa capacidade para saltar e golpear coa cola.
Morfoloxía
[editar | editar a fonte]Presentan unha dentición particular, formada por numerosos dentes agrupados nun paquete compacto cunha estrutura que lembra á do peteiro dun papagaio, á que deben o nome común de peixes papagaios. Esta especie de pico sérvelles para roer o coral e as rochas, pois se alimentan das algas que se fixan nestes soportes, ademais dos pequenos invertebrados que poidan agocharse entre as ramas do coral.
Na aleta dorsal teñen 9 radios espiñosos e 10 brandos. Na anal, 3 e 9 respectivamente. Na caudal, 11 radios ramificados.
Hábitat e bioloxía
[editar | editar a fonte]A maioría son especies tropicais, que viven en arrecifes de coral do mar Vermello, océano Atlántico, Índico e Pacífico.
Parece ser común o cambio de sexo, cunha fase inicial formada por machos e femias e unha fase terminal como machos, na que adquiren as cores brillantes.
Pola cor vistosa que adoitan ter estes peixes, son moi apreciados para a súa cría en acuarios, se ben o seu mantemento é realmente difícil, de lento crecemento.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A familia divídese en 10 xéneros cunhas 90 especies.
- Xénero Bolbometopon
- Xénero Calotomus
- Xénero Cetoscarus
- Xénero Chlorurus
- Xénero Cryptotomus
- Xénero Hipposcarus
- Xénero Leptoscarus
- Xénero Nicholsina
- Xénero Scarus
- Xénero Sparisoma
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Escáridos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Escáridos |