Saltar ao contido

Escola Dramática Galega (1922)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escola Dramática Galega
Compoñentes da Escola Dramática Galega na Coruña en 1923.
Tipoorganización
Data de fundación1922
Fundador(es)Leandro Carré Alvarellos
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

A Escola Dramática Galega foi unha institución literaria que existiu entre 1922 e 1926.

No teatro galego da época pódense atopar tres tendencias que, malia coincidiren todas na idea de impulsar o teatro galego, non perseguían uns mesmos obxectivos. Unha delas procuraba simplemente divertimento ou a afirmación dunha mensaxe de ton rexionalista; outra disporíase a potenciar un teatro nacional baseado na posta en escena de textos de contrastada calidade; e, por último, atopamos unha tendencia que aposta pola dignificación da escena galega, a procura da mellora artística do vello teatro rexionalista e unha escolla máis axeitada das pezas. Esta última tendencia foi a que se seguiu nas Irmandades da Fala da Coruña e na Escola Dramática Galega. Máis concretamente, esta Escola, dirixida por Leandro Carré Alvarellos, tiña como obxectivo a formación dos axentes envolvidos na escena e a investigación, a cal permitiría difundir o coñecemento do pasado ao pobo para funcionar como un muro ante a ameaza do sistema español.

Ten as súas orixes no Conservatorio Nacional de Arte Galega. Nos seus catro anos de existencia a Escola Dramática Galega fico camiñar o teatro polos vieiros do costumismo e do ruralismo. De todas as maneiras, o Decreto de Separatismo publicado en 1923 polo xeneral Miguel Primo de Rivera, só permitía a utilización das chamadas neste documento legal "linguas rexionais" en representacións de tipo ruralista e folclórico, polo que non permitía unha vía diferente á que estaba a promover Leandro Carré Alvarellos. As obras que escapaban destas tendencias podían ser publicadas, mais non levadas sobre o taboado, debido a que a súa difusión no papel era moito menor que na escena, posto que estas pezas serían lidas por minorías cultas xa convencidas do ideario galeguista. Alén disto, este decreto pouco ou nada puido afectarlle á Escola Dramática Galega posto que esta deixou de realizar representacións co inicio do réxime ditatorial de Primo de Rivera.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]