Escritura ibérica suroriental
A escritura ibérica suroriental (tamén coñecida como meridional) é unha escritura paleohispánica moi similar, tanto pola forma dos signos como polo valor que estes representan, á escritura tartesa, que podería ser o seu antecedente.
Historia e características
[editar | editar a fonte]As inscricións que usan a escritura ibérica suroriental expresan lingua ibérica, como tamén o fan as inscricións que usan a escritura ibérica nororiental, pero o valor da maioría de signos destas escrituras non coincide en absoluto, aínda que o repertorio de signos é similar. Sobre a orixe das escrituras paleohispánicas non hai consenso: para algúns investigadores a súa orixe esta directa e unicamente vinculado ao alfabeto fenicio, mentres que para outros na súa creación tamén influiría o alfabeto grego.
Como o resto de escrituras paleohispánicas, esta escritura presenta signos con valor silábico, para as oclusivas, e signos con valor alfabético, para o resto de consoantes e vogais. A partir do punto de vista da clasificación dos sistemas de escritura non é nin un alfabeto nin un silabario, senón unha escritura mixta que se identifica normalmente como semisilabario. A diferenza das inscricións en escritura tartesa, as inscricións en escritura suroriental non presentan o fenómeno da redundancia vocálica dos signos silábicos. O seu desciframento aínda non se pode dar por fechado, posto que aínda hai signos sobre os que non hai consenso entre os diferentes investigadores que fixeron propostas concretas.
A escritura ibérica suroriental escríbese moi maioritariamente de dereita a esquerda e o seu ámbito de uso é o cuadrante suroriental da Península Ibérica: Andalucía oriental, Rexión de Murcia e as provincias de Albacete, Alacant e Valencia. As inscricións surorientais aparecen sobre soportes moi variados (moedas de prata e bronce, louza de prata e cerámica, plaquiñas de chumbo, pedras etc.), pero non superan o medio centenar, entre as máis salientadas atópanse o chumbo de Gador (Almería) e o chumbo da Bastida de les Alcusas (Mogente, Valencia). Os contextos arqueolóxicos máis antigos das inscricións que usan esta escritura son do século -IV, mentres que os máis modernos son do século -II.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Correa, José Antonio (2004): «Los semisilabarios ibéricos: algunas cuestiones», ELEA 4, pp. 75–98.
- Hoz, Javier de (1989): «El desarrollo de la escritura y las lenguas de la zona meridional», Tartessos, pp. 523–587.
- Rodríguez Ramos, Jesús (2002): «La escritura ibérica meridional», Zephyrus 55, pp. 231–245.
- Untermann, Jürgen (1990): Monumenta Linguarum Hispanicarum. III Die iberischen Inschriften aus Spanien, Wiesbaden.
- Velaza, Javier (1996): Epigrafía y lengua ibéricas, Barcelona.