Saltar ao contido

Espírito do pobo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O camiñante sobre o mar de néboa, de Caspar David Friedrich, foi considerada unha das obras máis representativas do Romanticismo. Fíxose unha interpretación política e nacionalista dela. En efecto, durante as Guerras Napoleónicas logrouse certa unificación dos Estados alemáns, perdida despois do Congreso de Viena. Friedrich expresaría a espera dunha Alemaña libre e mellor. O camiñante podería ser un caído nas guerras de liberación (1813-1815). Viste a típica levita alemá, prohibida en 1818, a xeito de símbolo político
Johann Gottfried Herder
Johann Gottlieb Fichte

O Espírito do pobo (en alemán, Volksgeist) é un concepto propio do nacionalismo romántico. Consiste en atribuírlle a cada nación uns trazos comúns e inmutábeis ao longo da historia.

Orixe e expansión do concepto

[editar | editar a fonte]

Algúns pensadores ilustrados, como Voltaire ou Rousseau, compartían a idea de que as distintas nacións teñen distintas personalidades. Na obra L'esprit des lois ("O espírito das leis"), Montesquieu afirma no capítulo 4 do libro XIX que «o espírito dunha nación» (resultante de factores coma o clima, a relixión ou os costumes), orixina un tipo específico e distintivo de dereito para cada nación, contrario ao dereito natural universal.

A orixe do concepto de Volksgeist nace co prerromanticismo alemán, en especial nas obras de Johann Gottlieb Fichte e sobre todo de Johann Gottfried Herder.[1][2] Fronte o cosmopolitismo ilustrado, Herder defende a existencia de nacións independentes e diferenciadas. A cada unha correspóndenlle uns trazos constitutivos inmutábeis de índole cultural, racial ou psicolóxico, entre outros. Estes trazos son, por tanto, ahistóricos, anteriores e superiores ás persoas que forman a nación nun momento determinado.[3]

A idea do Volksgeist de Herder foi posteriormente adoptada polo Romanticismo primitivo e reaccionario, en especial polos irmáns Friedrich e August Wilhelm von Schlegel. Estes adaptaron o Volksgeist ao estudo das linguas, a literatura e a arte. Como resultado, negaron a existencia de normas artísticas e literarias universais, como defendía o Neoclasicismo. Por contra, déronlle importancia aos xéneros e elementos en que, segundo o seu punto de vista, se observaba con maior claridade o espírito propio de cada nación. A eles débeselles, por exemplo, a revalorización da épica medieval e do teatro de William Shakespeare ou de Pedro Calderón de la Barca, rexeitados durante o século anterior por non seguiren as normas aristotélicas.

Herder concibía así o Volksgeist:

Posto que o home nace dunha raza e dentro dela, a súa cultura, educación e mentalidade teñen carácter xenético. De aí eses caracteres nacionais tan peculiares e tan profundamente impresos nos pobos máis antigos que se perfilan tan inequivocamente en toda a súa actuación sobre a terra. Así como a fonte se enriquece cos compoñentes, forzas activas e sabor propios do solo de onde agromou, así tamén o carácter dos pobos antigos orixinouse dos trazos raciais, a rexión que habitaban, o sistema de vida adoptado e a educación, como tamén das ocupacións preferidas e as fazañas da súa temperá historia que lle eran propias. Os costumes dos maiores penetraban profundamente e servíanlle ao pobo de sublime modelo.
J. G. Herder: Ideen zur Philosophie der Geschichte der Menschheit (Ideas para unha Filosofía da Historia da Humanidade) 1784-1791[4]

Pola súa parte, Fichte describíao así:

Velaí con toda claridade e plenamente expresada a nosa descrición do pobo alemán. O seu trazo distintivo é a crenza en algo primario, absoluto, orixinal que existe no home mesmo, na liberdade e o progreso moral infinitos, no perpetuo perfeccionamento da nosa raza; en todo o cal non cren os outros pobos e aínda lles parece ser evidente todo o contrario. Os que viven dunha vida creadora, os que deixan a un lado a nada cando outra cousa non poden facer, e esperan a que se apropie deles unha vida creadora; que, malia non chegar tan lonxe, polo menos aspiran á liberdade, amándoa, en vez de tremer ante ela, todos eses son homes primitivos, e se se estuda, son considerados como unha colectividade, forman un pobo primitivo (Urvolk): o pobo alemán nunha palabra.
J. G Fichte: Reden an die deutsche Nation (Discursos á nación alemá) 1807-1808[4]

Johann W. von Goethe, membro do movemento literario e musical Sturm und Drang ("tormenta e pulo"), opúxose ao racionalismo da Ilustración e proclamou a liberdade do sentimento, ao tempo que asumiu a tradición alemá.[5] Goethe tratou de buscar unha síntese entre o xermanismo e o humanismo.[5] Ernst Moritz Arndt, poeta nacionalista alemán, sinalou como misión da mocidade alemá a procura da unidade nacional. Entendía a nación como comunidade cultural (que combinaba ideas do Clasicismo e a Ilustración), comunidade de destino (baixo a influencia do Romanticismo) e comunidade política, é dicir, un conxunto de homes libres ao redor dun Estado (inspirado no modelo francés).[5]

  1. Ver, por exemplo, Rousseau: Proxecto de Constitución para Córsega e Consideracións sobre o Goberno de Polonia, Tecnos, Madrid, 1988
  2. Ferrater Mora, José (1979). "Espíritu del pueblo". Diccionario de filosofía. Alianza Editorial. 
  3. Berlin, Isaiah: Vico y Herder, Cátedra, Madrid, 2000.
  4. 4,0 4,1 Artola, Miguel (1982). Textos fundamentales para la Historia (7.ª ed.). Madrid: Alianza Universidad. p. 555. ISBN 84-206-8009-5. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Kinder, Hermann; Hilgemann, Werner; Hergt, Manfred (2007). Atlas histórico mundial. Madrid: Akal. p. 32. ISBN 978-84-460-2838-3. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Kedourie, Elie: Nacionalismo, Centro de Estudios Constitucionales, Madrid, 1985.
  • Smith, Anthony: La Identidad Nacional, Trama, Madrid, 1997