Saltar ao contido

Estalmat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Estalmat (Es Tal Mat - Estimulación do Talento Matemático) é un proxecto conxunto entre o CSIC e as universidades para estimular o talento e vocación matemática entre mozos e mozas de entre 12 e 15 anos a través dun curso de dous anos.[1] Os cursos son totalmente gratuítos para as familias e están enfocados á resolución de problemas mediante ferramentas que fomenten a creatividade.

No ano 2024 o método de selección consistiu en dúas fases despois de cubrir un formulario de inscrición:

  • A primeira fase foi unha proba de aptitude consistente na resolución de varios problemas e que tivo lugar en cada unha das catro sedes, situadas nas cidades de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo.[2]
  • A segunda fase consistiu nunha entrevista persoal individual coas nenas e cos nenos que pasaron a primeira fase, acompañados da súa nai, pai ou persoas titoras. A entrevista está encamiñada a avaliar o interese e o grao do compromiso co proxecto.

Cada estudante deberá comprometerse a asistir ao longo de dous cursos académicos a un total de 20 sesións.

O proxecto Estalmat-Galicia está incluído desde abril de 2024 na plataforma Sumo Valor da USC, un programa de mecenado que implica empresas, persoas e institucións nas actividades.

Nos últimos meses de 2006 e principios de 2007, un grupo de profesores de educación membros de secundaria da Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA), da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, constituíu o Grupo Promotor de Proxectos ESTALMAT-Galicia coa intención de poñer en marcha na Galicia, no curso 2007-08, o Proxecto ESTALMAT de estimulación do talento temperán en matemáticas, que xa se viña traballando noutras comunidades autónomas españolas.[3]

Actividades

[editar | editar a fonte]

Como exemplo de actividades móstranse algunhas delas:

  • 2D-3D (I)
  • As matemáticas de Arquímedes (II)
  • A indución na resolución de problemas
  • As demostracións nas matemáticas
  • Matemáticas no cinema
  • Matemáticas e Narrativa
  • Matemáticas e Astronomía
  • Probabillidade I
  • Problemas e xogos de lóxica
  • Modelización matemática e simulación numérica (I)
  • Matemáticas e arquitectura
  • Do xeral ao particular na resolución de problemas
  • Actividade CTEM: Matemáticas no laboratorio, conservación de enerxía
  • Xeometría con ordenador (II)
  • Programación en MatLab II
  • Historia(s) das Matemáticas
  • Principio do Pombal I. Anamorfose

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]