Esterilización (microbioloxía)

A esterilización é o tratamento que deixa ao obxecto tratado libre de todo organismo vivo, incluídas as esporas. Implica a perda da viabilidade ou a eliminación de todos os microorganismos contidos nun obxecto, acondicionándoo de tal modo que se impida a súa posterior contaminación.
Trátase dun termo probabilístico, de modo que tras un adecuado proceso de esterilización, débese chegar a unha probabilidade de encontrar microorganismos igual ou menor que unha unidade contaminada nun millón de unidades sometidas ao proceso de esterilización.
Métodos de esterilización
[editar | editar a fonte]
Existen varios métodos de esterilización, que se detallan a continuación.
- Métodos físicos
- Calor húmida (en autoclave de vapor)
- Calor seca (en forno de esterilización)
- Radiación gamma
- Métodos químicos
- óxido de etileno
- peróxido de hidróxeno
Métodos físicos
[editar | editar a fonte]Os métodos físicos son aqueles que non involucran o emprego de substancias letais para os microorganismo, senón procedementos físicos como a radiación ionizante, a calor ou a filtración de solucións con membranas que impidan o paso de microorganismos, incluíndo os virus.
- Métodos térmicos
- Os métodos térmicos adoitan englobar todos os procedementos que teñen entre os seus fins a destrución dos microorganismos pola acción da calor. Estámonos referindo tanto á pasteurización como á esterilización, cuxa finalidade principal é a destrución microbiana, como ao escaldado e á cocción, procesos nos que tamén se consegue unha certa redución da flora microbiana pero que teñan entre os seus principais obxectivos evitar a variación das propiedades físicas do obxecto.
Métodos químicos
[editar | editar a fonte]Os métodos químicos de esterilización son aqueles que involucran o emprego de substancias letais para os microorganismos, tales como o óxido de etileno e o peróxido de hidróxeno (auga oxixenada).
O uso deste método é moi limitado para a industria alimentaria, pero moi utilizado noutras industrias, como a farmacéutica, por exemplo.
Aplicacións
[editar | editar a fonte]En investigación de laboratorios científicos emprégase principalmente para eliminar microorganismos dos elementos de traballo, evitando así a contaminación da mostra, recipientes e material de traballo (de vidro ou cerámicos).
Na industria alimentaria emprégase para aumentar a vida útil dos alimentos. Os alimentos esterilizados máis comúns son os enlatados (conservas).
Úsase tamén para a conservación e alargamento da vida de libros, mobles, obras de arte e outros bens.
Nos hospitais emprégase principalmente para eliminar axentes patóxenos dos instrumentos cirúrxicos utilizábeis, e tamén de certas instalacións (quirófanos).
Os fabricantes de produtos sanitarios esterilizan os produtos para poder utilizalos con asepsia nun procedemento cirúrxico ou de laboratorio polos profesionais sanitarios.