Etiqueta (informática)
Unha etiqueta, tamén denominada co anglicismo tag, é unha palabra chave asignada a un dato, tal que unha imaxe dixital ou un ficheiro informático.
Características
[editar | editar a fonte]Este tipo de metadato describe o dato e permite recuperalo navegando ou buscando. Nos sitios web que permiten etiquetar os seus datos, a colección de etiquetas chámase folcsonomía.
A acción de etiquetar ficheiro asóciase a miúdo aos sitios web 2.0, pioneiros niso. Desta forma as bases de datos en sitios web poden estenderse dunha forma descentralizada. Así, é moi habitual o uso da etiquetaxe tanto nas redes sociais como nos blogs.
Trending topic
[editar | editar a fonte]Chámase trending topic a palabra, frase ou tema que é mencionado dentro da rede social e servizo de microblogging Twitter. Para un termo chegar a converterse en trending topic, ben por espazo dunha hora, dun día ou de calquera outro intervalo de tempo, existen diversas vías:
1) Mediante o esforzo organizado dunha serie de usuarios, que debe ser unha cantidade importante, dispostos a mandar mensaxes durante un período de tempo prefixado.
2) Se un evento de actualidade é etiquetado cunha palabra concreta que consegue facer un oco na comunidade.
Os trending topics permiten facerse unha idea do que está a pasar no Twitter e en boa medida tamén do que está a acontecer no mundo.
Cancelos
[editar | editar a fonte]As mensaxes curtas en servizos como Twitter ou identi.ca pódense etiquetar mediante a inclusión dun ou máis cancelos, é dicir, palabras ou frases prefixadas co (#) ( cancelo) con múltiples palabras concatenadas, como:
#galega é a miña lingua porque nacín en #Galiza.
Entón unha persoa pode buscar o termo #galega e esta palabra etiquetada aparecerá nos resultados de procura. Estes cancelos tamén aparecen nun número de sitios web de temas de tendencias, incluíndo a páxina principal de Twitter. Os cancelos en Twitter serven para xerar conversación en lugar de servir aos propósitos de organización, incitan ao usuario a participar nunha discusión con varias persoas en lugar de etiquetar para a súa posterior recuperación. Un fenómeno específico dos ecosistemas Twitter son micro-memes, que son temas emerxentes para o que se crea un cancelo, amplamente utilizado druante algúns días, e logo desaparecen. Por exemplo, #ladiespleasestop, #oneletteroffmovies , #thingssaidb4sex e #doyoumind foron populares micro-memes en xuño de 2009.