Eucarioxénese viral
A eucarioxénese viral é unha hipótese sobre a formación das células eucariotas (eucarioxénese), que sostén que o núcleo da célula eucariota evolucionou a partir dun gran virus de ADN (posiblemente dun virus de ADN grande nucleocitoplasmáticos ou NCLDV) mediante endosimbiose dentro dunha célula de arquea. Foi proposta en 2001 por Philip Bell e foi apoiada polo descubrimento de virus complexos de ADN de gran tamaño con capacidade de biosíntese de proteínas, tales como Mimivirus.[1]
Teoría
[editar | editar a fonte]Unha serie de postulados desta teoría parecen posibles. Por exemplo, un virus helicoidal cunha envoltura bilipídica ten unha clara semellanza cun núcleo celular moi simplificado (é dicir, un cromosoma de ADN encapsulado dentro dunha membrana lipídica). Para considerar o concepto loxicamente, un gran virus de ADN debería tomar o control dunha célula bacteriana ou arqueana. En lugar de replicarse e destruír a célula hóspede, permanecería dentro da célula. Co virus no control do mecanismo molecular da célula hóspede, na práctica converteríase nunha forma de "núcleo". Por medio dos procesos de mitose e citocinese, o virus secuestraría a célula enteira dunha maneira favorable para asegurar a súa supervivencia.
Varios trazos característicos do núcleo eucariota poderían derivarse da súa ascendencia viral, como a carapucha 5' (cap) do ARNm, o ADN linear do cromosoma e a separación da transcrición da tradución. Este modelo postúlase que podería ter dado lugar a unha condición protoeucariota (ver tamén Neomura), na que a influencia da membrana viral permitiu a aparición da fagocitose. A evolución da fagocitose (ver Hipótese fagotrófica) permitiu aos eucariontes ser os primeiros organismos que ocuparon o nicho de depredador.
Neste sentido, hai que salientar que algúns virus que infectan arqueas teñen estruturas pouco comúns, que non están relacionadas con ningún outro tipo de virus coñecido.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bell, Philip John Livingstone. "Viral Eukaryogenesis: Was the Ancestor of the Nucleus a Complex DNA Virus?" Journal of Molecular Evolution, Volume 53, Issue 3, Sep 2001, pgs. 251–256
- ↑ Prangishvili D, Forterre P, Garrett RA (2006). "Viruses of the Archaea: a unifying view". Nat. Rev. Microbiol. 4 (11): 837–48. PMID 17041631. doi:10.1038/nrmicro1527.