Otaria de Steller
Otaria de Steller | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho adulto, femia e cría nas illas Yamsky no noroeste do mar de Okhotsk | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Case ameazada[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Área de distribución de E. jubatus (en púrpura = rango global; en vermello = sitios de reprodución)
|
A otaria de Steller[2][3] (Eumetopias jubatus) é unha especie de león mariño que vive no norte do Pacífico. É unha especie "case ameazada", único membro do xénero Eumetopias, que é o otárido de maior tamaño, e a cuarta especie de pinnípede en tamaño despois das morsas e os elefantes mariños dos hemisferios norte e sur. Foi descrita en 1714 polo naturalista Georg Wilhelm Steller, a quen debe o seu nome na literatura científica en moitos idiomas, incluído o galego. Esta especie recibiu moita atención nas últimas décadas debido ao seu importante declive por causas pouco coñecidas nunha ampla porción da súa área do norte de Alasca.
Descrición
[editar | editar a fonte]Os machos adultos son de cor máis clara que a maioría dos leóns mariños, variando desde o amarelo claro ao leonado e ocasionalmente avermellado. As crías pesan uns 23 kg, nacen case negras e permanecen así durante varios meses. As femias e os machos crecen rapidamente ata os cinco anos, despois dos cales o crecemento das femias faise considerablemente máis lento. As femias adultas miden de 2,3 a 2,9 m (a media é 2,5) e pesan de 240 a 350 kg (a media é 263 kg).[4][5] Os machos seguen medrando ata que aparecen os seus caracteres sexuais secundarios cando teñen cinco anos. Son lixeiramente máis longos que as femias, crecendo ata os 2,82–3,25 m (como media 3 m).[6] Os machos teñen peitos e pescozos moito máis anchos e unha estrutura xeral da parte anterior do corpo máis robusta. Os machos pesan entre 450 e 1120 kg (a media é 544 kg).[7][8][9] Os machos tamén se distinguen das femias pola súa fronte máis alta e ancha, fociños máis planos e a grosa melena de pelos bastos[10] do seu pescozo. Precisamente, o seu nome latino pode traducirse aproximadamente como "o de fronte ancha melenudo".
Distribución
[editar | editar a fonte]A área de distribución desta especie abrangue desde as illas Kuriles no mar de Okhotsk en Rusia ata o golfo de Alasca no norte, e cara ao sur ata a illa Año Nuevo na costa central de California. Anteriormente reproducíase máis ao sur nas illas do Canal de California, pero non o fan alí desde a década de 1980. Os estudos baseados en análises xenéticas e padróns de migracións locais desta especie, serviron para dividir tradicionalmente a súa poboación global nun conxunto oriental e outro occidental separados polo paralelo da lonxitude 144°W, que pasa aproximadamente polo medio do golfo de Alasca.[11][12] Pero probas recentes indican que o león mariño de Steller en Rusia no mar de Okhotsk e illas Kuriles contén un terceiro stock asiático, mentres que os da costa leste de Kamchatka e as illas do Comandante pertencen ao conxunto occidental.
No verán, estes leóns mariños adoitan moverse máis ao sur. Por tanto, aínda que non hai sitios reprodutores no Xapón, hai varios sitios de descanso na zona de Hokkaido no inverno e primavera. Atopáronse individuos errantes no mar Amarelo e no golfo de Bohai e ao longo da costa de Corea e a China.[1][13]
Ecoloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat
[editar | editar a fonte]Viven nas augas costeiras do subártico debido a que prefiren as temperaturas máis frías do clima desa zona.[14] Como todos os otáridos, os leóns mariños de Steller son anfibios e pasan parte do tempo na auga e parte en terra.[15] O normal é que pasen gran parte do seu tempo alimentándose na auga e vaian a terra para descansar, reproducirse, criar os fillos, e mudar a pelame.[16] Xeralmente congréganse en illas solitarias, que son o seu hábitat terestre ideal. Estas illas arredadas carecen de depredadores terrestres, permiten unha doada termorregulación (por medio de ventos fríos) e un aceso fácil ás presas da costa.[15] Algúns sitios de descanso son utilizados comunmente para a reprodución, mentres que outros só se usan para outros propósitos como a muda.[17] Porén, os factores bióticos e abióticos poden influír na cantidade de tempo que pasan en terra. A abundancia de sitios de descanso pode estar determinada pola dispoñibilidade de presas, abundancia de predadores, niveis das mareas, clima etc.[17]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Os leóns mariños de Steller son predadores oportunistas e habilidosos, que se alimentan dunha ampla variedade de peixes e cefalópodos. Importantes compoñentes da súa dieta son os peixes Gadus chalcogrammus,[18][19] Pleurogrammus monopterygius,[18] Hippoglossus (fletán),[19] Clupea (aranques), Mallotus villosus (capeláns),[20] outros Pleuronectiformes (peixes planos),[20][21] Gadus macrocephalus (un bacallau do Pacífico),[18][19] Sebastes,[20][21] cotoideos,[20] salmóns, ammodítidos, así como cefalópodos como luras e polbos.[18] Parecen preferir os peixes que forman bancos e permanecen principalmente entre a zona intermareal e a plataforma continental. Adoitan ir xuntos formando grupos de ata 12, e agréganse onde hai abundancia de presas. Congréganse preto de barcos de pesca, comendo os descartes de pesca. A maioría dos datos da súa alimentación proceden dos recollidos na costa de Alasca, e os seus comportamentos alimenticios globais son descoñecidos. Ademais de vivir nos seu ambiente mariño primario, entran tamén en estuarios e aliméntanse dalgúns peixes de augas salobres como os esturións. Moi raramente comen crías das focas Callorhinus ursinus e Phoca vitulina e de londras de mar. Observouse que está a aumentar a variedade de presas que consome.[1] A composición da súa dieta varía estacionalmente e xeograficamente. Como son predadores oportunistas, aprovéitanse principalmente das especies de presas máis abundantes onde viven.[22]
Predación
[editar | editar a fonte]Os leóns mariños de Steller son carnívoros superiores nos seus ecosistemas, mais poden ser eles predados principalmente por candorcas ou ás veces algunhas especies de tiburóns, como os tiburóns de Groenlandia e o tiburón branco, os cales poden capturar as crías de leóns mariños.[1]
Comportamento e historia vital
[editar | editar a fonte]Reprodución
[editar | editar a fonte]Os machos maduros reprodutores de leóns mariños de Steller reúnense a mediados de primavera en sitios de reprodución tradicionais ben definidos,[23][24] xeralmente situados en praias de illas afastadas. Primeiramente, chegan os machos, e os meirandes e máis vellos establecen e defenden territorios na praia.[23][24] Aproximadamente unha semana ou máis despois, chegan as femias adultas, acompañadas ás veces polos seus fillos sexualmente inmaturos e forman fluídas congregcións por toda a praia. Igual que outros otáridos, os leóns mariños de Steller son políxinos. Porén, a diferenza doutras especies, non forza as femias a formar haréns, senón que controla un dos espazos territoriais entre os cales se moven as femias libremente.[23] Os seus territorios son terrestres, acuáticos ou semiacuáticos. Os machos con territorios semiacuáticos son os que teñen maior éxito á hora de defendelos.[24] Os lindes dos territorios están definidas por características naturais, como rochas, fallas ou cristas das rochas e os territorios permanecen estables durante uns 60 días.[23] Aínda que os machos son normalmente tolerantes coas crías, un macho foi filmado na illa Medny matando e comendo varias crías, no que foi o primeiro incidente rexistrado de canibalismo nesta especie. Aínda que as investigacións feitas non son claras en canto aos motivos que están detrás destes ataques, sinalouse que o macho implicado nestes ataques tiña unha personalidade anormal similar a unha condición psicótica.[25]
As femias preñadas da tempada anterior dan a luz pouco despois de chegaren aos sitios de reprodución e a copulación ocorre xeralmente unha ou dúas semanas despois de daren a luz,[23][24] pero o óvulo fecundado non se implanta no útero ata o outono. Isto quere dicir que os óvulos fecundados poden permanecer dentro do corpo da femia sen implantarse ata tres meses despois de formar o blastocisto.[26] Son raros os partos de xemelgos.[27] Despois de aproximadamente unha semana de estar coidando as crías sen abandonar a praia, as femias empezan a facer viaxes ao mar para alimentarse cada vez máis longos e frecuentes, deixando as crías soas ata que en certo momento, chegado o verán, tanto a nai coma a cría abandonan definitivamente a praia; estas últimas xa teñen o peso e reservas de graxa necesarias para alimentarse por si mesmas. Este comportamento é o seu padrón de atención materna, que é común nos otáridos. Un estudo feito pola Universidade de California, Santa Cruz atopou que como media as crías macho consomen máis leite que as femias. Isto pode deberse a diferenzas no dimorfismo sexual comúns en otáridos.[28] Os machos reprodutores xaxúan durante toda a estación reprodutora,[29] e non adoitan entrar na auga desde mediados de maio e ata a agosto, cando a estrutura dos sitios de reprodución empeza a esboroarse e a maioría dos animais os abandonan en dirección ao mar, dispersándose por toda a súa área de distribución.
A idade de destete é moi variable; as crías poden permanecer coas súas nais durante catro anos. Documentáronse casos de nais que alimentaban unha filla que á súa vez estaba alimentando simultaneamente a súa propia cría, aínda que isto é extremadamente raro entre os mamíferos. Un estudo feito na illa Año Nuevo en 1983 atopou que a atención das femias e o tempo que pasan coas crías dependía do incremento das demandas nutricionais das crías e a eficiencia en mamar das crías. As femias como media pasaban 21 horas en terra e 36 horas no mar. A medida que as crías medraban, as femias empezaban a pasar máis tempo no mar. Na sexta semana de crecemento das crías, o tempo que pasaba a nai no mar decrecía nun 30%. Non hai relación entre a actividade das crías ou as súas excursións co seu tempo de mamar, idade ou sexo. Eses tres factores tampouco estaban relacionados co seu uso da enerxía. Estudos con auga marcada mostraron que a toma de leite das crías tiña unha relación directa co seu tamaño. As crías que consumían máis leite eran máis pesadas que as que consumían menos. Isto indica que o tempo que as femias pasan en terra coas crías depende da eficiencia ao mamar das crías e das demandas nutricionais e necesidades metabólicas.[30]
No pasado, a baixa produción de crías fora ligada a un incremento do estrés nutricional nas femias, o que se cre contribuíu ao declive do león mariño de Steller en Alasca.[26]
Mergullos
[editar | editar a fonte]Para poder mergullarse durante longos períodos de tempo, os leóns mariños de Steller presentan adaptacións como apnea, bradicardia e vasoconstrición periférica. Isto permítelles maximizar os seus almacéns de oxíxeno e aimentarse eficientemente durante os seus mergullos. Ademais destas adaptacións, a súa grosa capa de graxa e a capa externa da súa pelame manteñen o seu corpo illado durante as inmersións.[31]
Exemplares adestrados no Acuario de Vancouver foron situados en mar aberto na Estación de Investigación de Augas Abertas da Universidade de Columbia Británica para estudar o seu metabolismo e comportamento durante os mergullos.[32] Tamén se estudou o custo enerxético dos mergullos segundo o tipo de mergullo e outros factores. O límite de mergullo aeróbico dos leóns mariños de Steller está afectado polo seu estado nutricional e alimentición.[33]
Comunicación
[editar | editar a fonte]Como a maioría dos otáridos, os leóns mariños de Steller emiten vocalizacións no aire. Os machos maduros fan diversas vocalizaións como parte dos seus comportamentos territoriais, como arrotos, gruñidos, bufidos, e asubíos, que serven como advertencia a outros. Tanto os machos coma as femias producen tamén ruídos baixo a auga similares aos producidos ao aire, descritos como clics, ladridos e arrotos.[34] A principal función das súas vocalizacións é o comportamento social. As lecturas dos sonogramas desta especie indican pulsos de baixa frecuencia discretos baixo a auga que lembran os ruídos do comportamento territorial de "arrotos" que fai o macho no aire. Estas vocalizacións subacuáticas son como media de 20-30 pulsos por segundo.[35]
As vocalizacións son importantes para as parellas de nais e crías, xa que as nais deben encontrar as súas crías nunha área reprodutora ateigada de animais cando regresan de alimentarse no mar. A nai e a cría teñen ambas chamadas distintivas, que son como os seus nomes, que axudan a identificase entre a multitude de leóns mariños.[36] As súas vocalizacións aéreas foron descritas como semellantes ao bear das ovellas e aos urros.
Como a especie é sexualmente dimórfica en tamaño, os seus oídos difiren en sensibilidade, posiblemente debido a diferenzas no tamaño das súas estruturas auditivas. As femias teñen unha sensibilidade máis alta que os machos, quizais para poderen oir as chamadas de frecuencia máis alta das crías. O rango auditivo que teñen os leóns mariños de Steller tamén suxire que poden oír as chamadas subacuáticas dun dos seus principais predadores, a candorca.[37]
Interaccións cos humanos
[editar | editar a fonte]Os leóns mariños de Steller foron cazados pola súa carne e outros produtos polas comunidades prehistóricas en todas partes do seu rango coincidentes coa presenza humana. Ademais de para o alimento e vestido, a súa pel era utilizada para cubrir as baidarkas e kayaks (dous tipos de embarcacións). Aínda hoxe se produce unha caza de subsistencia duns 300 animais ou menos nalgunhas comunidades nativas en Alasca.[1]
Historicamente, a especie tivo só un lixeiro valor comercial. Por exemplo, no século XIX os seus bigotes vendíanse a un penique a peza para o uso como limpadores da pipa de tabaco.[38]
Ás veces eran matados intencionalmente polos pescadores, que os percibían como competidores e unha ameaza para os stocks de peixes.[1] Actualmente está prohibido matalos nos Estados Unidos e Rusia, e o Canadá (onde se facían matanzas antes de 1970)[39] pero seguen matándose en certas cantidades no Xapón.
En anos recentes os leóns mariños de Steller entran no esteiro do río Columbia e aliméntanse dos esturións Acipenser transmontanus, de varias especies de salmón do Pacífico e da troita arco da vella, e algunhas destas especies están na lista da Lei de especies ameazadas dos Estados Unidos. Entran no río Columbia principalmente a finais do inverno e primavera, ocasionalmente indo augas arriba ata a presa Bonneville.[40] Aínda que non é tan abondoso como o león mariño de California Zalophus californianus, causa preocupación ás axencias encargadas de xestionar as poboacións de peixes. Desde que a especie está protexida pola Lei de protección de mamíferos mariños,[1] os xestores desas axencias deben usar con eles métodos disuasorios non letais, como balas de goma e ruídos. Está prohibido que isto o realice a xente.
Declive recente e posterior recuperación
[editar | editar a fonte]Aínda que as poboacións do leste de Asia parecen estables, as poboacións do oeste, especialmente as das illas Aleutianas, estimouse que descenderon nun 70–80% desde a década de 1970. Como consecuencia, en 1997 as poboacións do conxunto occidental foron listadas como en perigo e as do leste como ameazadas na Lei de especies ameazadas dos Estados Unidos.[41][42] Desde entón foron obxecto dun intenso estudo e o centro de moitos debates políticos e científicos en Alasca.
Unha causa da que se sospeitou que parecí explicar o seu rápido declive era a sobrepesca do Gadus chalcogrammus, arenques e outras especies de peixes no golfo de Alasca. Esta idea nacía en gran medida da “hipótese da comida lixo”, que falaba dun cambio na súa dieta tradicional de especies graxas como arenques e capeláns a outras menos graxas como abadexos e platixas, o que limitaba a súa capacidade de consumir e almacenar graxa.[43] Outras hipóteses eran o incremento da predación polas candorcas[44] e tiburóns,[45] os efectos indirectos da composición das especies presa debido a cambios climáticos, os efectos de doenzas ou de contaminantes, a súa caza polos pescadores e outras. En realidade, o declive parece debido a un complexo de factores interrelacionados que aínda non foron ben definidos a pesar dos esforzos realizados na súa investigación.[46][47]
Outra posible razón do declive foi ligada á hipótese do estrés nutricional. A falta de presas correspóndese coa diminución da poboación. En concreto, nas femias, ao obteren unha cantidade insuficiente de nutrientes, perderon a capacidade de completar os embarazos ata o final.[48]
Posteriormente as poboacións recuperáronse. En outubro de 2013, as poboacións do leste de león mariño de Steller foron retiradas da Lista de especies ameazadas dos Estados Unidos despois de que se producise unha importante recuperación da poboación durante varios dos anos anteriores.[49]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Gelatt, T. and Sweeney, K. (2016). Eumetopias jubatus. The IUCN Red List of Threatened Species doi 10.2305/IUCN.UK.2016-1.RLTS.T8239A45225749.en
- ↑ González González, Manuel (ed.). "Otaria de Steller". Tergal. Consultado o 20/12/2024.
- ↑ "bUSCatermos". aplicacions.usc.es. Consultado o 2024-12-20.
- ↑ Steller Sea Lions, Eumetopias jubatus. marinebio.org
- ↑ Steller Sea Lions Arquivado 19 de marzo de 2012 en Wayback Machine.. Northwest Regional Office. noaa.gov
- ↑ Loughlin, Thomas R; Perez, Michael A; Merrick, Richard L (1987). "Eumetopias jubatus" (PDF). Mammalian Species 283 (283): 1–7. JSTOR 3503908. doi:10.2307/3503908. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 24 de maio de 2019.
- ↑ Kindersley, Dorling (2001). Animal. New York City: DK Publishing. ISBN 978-0-7894-7764-4.
- ↑ Keranen, Danielle. Eumetopias jubatus. Steller sea lion. Animal Diversity Web
- ↑ Olesiuk, Peter F, and Bigg, Michael A. (~1984) Marine mammals in British Columbia Arquivado 04 de setembro de 2017 en Wayback Machine..
- ↑ "Steller Sea Lion (Eumetopias jubatus)". NOAA Fisheries. Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2017. Consultado o 21 May 2017.
- ↑ Alaska Marine Mammal Stock Assessments, 2009 Arquivado 17 de maio de 2017 en Wayback Machine.. (PDF) . Retrieved on 2011-09-16.
- ↑ Allen, B. M., and R. P. Angliss (revised 25 November 2008) NOAA-TM-AFSC-206. STELLER SEA LION (Eumetopias jubatus): Eastern U. S. Stock Arquivado 17 de maio de 2017 en Wayback Machine.. (PDF).
- ↑ "Steller Sea Lion (Eumetopias jubatus)" Seal Conservation Society Accessed 2013-04-25
- ↑ Fisheries, NOAA (2018-05-29). "Steller Sea Lion | NOAA Fisheries". www.fisheries.noaa.gov. Consultado o 2018-06-07.
- ↑ 15,0 15,1 Gentry, Roger L. (2009). "Eared Seals". Encyclopedia of Marine Mammals. Elsevier. pp. 339–342. ISBN 9780123735539. doi:10.1016/b978-0-12-373553-9.00083-3.
- ↑ Sepúlveda, Maritza; Santos, Macarena; Veas, Rodrigo; Muñoz, Lily; Olea, Danai; Moraga, Rodrigo; Sielfeld, Walter (August 2015). "Annual, seasonal and daily variation in the abundance of the South American sea lion Otaria flavescens in two breeding colonies in northern Chile". Revista de Biología Marina y Oceanografía 50 (2): 205–220. ISSN 0718-1957. doi:10.4067/S0718-19572015000300001.
- ↑ 17,0 17,1 Loughlin, Thomas R.; Rugh, David J.; Fiscus, Clifford H. (1984). "Northern Sea Lion Distribution and Abundance: 1956-80". The Journal of Wildlife Management 48 (3): 729–740. JSTOR 3801420. doi:10.2307/3801420.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 Sinclair, E. H.; Zeppelin, T. K. (2002). "Seasonal and Spatial Differences in Diet in the Western Stock of Steller Sea Lions (Eumetopias jubatus)". Journal of Mammalogy 83 (4): 973–990. JSTOR 1383503. doi:10.1644/1545-1542(2002)083<0973:SASDID>2.0.CO;2.
- ↑ 19,0 19,1 19,2 Keyes, M. C. (1968). "The nutrition of pinnipeds", pp. 359–395 in R. J. Harrison, R. C. Hubbard, R. S. Peterson, C. E. Rice, and R. J. Schusterman (eds.) The behavior and physiology of pinnipeds. Appleton, Century-Crofts, New York.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 20,3 Mathisen, O. A.; Baade, R. T.; Lopp, R. J. (1962). "Breeding Habits, Growth and Stomach Contents of the Steller Sea Lion in Alaska". Journal of Mammalogy 43 (4): 469–477. JSTOR 1376909. doi:10.2307/1376909.
- ↑ 21,0 21,1 Fiscus, C. H.; Baines, G. A. (1966). "Food and Feeding Behavior of Steller and California Sea Lions". Journal of Mammalogy 47 (2): 195–200. JSTOR 1378115. doi:10.2307/1378115.
- ↑ "Steller sea lion" (PDF). NOAA Fisheries Service.
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 Gentry, R. L. (1970). "Social Behavior of the Steller’s Sea Lion". Ph. D. Thesis, University of California, Santa Cruz, CA.
- ↑ 24,0 24,1 24,2 24,3 Sandergen, F. E. (1970). 'Breeding and Maternal Behavior of the Steller’s Sea Lion (Eumetopias jubatus) in Alaska', M. S. Thesis, University of Alaska, College.
- ↑ "Cannibal Sea Lion Kills and Eats Pup—Never Before Seen". nationalgeographic.com. 16 August 2017.
- ↑ 26,0 26,1 Pitcher, Kenneth W. (1998). "Reproductive Performance of female Steller sea lions: an energetics-based reproductive strategy?". Canadian Journal of Zoology 76 (11): 2075–2083. doi:10.1139/z98-149.
- ↑ Alaska Department of Fish and Game, "Life History". Adfg.alaska.gov. Retrieved on 2011-12-17.
- ↑ Higgins, Lesley V. (January 1988). "Behavioral and Physiological Measurements of Maternal Investment in the Steller Sea Lion, Eumetopias jubatus". Marine Mammal Science 4: 44–58. doi:10.1111/j.1748-7692.1988.tb00181.x.
- ↑ Riedman, M. (1990). The Pinnipeds: Seals, Sea lions, and Walruses. Los Angeles, University of California Press. p. 200 ISBN 0-520-06497-6.
- ↑ Higgins, Lesley V.; Costa, Daniel P.; Huntley, Anthony C.; Boeuf, Burney J. (January 1988). "BEHAVIORAL AND PHYSIOLOGICAL MEASUREMENTS OF MATERNAL INVESTMENT IN THE STELLER SEA LION, EUMETOPIAS JUBATUS". Marine Mammal Science 4 (1): 44–58. ISSN 0824-0469. doi:10.1111/j.1748-7692.1988.tb00181.x.
- ↑ Maser, Chris; Mate, Bruce R.; Franklin, Jerry F.; Dyrness, C.T. (1981). "Natural History of Oregon Coast Mammals". Portland, OR. doi:10.2737/pnw-gtr-133.
- ↑ Rosen, David A. S.; Hindle, Allyson G.; Gerlinsky, Carling D.; Goundie, Elizabeth; Hastie, Gordon D.; Volpov, Beth L.; Trites, Andrew W. (2016-09-29). "Physiological constraints and energetic costs of diving behaviour in marine mammals: a review of studies using trained Steller sea lions diving in the open ocean". Journal of Comparative Physiology B 187 (1): 29–50. ISSN 0174-1578. PMID 27686668. doi:10.1007/s00360-016-1035-8. hdl:10023/11765.
- ↑ Svärd, C; Fahlman, A; Rosen, DAS; Joy, R; Trites, A (2009-12-28). "Fasting affects the surface and diving metabolic rates of Steller sea lions Eumetopias jubatus". Aquatic Biology 8: 71–82. ISSN 1864-7782. doi:10.3354/ab00211.
- ↑ Schusterman, R. J., Balliet, R. F., & John, S. S. (1970). Vocal displays under water by the gray seal, the harbor seal,. and the stellar sea lion. Psychonomic Science, 18(5), 303-305.
- ↑ Schusterman, Ronald J.; Balliet, Richard F.; St. John, Stanley (1970). "Vocal displays under water by the gray seal, the harbor seal,. And the stellar sea lion" (PDF). Psychonomic Science 18 (5): 303–305. doi:10.3758/bf03331839.
- ↑ Campbell, G. S., Gisiner, R. C., Helweg, D. A., & Milette, L. L. (2002). Acoustic identification of female Steller sea lions (Eumetopias jubatus). The Journal of the Acoustical Society of America, 111(6), 2920-2928.
- ↑ Kastelein, R. A., van Schie, R., Verboom, W. C., & de Haan, D. (2005). Underwater hearing sensitivity of a male and a female Steller sea lion (Eumetopias jubatus). The Journal of the Acoustical Society of America, 118(3), 1820-1829.
- ↑ Haynes, Terry L. and Mishler, Craig (1991) The subsistence harvest and use of Steller sea lions in Alaska. Technical paper no. 198. Alaska Dept. of Fish and Game, Division of Subsistence. Juneau, Alaska
- ↑ COSEWIC - Goberno de Canadá Steller sea lion (Eumetopias jubatus): COSEWIC assessment and status report 2013
- ↑ "Seal & Sea Lion Facts of the Columbia River & Adjacent Nearshore Marine Areas" (PDF). NOAA. March 2008. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de xullo de 2012. Consultado o 16 April 2012.
- ↑ Steller Sea Lion. US National Marine Fisheries Service .
- ↑ Steller sea lion (Eumetopias jubatus) Arquivado 06 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. U.S. Fish & Wildlife Service.
- ↑ Biodiversity: Pity the copepod. The Economist (2012-06-16). Retrieved on 2012-10-27.
- ↑ Horning, M; Mellish, J. A. (2012). "Predation on an Upper Trophic Marine Predator, the Steller Sea Lion: Evaluating High Juvenile Mortality in a Density Dependent Conceptual Framework". PLoS ONE 7 (1): e30173. PMC 3260237. PMID 22272296. doi:10.1371/journal.pone.0030173.
- ↑ Horning, Markus; Mellish, Jo-Ann E. (2014). "In cold blood: evidence of Pacific sleeper shark (Somniosus pacificus) predation on Steller sea lions (Eumetopias jubatus) in the Gulf of Alaska" (PDF). Fishery Bulletin 112 (4): 297. doi:10.7755/FB.112.4.6.
- ↑ Clover, Charles. 2004. The End of the Line: How overfishing is changing the world and what we eat. Ebury Press, London. ISBN 0-09-189780-7
- ↑ Dalton, Rex (2005). "Is this any way to save a species?". Nature 436 (7047): 14–6. PMID 16001032. doi:10.1038/436014a.
- ↑ Trites, A. W. (2003). "The decline of Steller sea lions Eumetopias jubatus in Alaska: a review of the nutritional stress hypothesis". Mammal Review 33 (1): 3–28. doi:10.1046/j.1365-2907.2003.00009.x.
- ↑ "Sea Lion Species Removed from Endangered Species List". Yahoo News. Consultado o 27 October 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Heptner, V. G.; Nasimovich, A. A; Bannikov, Andrei Grigorevich; Hoffmann, Robert S, Mammals of the Soviet Union, Volume II, part 3. Washington, D.C. : Smithsonian Institution Libraries and National Science Foundation
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Otaria de Steller |
- Marine Mammal Center – León mariño de StellerArquivado 24 de setembro de 2009 en Wayback Machine.
- Páxina web do león mariño de Steller do US National Marine Fisheries Service
- ARKive – imaxes e vídeos de Eumetopias jubatus
- Páxina sobre león mariños do Alaska Department of Fish and Game
- Resumo das investigacións sobre leóns mariños de Steller da NOAA, National Marine Fisheries Service, National Marine Mammal Lab
- Documentqal de Nature sobre o declive dos leóns mariños de Steller Arquivado 17 de xuño de 2008 en Wayback Machine.
- Informe nun medio de comunicación sobre a interacción desta especie cos esturións Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
- SeaLionPredation.com – novas e informacións sobre a predación de salmóns e outros peixes feita por focas e leons mariños no Pacífico noroeste
- Folla de datos da NOAA sobre pinnípedes no río Columbia
- Descrición orixinal de Georg Steller na obra De Bestiis Marinis, ou, As bestas mariñas (1751)
- Vídeos de Eumetopias jubatus da BBC en Wildlife FinderArquivado 06 de novembro de 2010 en Wayback Machine.
- Quince anos de investigacións sobre as poboacións de Alasca de leóns mariños de Steller no the Alaska SeaLife Center