Evolución tecnolóxica
Evolución tecnolóxica é o nome dunha teoría dos estudos de ciencia, tecnoloxía e sociedade (CTS) para describir o desenvolvo histórico da tecnoloxía, desenvolvido polo filósofo checo Radovan Richta.[1]
O concepto é confluente co de revolución tecnolóxica, posto que só durante os períodos de maior aceleración nas innovacións márcase entre ambos conceptos a diferenza de ritmo, de violencia e de transcendencia que existe entre os conceptos xenéricos de evolución e revolución. Durante a maior parte da historia da humanidade, o ritmo desas innovacións foi lento e imperceptible.
Co nome de revolución tecnolóxica ou revolución científico-técnica adoita referirse concretamente ás transformacións técnicas, económicas e sociais da terceira revolución industrial dende a segunda metade do século XX, aínda que tamén adoitase empregar para referirse ás dúas primeiras grandes transformacións que mereceron o nome de revolución económica: a Revolución Neolítica e a Revolución Industrial dos séculos XVIII e XIX.
Teoría da evolución tecnolóxica
[editar | editar a fonte]Etapas do desenvolvemento tecnolóxico
[editar | editar a fonte]- O período pretecnolóxico, no que todas as especies animais (á parte da especie humana, algunhas aves e primates) seguen hoxe en día, era un período non racional dos primeiros homínidos prehistóricos.
- A aparición da tecnoloxía, que foi posible polo desenvolvemento da facultade racional, aplanou o camiño para a primeira etapa: a ferramenta. Unha ferramenta achega unha vantaxe mecánica no cumprimento dunha tarefa física, e debe ser alimentada pola enerxía humana ou animal. Permiten cousas imposibles de lograr só co corpo humano, como ver detalles visuais pequeniños cunha sinxela lente ou un sofisticado microscopio; a manipulación de obxectos pesados (con máquinas complexas como un guindastre, simples, coma unha polea, ou con instrumentos tan sinxelos como unha cesta); ou o transporte, procesamento e almacenamento de todo tipo de fluídos ou grans, cun cubo de auga, un odre ou un barril para o viño, ou unha vasilla de cerámica para o aceite.
- Os cazadores-recolectores do paleolítico desenvolveron ferramentas que aumentaban a eficiencia do traballo físico para lograr o seu obxectivo, principalmente para a adquisición de alimentos: ferramentas líticas primitivas como o canto tallado, a lasca e o bifaz, de uso sucesivamente máis especializados ou complexos (raedeira, lanza, frecha, ou martelo).
- A segunda etapa tecnolóxica foi a creación da máquina. Restrinxindo este concepto ao da máquina alimentada por enerxía non humana nin animal, é unha ferramenta que substitúe o elemento humano de esforzo físico, e require dun operador só á súa función de control. As máquinas estendéronse coa revolución industrial, aínda que o barco ou o muíño de vento, e outros tipos de máquina que responden a esta definición, son moi anteriores.
- Exemplos disto inclúen o ferrocarril, a iluminación, o automóbil, o ordenador. As máquinas permiten aos seres humanos superar tremendamente os límites dos seus corpos. A mecanización de calquera actividade económica produce unha expansión espectacular nela, empezando pola agricultura: introducir un tractor nunha explotación agrícola produce un aumento da produtividade alimentaria, como mínimo, dez veces superior á tecnoloxía do arado e o cabalo.
- A terceira, e última etapa da evolución tecnolóxica é o autómata. O autómata é unha máquina que elimina o elemento de control humano cun algoritmo automático. Exemplos de máquinas que presentan esta característica son os reloxos dixitais, conmutadores telefónicos automáticos, marcapasos, e os programas de ordenador.
É importante entender que as tres etapas ou tipos fundamentais da tecnoloxía se solapan temporalmente na súa utilización, e os tres seguen sendo amplamente utilizado hoxe en día.
Tecnoloxía, enerxía e límites do desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A utilización de distintas formas (como a electricidade, o movemento, a luz ou a calor) e fontes de enerxía (combustibles fósiles -coma o carbón, o petróleo e o gas natural-, a enerxía hidráulica, a enerxía nuclear ou as enerxías alternativas) demandadas en cantidades crecentes polo desenvolvemento tecnolóxico e económico produciu a crise enerxética que dende os anos 1970 vén cuestionando a posibilidade do mantemento do actual modelo de desenvolvemento, sumado a outros efectos nocivos, tanto polo desenvolvemento desigual, como polas súas consecuencias medioambientais (contaminación, quecemento global etc.).
Implicacións teóricas
[editar | editar a fonte]O proceso de evolución tecnolóxica culmina coa capacidade de acadar todos os valores materiais tecnoloxicamente posibles e desexables polo esforzo mental.
Unha implicación económica do anterior é que o traballo intelectual tende a ser cada vez máis importante en relación co traballo físico. As transaccións en torno á información son cada vez máis comúns no mercado. A expansión e a creación de novos tipos de institucións que traballan con información como, por exemplo, universidades, bibliotecas, patentes de empresas comerciais etc. considéranse indicativas do grao de evolución tecnolóxica alcanzado por unha civilización.
Curiosamente, isto pon de relevo a importancia da propiedade intelectual en relación cos sistemas de distribución descentralizada, tales como Internet, cando o prezo da distribución de información tende a cero con cada vez máis eficientes ferramentas para distribuír información e a crecente cantidade de información que se distribúe a unha cada vez maior base de clientes. A crecente des-intermediación nos devanditos mercados e a crecente preocupación pola protección dos dereitos de propiedade intelectual non deixa claro que forma terán os mercados da información coa evolución da era da información.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ RADOVAN RICHTA: La civilización en la encrucijada. Madrid: Editorial Artiach, 1972.; citado por ROMUALDO LOPEZ ZARATE LA EDUCACION EN EL FUTURO. (Ensaio comparativo de tres enfoques)