Saltar ao contido

Exarcado de Rávena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Βασιλεία Ῥωμαίων
Imperio Romano (Bizantino)


(Emblema da Dinastía Paleólogo)

Lema: Βασιλεὺς Βασιλέων
Βασιλεύων Βασιλευόντων

(Grego: Rei de reis que reina sobre os reinantes)

Cronoloxía
-667 Fúndase a Antiga cidade de Bizancio (futura Constantinopla).
330 Constantino fai de Constantinopla a capital.
395 División permanente do Imperio Romano trala morte de Teodosio I.
527
Xustiniano I ascende a emperador.
532-537
Xustiniano I constrúe a Igrexa da Divina Sabedoría.
533-554
Os xenerais de Xustiniano I reconquistan África do Norte e Italia dos vándalos e ostrogodos.
568 Os longobardos invaden Italia.
634-641 Perda de Exipto, Siria e Palestina fronte aos árabes. Nas décadas seguintes toman a maior parte do Norte de África e despois conquistan Sicilia.
730-787
813-843
Controversias iconoclastas resultan na perda da maioría dos territorios italianos do Imperio xunto con algúns territorios no sur.
1054 A Igrexa de Constantinopla sepárase da Igrexa de Roma.
1071 Batalla de Manzikert. A maior parte de Asia Menor pérdese. Os normandos conquistan os últimos enclaves bizantinos en Italia.
1204 Toma de Constantinopla polos Cruzados. Créase o Imperio Latino.
1261 Miguel VIII Paleólogo, emperador bizantino do Imperio de Nicea, libera Constantinopla.
1453 Constantinopla é conquistada polos turcos otománs

O Exarcado de Rávena foi o centro do poder bizantino en Italia desde finais do século VI ata o ano 751, cando o último exarca foi executado polos longobardos.

Introdución

[editar | editar a fonte]

En 404, durante o mandato de Honorio, Rávena converteuse na capital do Imperio Romano de Occidente grazas á súa vantaxosa localización e o seu abrigado porto con acceso ao Adriático. A cidade continuou sendo o centro do Imperio Romano de Occidente ata a súa disolución en 476, momento en que se converteu na capital primeiro de Odoacro e logo dos ostrogodos, baixo Teodorico, rexendo o territorio de Italia, Galia Cisalpina, Dalmacia e Sicilia. En 540, Rávena foi conquistada polo xeneral bizantino Belisario, aínda que sería posteriormente recuperada polos ostrogodos e volta a conquistar para Bizancio por Narsés en 552.

Posteriormente, por mor da invasión lombarda, que comezou en 568, Rávena pasou a ser a sede do exarcado imperial. O exarcado fundouse e organizou durante o reinado do emperador Mauricio (582-602).

O exarcado

[editar | editar a fonte]

Á fronte do exarcado estaba o exarca, representante do emperador, que asumía tanto o poder civil como o militar dentro do territorio. O territorio baixo dominio efectivo do exarca estendíase pola costa adriática de Italia desde Venecia no norte ata As Marcas. O resto dos territorios bizantinos da península italiana non estaban baixo a autoridade directa do exarca, senón baixo o goberno de duques ou magistri militum. As illas non pertencían ao exarcado: Sicilia constituía unha unidade administrativa diferente, en tanto que Córsega e Sardeña dependían do Exarcado de Cartago.

Os longobardos estableceron a súa capital en Pavia, desde onde controlaban o val do Po. Algúns guerreiros independentes penetraron máis cara ao sur, e estableceron os ducados de Spoleto e Benevento. A creación destes ducados dificultou as comunicacións de Rávena cos territorios bizantinos da Italia meridional, facendo máis precario o poder de Bizancio na península.

Durante o século VII, o Exarcado foi perdendo territorios en beneficio dos longobardos. Piemonte, Lombardía, o Véneto, Toscana e gran parte do sur de Italia pasaron a poder dos longobardos, así como Liguria (en 640). Roma, nominalmente baixo a autoridade do exarca, era na práctica rexida polo Papa, e a rivalidade deste último co Patriarca de Constantinopla era causa frecuente de tensións.

En torno ao ano 740, en vésperas do seu final, o Exarcado controlaba apenas Istria (excepto a lagoa de Venecia, que comezaba a establecerse como unha cidade-estado independente, Ferrara, Rávena coa Pentápole e Perugia.

O final do exarcado

[editar | editar a fonte]

Durante os séculos VII e VIII, a posición do exarca foi facéndose máis difícil, debido á ameaza dos longobardos e os francos, así como pola división entre a cristiandade oriental e occidental motivada pola crise iconoclasta e a rivalidade entre o Papa e o Patriarca de Constantinopla.

Rávena continuou sendo a sé do exarcado ata a revolta do 727 contra os emperadores iconoclastas. O último exarca foi asasinado polos longobardos en 751. O exarcado transformouse no catapanado de Italia, con capital en Bari, cidade que foi conquistada polos árabes en 858 e recuperada por Bizancio en 878.

Cando, en 756 os francos expulsaron os longobardos, o papa Estevo III reclamou o exarcado. O seu aliado, Pipino o Breve, rei dos francos, doou os territorios conquistados do antigo exarcado ao Papa en 756. Esta doazón, confirmada posteriormente por Carlomagno (774), constitúe o inicio do poder temporal do Papado, coñecido como Patrimonio de San Pedro.

Cando Sicilia foi conquistada polos árabes no século X, os restos do poder bizantino en Italia organizáronse nos temas de Calabria e Longobardia. Istria e a cabeceira do Adriático foron incorporados a Dalmacia.

Cronoloxía dos exarcas de Rávena

[editar | editar a fonte]
Mapa da Italia bizantina e longobarda
Mapa da Italia bizantina e longobarda

Após Narsés, duque de 554 a 568, os exarcas son: