Félix Villares Mouteira
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de marzo de 1947 (77 anos) Belesar, España |
Educación | Universidade Pontificia de Salamanca |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote, catedrático |
Félix Villares Mouteira, nado en Belesar (Vilalba) o 24 de marzo de 1947, é un sacerdote e profesor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]En 1958 ingresou no mosteiro de San Salvador de Lourenzá, onde fixo os dous primeiros cursos como seminarista. Despois estivo sete anos no Seminario Menor de Mondoñedo, onde creou en 1963 a revista Trapecio xunto cos seus compañeiros. En 1967 marchou a Salamanca, onde se licenciou en 1971 en Teoloxía pola Universidade Pontificia. Nesa cidade desenvolveu un intenso labor cultural, promovendo a celebración dunha misa en galego, a edición da revista Anduriña e actividades como exposicións de libros, conferencias ou recitais de poesía.
O 28 de xullo de 1971 foi ordenado sacerdote na igrexa da súa parroquia natal da man de Miguel Anxo Araúxo Iglesias, bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, nunha cerimonia celebrada en lingua galega. O 28 de setembro dese ano foi nomeado primeiro profesor de lingua galega do seminario de Mondoñedo. En abril de 1982 creou co seu alumnado a revista escolar Amencer.
En agosto de 1988 foi nomeado reitor do seminario de Mondoñedo, e levou a cabo a restauración do edificio. Entre setembro de 1999 e xuño de 2006 foi vicario xeral do bispado de Mondoñedo-Ferrol, e despois pasou a ser director do arquivo diocesano.
Ten colaborado nas revistas Encrucillada, Amencer, A Croa e nos xornais La Voz de Galicia, El Ideal Gallego (do que foi correspondente en Mondoñedo entre 1980 e 1988) e El Progreso. Co alumnado do Seminario fixo programas en Radio Popular de Lugo, na Radio Galega e na Cadena Ser. Pronunciou numerosas conferencias sobre a cultura galega e a liturxia en galego, da que é máximo defensor.
Obras
[editar | editar a fonte]- Os poetas do Seminario de Mondoñedo (Deputación de Lugo, 1977; con limiar de Xesús Alonso Montero)
- Xosé Crecente Vega (Toxosoutos, 2001)
- San Martiño de Belesar: Memoria e futuro (2005)
- A Carón do lume (Edicións Citania, 1999; coordinador)
Obras colectivas
[editar | editar a fonte]- Galicia, ano 70 (Edicións Celta, 1971)
- Cinguidos por unha arela común (Universidade de Santiago, 2000; homenaxe a Alonso Montero)
- D. Misael Prieto García, o defensor dos pobres
- Don Xosé María Goás Ferreiro, un pastor asceta e penitente
- D. Luis Villarino Couto, un referente de amor a Deus nos demais
- Sor María Luisa del Sagrado Corazón, unha muller de Deus
- Testigos de la fe ne la Diócesis de Mondoñedo-Ferrol (Segundo Pérez López, 2003).
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]O 30 de outubro de 1999 tributóuselle unha homenaxe popular en Mondoñedo en agradecemento ó seu labor á fronte do Seminario.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Félix Villares Mouteira en galegos.info.