Saltar ao contido

Fía na Roca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fía na Roca
OrixeGalicia
Período1990 - presente
Xénero(s)Folk
MembrosSonia Lebedynski
Giao Rodrigues
Xosé Ramón Vázquez
Roberto Santamarina
Xabier Olite
Roberto Rama
Carlos Castro
Na rede
www.fianaroca.com
Discogs: 2388673 Editar o valor en Wikidata

Fía na Roca foi un grupo musical galego que naceu en 1990, da man de Xosé Ramón Vázquez e Xabier Bueno, que nese ano decidiron xuntarse para crear música con influencias folk, rock, jazz e de novas músicas.

Formaron parte do grupo Sonia Lebedynski, Giao Rodrigues, Xosé Ramón Vázquez, Roberto Santamarina, Xabier Olite, Roberto Rama e Carlos Castro.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

O seu primeiro álbum, Fía na roca (1993), foi recibido con excelentes críticas, tratándose dunha certa lufada de ar fresco na música de raíz tradicional galega.

En 1997 aparece o seu segundo disco, Agardando que pase algo, que marcou a exportación da música do grupo para outras lugares e a súa aparición en colectáneas dedicadas á música celta.

En 2001 sacaron Contravento, que incorpora a nova cantora galega Sonia Lebedynski, sétimo compoñente da formación. Unha produción da televisión xaponesa Aichi TV empregou este disco como banda sonora da serie baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho O diário de um mago, no que se relata unha peregrinación do autor a Santiago de Compostela. Este disco foi elixido como un dos mellores discos de música galega do 2001 por diferentes medios de comunicación [Cómpre referencia]. Durante a xira de presentación de Contravento, no verán de 2001, coinciden coa banda do Quebec La Bottine Souriante no Festival de Ortigueira. Con eles gravan o documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversario do grupo. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a dúo un tema co cantante solista da Bottine, Yves Lambert.

No ano 2003 Fía na roca cumpriu 10 anos de concertos en directo. Para celebralo a banda gravou o seu novo traballo ao vivo no Teatro Principal de Santiago de Compostela os días 7 e 8 de decembro. No ano 2004 editouse Dez anos ao vivo. Ademais, para completar a celebración, volvéronse a reeditar os tres traballos anteriores nunha nova edición remasterizada.

No 2007 editouse o seu quinto traballo discográfico chamado Vente vindo. Este disco dá un golpe de temón no rumbo da banda, que despois de tres discos de estudio e un ao vivo, fundamentalmente instrumentais, presenta por primeira vez unha maioría de pezas cantadas -todas elas en galego- e baseadas principalmente en fontes tradicionais. Coa voz de Sonia Lebedynski, Fía na roca reinvéntase sen imitar fórmulas comerciais nin estándares de éxito. Fía na roca comeza esta etapa con nova formación. Despois de sufrir dúas sentidas ausencias –Xabier Bueno, fundador e puntal do proxecto Fía - e Cris Gándara, contrabaixista e músico de recoñecida traxectoria, o grupo renóvase coa entrada de Xabier Olite, ex-membro da Psicofónica de Conxo, que se ocupa dos baixos, e Roberto Rama, procedente do mundo tradicional, que se encarga de gaitas, saxos e low whistles. Xunto con Sonia Lebedynski, Xosé Ramón Vázquez, Carlos Castro, Giao Rodrigues e Roberto Santamarina, o novo Fía fica completo, con Pablo Barreiro como técnico de son e responsábel da gravación.

En 2008, co 15º aniversario, gravouse de novo no Teatro Principal de Compostela un concerto, editado en DVD baixo o título de Quince maios e que aspira a ser unha instantánea do grupo despois de todos estes anos, un reflexo do estado actual de Fía na roca. Ao mesmo tempo, continúa a proxección internacional da banda con concertos en Francia, Italia e Alemaña e mesmo Suramérica, cunha recente xira pola Arxentina e o Uruguai.

En 2010 anunciaron que se despedirían dos escenarios en xaneiro de 2011, dando un último concerto no festival Celtic Connections de Glasgow[1].

Discografía

[editar | editar a fonte]
  1. Web do grupo Arquivado 22 de marzo de 2011 en Wayback Machine..

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]