Faro de cabo Prior
Faro de cabo Prior | |
---|---|
Datos xerais | |
Localización | |
Concello | Cabo Prior, Ferrol |
Construción | 1853 |
Datos técnicos | |
Cód. internacional | D-1692 |
Descrición | Poligonal de pedra |
A.S.N.M. | 107 metros |
Altura sobre o terreo | 7 metros |
Características | GpD(1+2)B 15 s |
Período | 0.3+<5.7>+0.3+<2.7>+0.3+<5.7>=15 s |
Alcance | 22 millas náuticas |
O faro de cabo Prior é un faro situado no cabo Prior, na parroquia de Covas, no concello de Ferrol.
Historia
[editar | editar a fonte]Comezou a funcionar o 1 de marzo de 1853, unha luz fixa branca comeza a verse no máis alto do cabo, á distancia de 15 millas náuticas. Esta era producida por unha aparello de 3º orde pequena, modelo da casa Sautter e unha lámpada mecánica servida por dous torreiros.
En 1904 fíxaselle aparencia de luz branca con 4-2 ocultacións, para o que se axustou ao aparello óptico un xogo de pantallas xiratorias accionadas por unha máquina de reloxaría. Previamente, en 1902, dotáraselle dun sistema de incandescencia por vapor de petróleo de calefacción exterior Sautter Harlé, con queimador para capillos de 35 mm.
Unha Real Orde do 1 de febreiro de 1912 resolvía a conveniencia de que se cambiase a luz fixa de Prior por outra que fose de escintileos. Para iso, o 23 de abril de 1923 comeza a funcionar unha instalación da casa Chance para capillos de 35 mm, que veu a substituír a antiga Sautter, e colócaselle o aparello de 3º orde gran modelo, procedente do faro de Salou, ao que se lle engadiu un flotador de mercurio e un xogo de lentes verticais exteriores accionadas por unha máquina de reloxaría, con reserva de corda para 8 horas, que darían a aparencia de 1-2 escintileos brancos cada 20 minutos. Estes traballos foron executados pola Maquinista Valenciana e entraron en servizo o 18 de xullo de 1926.
O 26 de outubro de 1974 entrou en servizo a electrificación, realizándose a modernización do sinal cunha nova lanterna cilíndrica de 2,25 m de diámetro, óptica catadióptrica de 250 mm, basamento con cuba e flotador de mercurio e máquina de rotación, todo iso fornecido pola Maquinista Valenciana. Tamén se lle puxo unha lámpada de incandescencia de 1500 vatios e dous grupos electróxenos Ruston. Catro anos despois, o día 31 de xullo, empezou tamén a funcionar unha sirena de vibradores electromagnéticos que daría a letra "P" en código Morse, repetida cada 25 minutos cun son audible a 7 millas de distancia. Da casa AGA foi a primeira instalación, que contaba cun detector automático de néboa que nunca deu resultado e foi preciso accionalo manualmente.
O edificio estaba composto de dúas partes diferenciadas unidas por un patio central. En conxunto formaban un rectángulo de 16x10 m. A torre arrincaba da parte posterior do patio e era de forma octogonal. Elevaba o foco (iluminación) a 7 m do chan e 136 sobre o mar. Encaixada na parte posterior, apenas sobresaía do edificio e estaba rematada por un pequeno balcón forxado da fundición Sargadelos, un torreón cilíndrico e unha lanterna poligonal de dez lados e cristais planos, do mesmo fabricante que a óptica, cuxo conxunto fora adquirido en 92 600 reais. O custo do edificio alcanzou a suma de 137 696 reais e ao longo dos anos sufriu alteracións substanciais ata alcanzar o aspecto actual. A realización dun proxecto de 1916, que se completou con outro en 1922, supuxo a eliminación do patio cubríndose e iluminándose ese espazo con cristaleira para ampliar a zona útil. Tamén se construíron dous pavillóns acaroados para vivendas que avanzan sobre a fachada principal e volven sobre a fronte para darlle forma de "O", suprimíndose os tellados en vertente que quedaron de azotea, rodeados dunha balaustrada, hoxe desaparecida.
En 1993 co nacemento das Autoridades Portuarias, a raíz da nova lei de Portos e Mariña Mercante, o faro quedou agregado á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, e deixou de ter torreiros atendéndose desde o porto, a sirena foi dada de baixa. En 1995 foi totalmente renovado o seu equipo luminoso, manténdose só a óptica, colocáronse dous motores de rotación electromagnéticos, desaparecendo o flotador e a cubeta de mercurio, un cambiador en "V" con lámpadas General Electric de 125V e 1000 W halóxenas e dous grupos electróxenos Deutz de 3000 r.p.m. e 380/220V, así mesmo o faro foi totalmente monitorizado para ser controlado por ordenador desde o centro de control situado na Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao. Todos os traballos foron realizados pola Maquinista Valenciana.
No ano 2002 substituíronse as lámpadas anteriores por unhas novas, Philips GX9'5 halóxenas, de 220 V e 1000 W. Isto obrigou a realizar modificacións no cadro de lámpadas para adaptalo á nova tensión de funcionamento destas.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pola senda dos faros; A.P. de Ferrol - San Ciprián.
- M.A. Sanchez Terry: Faros do Océano; MOPU.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Online List of Lights en inglés e alemán.
- Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao