Federación de Asociacións Culturais Galegas
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Federación de Asociacións Culturais Galegas | |
---|---|
Tipo | institución cultural |
Data de fundación | 2010 |
Sede | Santiago de Compostela |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Federación de Asociacións Culturais Galegas, tamén chamada Galiza Cultura, foi fundada no ano 2010 en Santiago de Compostela para actuar como unha plataforma de conexión entre todas as asociacións que se adscriben a ela. A súa presidenta é Pilar García Negro. No campo político, pódese asociar esta federación coa esquerda nacionalista.[Cómpre referencia]
O Asociacionismo galego
[editar | editar a fonte]O réxime franquista, que comezou no ano 1939 após a guerra civil española, tivo importantes consecuencias para a cultura, nación e lingua galegas. A ditadura impuxo unha forte censura no ámbito literario, de xeito que moitas obras quedaron sen ver a luz ou víronse obrigadas a publicarse no exilio.[Cómpre referencia] Non foi até a década dos sesenta cando se produciu unha apertura do réxime, e é neste momento cando comezan a xurdir diversas asociacións culturais, todas elas tendo como referente o grupo Brais Pinto (1958, Madrid). Estas asociacións naceron tanto nas vilas como nas cidades e tiñan como principal obxectivo facer visíbeis os problemas do país e construílo tendo en conta a lingua e a cultura propias. Para iso emprendéronse iniciativas tales como cursos, conferencias e actividades lúdicas, entre outras. Así mesmo, fomentáronse xéneros literarios como o teatro e a literatura infantil; e organizáronse concursos literarios, entre os que podemos destacar o Premio Teatro Castelao (concedido por O Galo).
O Galo
[editar | editar a fonte]A primeira asociación destacábel aparece no ano 1961 en Santiago de Compostela baixo o nome de Agrupación Cultural O Galo. Os seus creadores, Ventura Cores, Salvador García Bodaño, Carlos Maside e Mario Orjales organizaron excursións, conferencias, exposicións e lecturas dramatizadas para o conxunto da poboación.
O Facho
[editar | editar a fonte]No mesmo ano, a Agrupación Cultural O Facho dirixida por Enrique Harguindey Banet e Andrés Salgueiro Armada conseguiron achegarse a un maior público mediante a creación de contidos en xornais e un programa radiofónico. Ademais, levaron a cabo un concurso de contos infantís que tiña como obxectivo potenciar este tipo de lecturas no idioma galego.
Asociación Cultural de Vigo
[editar | editar a fonte]Un par de anos máis tarde, foi creada a Asociación Cultural de Vigo por Camilo Nogueira Román, Xosé Luís Méndez Ferrín e X. L. Franco Grande. Será neste momento cando emitan o primeiro programa de radio en lingua galega en España despois de 1936, co nome de Raíz e tempo e dirixido por Xohana Torres.
Canto a Agrupación Cultural Auriense (1967, Ourense), presidida por Ramón Otero Pedrayo, a súa actividade organízase arredor de actos, semanas culturais en diferentes sedes e cursos en galego. Alén diso, funcionou como club e escola de militancia nacionalista.
O Ateneo
[editar | editar a fonte]Por último, O Ateneo Ferrolán xorde no 1979 mais non ten actividade significativa até anos posteriores. Nesta agrupación conflúen tanto intelectuais como profesionais liberais. Dentro do seu programa cultural encóntranse actos dedicados a Castelao, conferencias e homenaxes a diversos artistas.
Unha das cuestións máis importantes é a da lingua, xa que durante esta época o galego viuse afastado do campo do ensino. Por esta razón os estudantes non puideron adquirir as destrezas e coñecementos suficientes da súa propia lingua. Así, estas asociacións mencionadas previamente pretendían garantir cursos en galego para o público interesado, especialmente para o alumnado universitario e os mestres. O papel que desempeñaron entidades como o Instituto da Lingua Galega, a Real Academia Galega e editoriais galegas foi imprescindíbel para o desenvolvemento do asociacionismo galego como o coñecemos hoxe en día.
Motivos
[editar | editar a fonte]Anteriormente existiu unha federación de asociacións culturais galegas formada por diversas asociacións non gobernamentais con actividade e proxección en moitos lugares. Galiza Cultura pretende ser a súa herdeira. Así, O Galo, A Sementeira, O Facho, a Agrupación Auriense e a Asociación Cultural de Vigo, entre outras, tiveron un papel fundamental na actividade cultural e no espertar de Galiza. Deste xeito, realizáronse recitais de poesía galega, obras de teatro e mesas redondas. A vocación socializadora destas asociacións é a causa pola cal se elixiu como receptor as clases populares.
Métodos
[editar | editar a fonte]Segundo a súa presidenta, o principal presuposto sobre o que se constrúe esta federación é que o pobo galego é unha nación con historia e cultura específicas, en constante proceso de creación, dinamismo e mudanza. A súa vontade reside en reivindicar, sempre desde unha liña pacífica e democrática, que o pobo galego siga existindo na súa expresión e rexeitan o seu anquilosamento.
Actividades
[editar | editar a fonte]- No mesmo ano da súa creación, tivo lugar a recordación, con ampla participación social, do 125º aniversario da morte de Rosalía de Castro, non como un acto mortuorio senón como unha celebración para darlle vida a quen fundou a literatura galega no século XIX.
- Alén diso, tamén se levou a cabo unha recollida de sinaturas por todo o país para apoiar no parlamento galego unha ILP (iniciativa lexislativa popular) que defendese a necesaria socialización do coñecemento da obra de Castelao. Dita obra consta aproximadamente de catro mil publicacións que se descoñecen. Algunhas das razóns que propón a presidenta baséanse en que estas obras están moi dispersas ou que non reciben a atención política necesaria. Deste xeito podemos observar como esta federación céntrase en figuras como as de Rosalía de Castro e Castelao por pertencer ao canon fixado da literatura galega.
- Do mesmo xeito, Galiza Cultura colabora con todas as asociacións de defensa do patrimonio cultural galego asemade da defensa ecolóxica do país.
- De acordo con Pilar García Negro, a presidenta, tamén contou cunha colaboración directa coa Mesa pola Normalización Lingüística con motivo de dar unha resposta e unha alternativa. Por unha banda, dar unha resposta aos atentados contra a lingua galega. E por outra banda, propor unha alternativa en chave normalizadora para a lingua.
Axentes implicados
[editar | editar a fonte]Todas aquelas asociacións culturais asociadas a todas aquelas adheridas con presenza por toda a nación. Galiza Cultura posúe dun espírito de colaboración activa con todos aqueles elementos ou entidades (fundacións como Manuel María, Castelao, Vicente Risco etc.) que teñen unha vocación compartida de servizo directo á cultura galega. As máis representativas son:
- Agrupación Cultural O Galo (Santiago de Compostela)
- Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña)
- O Castro (Vigo)
- A Pomba do Arco (Foz)
- Altofalante (Ribeira)
- Maio Longo (Pontevedra)
- Vagalumes (A Estrada)
- Monte da Estrela (Arteixo)
- Auriense (Ourense)
Recursos
[editar | editar a fonte]Os recursos económicos dos que dispón baséanse exclusivamente naqueles que poden achegar as asociacións adscritas. Porén, en palabras da súa presidenta, rexistrouse un retroceso brutal desde o punto de vista do cumprimento de mínimos económicos, financeiros e de apoios por parte da principal instancia política galega, a Xunta de Galicia. Como consecuencia, as asociacións culturais galegas vense na obriga de facer esforzos por enriba das súas posibilidades, pois non contan con apoios suficientes na superestrutura gobernamental.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2012). Un Canto e unha luz na noite: asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-92923-33-5
- A Voz de Vilalba
- Entrevista a Pilar García Negro [quen?][cando?]
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Federación de Asociacións Culturais de Galiza". galizacultura.org. Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2013. Consultado o 28 de xuño de 2018.
- Galiza GZCultura en YouTube