Fender Jazz Bass
O Fender Jazz Bass (Jazz Bass ou J-Bass) foi o segundo modelo oficial de baixo presentado por Fender. Apareceu en 1960 como unha especie de versión Deluxe do Precision Bass. O modelo debe o seu nome a que foi presentado como a versión "en baixo" da guitarra Jazzmaster de Fender, que á súa vez pertencía á gama alta do catálogo de Fender, dirixida a músicos avanzados da técnica de jazz.[1]
Características técnicas
[editar | editar a fonte]O instrumento presenta un corpo lixeiramente diferente ao do do Precision, asimétrico e contornado,[2] e conta cun mastro notablemente máis estreito que o do Precision, co obxectivo final de facilitar máis a execución aos baixistas e guitarristas que adoptaban o novo instrumento. Para a construción do modelo recorreuse desde o principio ás mesmas madeiras que se empregaban para o Precision: ameneiro para o corpo e pradairo para o mastro[3][4]
O Jazz Bass presenta dúas pastillas de bobinado simple con oito polos magnéticos cada unha, e tres rotores de control situados sobre unha placa metálica na parte inferior dereita do corpo do instrumento: dous controlan o volume individual de cada pastilla e o outro controla o ton de ambas. A pastilla máis próxima á ponte entrega un son brillante, compacto e definido, mentres que a do mastro dá un son máis grave e redondo. A posibilidade de mesturar os volumes de ámbalas dúas pastillas outorga ao J-bass unha maior versatilidade sonora respecto ao P-bass, e o feito de que estean conectadas en paralelo e presenten unha polaridade inversa, contribúe a reducir o ruído de masa e permite un son máis rico en frecuencias medias e menos agresivo que o do Precision bass.
Valoración
[editar | editar a fonte]O Fender Jazz Bass é un instrumento clásico e, pola súa versatilidade, foi un dos instrumentos máis usados por músicos de todos os xéneros. Paradoxalmente, foi precisamente no jazz onde tivo que esperar máis para lograr a súa total aceptación: o primeiro músico de relevancia en usar un J-bass foi, neste campo, Jaco Pastorius. Sentou cátedra na fabricación de baixos eléctricos e aínda hoxe, é un modelo co que se comparan os novos deseños.
O modelo orixinal Jazz Bass foi deseñado e continua sendo producido por Fender, mais o termo úsase hoxe en día para facer referencia a calquera instrumento fabricado seguindo o deseño básico de construción e electrónica. De feito, existen innumerables marcas e luthieres que, inspirados no modelo orixinal, construíron instrumentos que, respectando a estética, melloran, nalgúns casos, as súas prestacións sonoras. Como exemplos podemos citar os instrumentos fabricados por Roger Sadowsky ou Mike Lull
Evolución
[editar | editar a fonte]O deseño básico do modelo non mudou moito nestes últimos 50 anos de historia, alén de Fender introducir e elimir unha serie de pequenas modificacións e melloras debidas ás esixencias dos tempos. Estas pequenas diferenzas son esenciais para datar os instrumentos.
- Cronoloxía
- 1960: O Jazz Bass orixinal de 1960 presentaba un total de catro controis, organizados en dous grupos de dous controis (volume e ton) para cada pastilla. Estes primeiros instrumentos son moi apreciados polos coleccionistas, pois fabricáronse moi poucos exemplares con esta configuración. Este modelo orixinal presenta cobrepastillas metálicas. Á parte da súa función decorativa, estes cobrepastillas contribuían a illar electricamente as pastillas, reducindo o ruído de masa. Tamén dispoñía de dispositivos de goma para mutear as cordas. Daquela, o baixo eléctrico era de recente aparición, e o concepto que se tiña do instrumento era moi diferente ao que temos hoxe en día del: supoñíase que o son do baixo eléctrico tiña que emular o "punch" xordo do contrabaixo.
- 1961: A maioría dos instrumentos eran xa fabricados seguindo a configuración de pastillas que actualmente consideramos estándar, isto é, dous controis de volume (un para cada pastilla) e un terceiro de ton xeral. Comézanse a incluír instrumentos de cores no catálogo (os primeiros Jazz bass eran exclusivamente sunburst). Póñense números de patente baixo o logo.
- 1962/63: Desaparece definitivamente a configuración de controis orixinal. Abandónanse os muteadores e engádese o prefixo "L" ao número de serie, localizado na placa metálica da parte posterior do corpo.
- 1964: O logo "Offset contour body" desprázase ao extremo do caravilleiro. Substitúese o material dos marcadores sobre diapasón e das bobinas.
- 1965: CBS adquire Fender, dando fin ao "período clásico" de Fender.
- 1966: Ofrécense opcionalmente diapasóns de pradairo sobre o mastro, que agora presenta liñas sobre o bordo. Empréganse por primeira vez marcadores rectangulares sobre o diapasón e substitúense os trastes con trastes de dimensións maiores (medio jumbo). Introdúcese un deseño de caravillas de afinación distinto: as caravillas son agora fabricadas pola propia Fender,[5] de forma oval, e que se xiran en sentido normal[6]
- 1969: Desaparece o parafuso da parte posterior do caravilleiro. Substitúese o logo por un de maiores dimensións. Empréganse acabados en poliéster.
- 1970: Ofrécense acabados Thick skin e en natural (sobre instrumentos de corpo de freixo)
- 1972/73: Desprázase a pastilla da ponte a unha posición lixeiramente máis próxima a esta.
- 1975: Desprázase o bloque do polgar á parte superior do corpo. Nos instrumentos con diapasóns de pradairo úsanse marcadores en bloque de nácara e liñas laterais brancas. Úsanse tres parafusos para fixar o mastro ao corpo (antes usábanse catro) e introdúcense por primeira vez golpeadores de cor negra.
- 1976: Métense novas caravillas fabricadas por Schaller. O número de serie pasa da placa de suxeición do mastro ao caravilleiro, baixo o logo, que é reducido de tamaño. Elimínase o logo "Offset contour body" da pa.
- 1977: Cambian os rotores de control, agora mostran as etiqueta "volume" dúas veces e "tone".
- 1981: Vólvese á fixación do mastro con catro parafusos.
- 1982: Fender introduce reedicións dos seus modelos clásicos, entre eles, o Jazz bass do '62. Abandónanse os marcadores rectangulares. Squier Japan comeza a súa produción.
- 1983: Elimínase a placa metálica de control, a liña de decoración, as placas cobrepastillas e os bloques pousapolgares para abaratar custos de produción.
- 1984: Fender ponse en venda.
- 1985: Bill Schultz merca Fender e inicia a produción en Corona, inicialmente moi limitada. Aprovéitanse restos de stock para a produción de instrumentos de serie.
- 1987: Preséntase o modelo Jazz Bass Plus, primeiro modelo producido na nova factoría de Corona. Fender inicia a súa Custom Shop
- 1989: O novo Jazz bass de serie presenta importantes modificacións: 22 trastes, un corpo levemente agrandado e redeseñado, novas caravillas e un novo logo.
- 1990/91: Introdúcense opcionalmente pastillas "Lace sensor". A Custom Shop ofrece o modelo "Jaco Pastorius Signature".
- 1995: Redeséñase toda a gama estándar, volvendo ao deseño tradicional, con 20 trastes e cordas a través do mastro. Ofrécese o Jazz Bass de 5 cordas. Aparece a serie "Deluxe", con corpo reducido e electrónica activa, que busca fusionar unha estética tradicional con sons máis modernos.
- 1996: Sácase o "Jazz Bass 50th Anniversary", en edición limitada.
- 1997: Introdúcense os diapasóns de pradairo para as series "Standard" e "Deluxe", así como a opción fretless.
- 1998: Renoméase a serie "Deluxe" como "American Deluxe", con logo cromado, marcadores de abalone, novas caravillas "lite" e golpeadores en menta. Aparecen as pastillas "Jazz Noiseless".
- 1999: Aparece o "Jazz Bass American Deluxe V" e faise unha reedicón americana do modelo "'75 Jazz Bass".
- 2000: A serie "Standard" rebautízase como "American Standard" e sofre pequenas modificacións. Os modelos "Jazz Bass Standard" son fabricados en México.
- 2001: Introdúcense os modelos "FMT" e "QMT" na serie "Amercian Deluxe", que presentan tapas de pradairo flameado ou "quilt", e que se abandona no 2007.
- 2003: Introdúcese o swicht "S-1" no modelo "American Standard", que permite usar as pastillas en serie, obtendo un son similar ao do do Precision.
- 2004: Aparece o "Jazz Bass 24", de 24 trastes, fabricado en México ou Corea.
Versións do Jazz Bass
[editar | editar a fonte]A continuación hai unha lista exhaustiva das diferentes versións que se coñecen do J-bass, segundo ano e orixe de fabricación. A non ser que se mencione o contrario, as características de cada versión corresponden coas do modelo base, isto é:
- Mastro aparafusado ao corpo con catro parafusos.
- Diapasón sobre o mastro.
- Escala de 34 polgadas.
- 22 trastes.
- Catro caravillas de afinación metálicas en liña no caravilleiro.
- Hardware de níquel ou cromado.
- Tres controis, dous de volume para cada pastilla e un de ton xeral.
Modelos estadounidenses
[editar | editar a fonte]Modelos estadounidenses regulares
[editar | editar a fonte]- J-bass, primeira versión (1960-62): catro controis montados en dous stacks (volume e ton para cada pastilla); Muteadores de goma sobre a ponte.
- J-bass, segunda versión (1962-75): tres controis; Opción de diapasón en pradairo; Marcadores rectangulares desde 1966.
- J-bass, terceira versión (1975-81): o axuste da alma faise no caravilleiro ("Bullet" trus-rod); Unión do corpo ao mastro con tres parafusos.
- J-bass Standard, primeira versión (1981-83): axuste da alma na base do mastro; pastillas brancas; marcadores redondos.
- J-bass Standard, segunda versión (1983-85): os controis e o jack sitúanse directamente sobre o golpeador.
- American Standard J-bass, segunda versión (1995-2000): 20 trastes; cordas a través do corpo.
- American J-bass (2000-07): 20 trastes; golpeador de plástico en cor crema; Control Switch-1 desde 2003.
- American Standard J-bass, terceira versión (2008-): 20 trastes; ponte reforzada.
- Highway one J-bass, primeira versión (2003-06): acabado satinado. Axuste da alma desde o caravilleiro.
- Highway one J-bass, segunda versión (2006-): acabado satinado. Axuste da alma desde o corpo. Logo estilo '70.
Modelos estadounidenses de reedición
[editar | editar a fonte]- 62 J-bass (1982-98): Réplica do modelo J-bass, primeira versión (1960-62).
- 62 J-bass Limited Edition (1987-89): réplica do modelo J-bass, primeira versión (1960-62), versión "deluxe".
- American Vintage '62 J-bass (1998-): réplica do modelo J-bass, primeira versión (1960-62).
- American Vintage '75 J-bass (1999-): réplica do modelo J-bass, terceira versión (1975-81).
- 64 J-bass (1999-): réplica do modelo J-bass, segunda versión (1962-75).
- Relic '60 J-bass (1996-98): réplica con acabados "Relic" do modelo J-bass, segunda versión (1962-75)
Modelos estadounidenses revisados
[editar | editar a fonte]- American Classic J-bass (1995-96): corpo e caravilleiro máis miúdos; Marcadores rectangulares; Catro controis.
- American Classic J-bass FMT (1995-96): como o anterior modelo, pero con tapa de pradairo flameado.
- American Classic J-bass V FMT (1995-96): versión en cinco cordas do modelo anterior.
- Deluxe J-bass (1995-97): Corpo e caravilleiro reducidos; catro controis; Electrónica activa.
- American Deluxe J-bass (1998-): corpo máis pequeno e redeseñado; Catro controis; Electrónica activa.
- American Deluxe J-bass V (1998-): versión en cinco cordas do modelo anterior.
- American Deluxe J-bass FMT ou QMT (2001-06): corpo reducido; tapa en madeiras de luxo; Hardware bañado en ouro.
- American Deluxe J-bass V FMT ou QMT (2001-06): versión en cinco cordas do modelo anterior.
- American J-bass V (2000-07): cinco cordas, 20 trastes, cordas a través do corpo, unha soa guía para as cordas sobre o caravilleiro.
- American Standard J-bass, primeira versión revisada (1988-94): corpo redeseñado, co corno superior prolongado; 22 trastes; marcadores redondos.
- American Standard J-bass V, primeira versión (1995-2000): cinco cordas, 20 trastes, cordas a través do corpo, dúas guías de suxeición.
- American Standard J-bass V, segunda versión (2008-): como o anterior modelo, pero con ponte reforzada.
- Custom Classic J-bass (2001-): deseño de corpo revisado; marcadores rectangulares. Fabricados na Fender Custom Shop.
- Custom Classic J-bass V (2001-): versión en cinco cordas do modelo anterior; caravillas en formato 4+1.
- Gold J-bass (1981-83): Corpo dourado; Pastillas brancas; Hardware bañado en ouro.
- Jaco Pastorius J-bass (1999-): Réplica do J-bass, segunda versión (1962-75) de Jaco Pastorius. Sen golpeador.
- Jaco Pastorius Tribute J-bass (1999-): idéntico ao modelo anterior, pero en formato relic. Fabricado pola Fender Custom Shop.
- J-bass Plus (1990-94): corpo redeseñado e reducido; sen golpeador nin placa de controis; pastillas completamente negras; logo redeseñado; cinco rotores de control montados directamente sobre o corpo; electrónica activa.
- J-bass Plus V (1990-94): versión en cinco cordas do modelo anterior.
- Marcus Miller J-bass V (2003-): similar ao J-bass, terceira versión (1975-81), pero con golpeador e electrónica redeseñadas; "Five Strings" e sinatura de Marcus Miller no logo; axuste da alma no corpo; deseño de caravilleiro 4+1.
- Reggie Hamilton J-bass (2002-): corpo redeseñado; 21 trastes; Swicht activo-pasivo; D-Tuner na cuarta corda; cinco controis; entrada do jack lateral; electrónica activa-pasiva; configuración de pastillas P-J. Fabricado pola Fender Custom Shop.
- Reggie Hamilton J-bass V (2002-): versión en cinco cordas do modelo anterior. Diapasón de pau-ferro. A-Tuner na quinta corda. Producido pola Fender Custom Shop.
- Victor Bailey J-bass (2001-): tapa e caravilleiro en madeira de koa. Sinatura de Victor Bailey sobre o caravilleiro; sen golpeador; corpo redeseñado; Hardware bañado en ouro.
- Victor Bailey J-bass V (2001-): versión en cinco cordas do modelo anterior. Formato 4+1.
- 50th Anniversary J-bass (1996): edición conmemorativa, similar ao J-bass, segunda versión (1962-75); Placa conmemorativa.
- 50th Anniversary J-bass V (1996): versión en cinco cordas do modelo anterior.
- 60th Anniversary J-bass (2006): edición conmemorativa, similar ao American J-bass (2000-07); Placa conmemorativa; Emblema cun diamante; Control Switch S-1; Ponte especial que permite axustar o espazo entre cordas.
Modelos mexicanos
[editar | editar a fonte]Modelos mexicanos regulares
[editar | editar a fonte]- Standard J-bass (1991-): Logo prateado sobre o caravilleiro; Coñecido no Reino Unido como Special Jazz.
- Traditional J-bass (1996-97): Logo negro sobre o caravilleiro; Controis e jack situados directamente sobre o golpeador de plástico.
- Squier Series J-bass (1994-96): Como o modelo Traditional J-bass (1996-97), pero co logo "Squier Series" engadido sobre o caravilleiro.
Modelos mexicanos de reedición
[editar | editar a fonte]- Classic '60s J-bass (2004): Réplica do modelo americano J-bass, segunda versión (1962-75).
Modelos mexicanos revisados
[editar | editar a fonte]- Deluxe Active J-bass (1997-): electrónica activa; Cinco controis; Axuste da alma no caravilleiro; Entrada do jack lateral.
- Deluxe Active J-bass V (1998-): versión en cinco cordas do modelo anterior. As cinco caravillas son postas en liña.
- Deluxe Power Jazz (2006-): similar ao Deluxe Active J-bass (1997-), pero o axuste da alma faise na base do mastro; inclúe sistema piezoeléctrico na ponte.
- Duff McKagan J-bass Special (2007-): acabado en negro, cun deseño dunha caveira sobre o diapasón. Sen golpeador. Corpo estilo Precision Bass.
- Reggie Hamilton Standard J-bass (2005-): configuración de pastillas P-J. Catro controis e mini-swicht activo-pasivo.
- Standard Jazz V (1998-): similar ao Standard J-bass (1991-) mexicano, pero con cinco cordas, diapasón de pau-ferro e configuración de caravillas en liña.
Modelos xaponeses
[editar | editar a fonte]Modelos xaponeses regulares
[editar | editar a fonte]- Standard J-bass (1988-91): logo prateado en spaguetti sobre a pa; substituído pola versión mexicana Standard J-bass en 1991.
Modelos xaponeses de reedición
[editar | editar a fonte]- Fender Squier Vintage Series '62 J-bass (1982-83): Réplica do modelo americano J-bass, segunda versión (1962-75), cun pequeno logo "Squier Series" engadido sobre a pa. Substituído polos modelos Squier en 1983.
- 60s J-bass (1989-94): Réplica do modelo americano J-bass, segunda versión (1962-75).
- 75 J-bass (1992-94): Réplica do modelo americano J-bass, terceira versión (1975-81).
Modelos xaponeses revisados
[editar | editar a fonte]- Aerodyne J-bass (2003-): Cor negra; Co nome completo do modelo sobre a pa; Sen golpeador.
- Foto Flame 60s J-bass (1994-96): similar ao 60s J-bass (1989-94) xaponés, pero cun acabado en imitación de pradairo rizado.
- J-bass Special (1985-91): nome do modelo sobre a pa; Corpo de Precision Bass; Sen golpeador; Hardware negro. Tamén coñecido como Contemporary J-bass ou Contemporary J-bass Special.
- Power J-bass Special (1988-91): nome do modelo sobre a pa (de grafito); Corpo de Precision Bass; Sen golpeador; Hardware negro.
- Geddy lee J-bass (1998-): similar ao 75 J-bass (1992-94) xaponés, pero con corpo e marcadores rectangulares negros, liñas transversais negras sobre o mastro e ponte reforzada.
- Marcus Miller J-bass (1998-): similar ao 75 J-bass (1992-94), pero con golpeador e electrónica redeseñados, catro controis e mini-swicht sobre o golpeador, coa sinatura de Marcus Miller sobre a pa.
- Noel Redding J-bass: similar ao 60s J-bass (1989-94) xaponés, coa firma de Noel Redding sobre a pa.
- Power J-bass Special (1988-91): nome do modelo sobre a pa (de grafito); Corpo de Precision Bass; Sen golpeador; Hardware negro.
- The Ventures J-bass (1996): logo de The Ventures sobre a pa e -opcionalmente- sobre o corpo; Hardware bañado en ouro.
Modelos coreanos
[editar | editar a fonte]- J-bass 24: corpo redeseñado; 24 trastes; Sen golpeador.
- J-bass 24 V: Versión en cinco cordas do modelo anterior. Formato 4+1.
- Fender Squier Series J-bass (1992-94): "Squier series" engadido ao logo sobre a pa; Controis e entrada do jack situados directamente sobre o golpeador.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bibl., "How the Fender Bass Changed the World", pp.66
- ↑ Fender utiliza o termo "Offsett contour body" para referirse ao deseño orixinal do corpo do Jazz Bass
- ↑ O Jazz orixinal contaba ademais cun diapasón de paurrosa, que se creara para o Precision un ano antes, en 1959
- ↑ Ao longo dos anos, Fender usou moitas outras madeiras para a fabricación destes instrumentos (por exemplo, o freixo intercambiouse co ameneiro frecuentemente na fabricación dos corpos), mais as madeiras "clásicas" son as citadas no texto
- ↑ anteriormente utilizábanse caravillas Kluson
- ↑ As caravillas "Kluson" xiraban en sentido inverso
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Fender Jazz Bass |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Jim Molinaro, J.W. Black (2001). The Fender Bass: An Illustrated History. Hal Leonard. pp. 128 páxinas. ISBN 0634026402.
- Roberts, Jim (2001). How the Fender Bass Changed the World. Backbeat Books. pp. 208 páxinas. ISBN 0879306300.