Ferdinand Kwasi Fiawoo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de decembro de 1891 Ghana |
Morte | 21 de xullo de 1969 (77 anos) |
Actividade | |
Ocupación | dramaturgo |
Ferdinand Kwasi Fiawoo, nado o 26 de decembro de 1891 en Wasuta e finado o 21 de xullo de 1969, foi un sacerdote, dramaturgo, político e educador ghanés, fundador do Zion College, a primeira escola secundaria da Rexión Volta de Ghana.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de John Kpeglo Fiawoo, empresario que pertencía á familia real Awadada de Anlo e de Maria Dzatugbei Dadsehoe Agbodzi. Inicialmente comezou a traballar no comercio cun irmán mais despois de visitar Freetown en 1920, empezou a realizar cursos por correspondencia. En 1928 viaxou aos Estados Unidos e estudou na Universidade Johnson C. Smith en Charlotte. En cinco anos graduouse en artes e teoloxía. Mentres estudaba escribiu o seu primeiro drama en lingua ewe, Toko Atolia. En 1933 ordenouse ministro de Igrexa episcopal metodista africana de Sión en Gloversville, Nova York.[1]
De volta a Costa de Ouro en novembro de 1933, Fiawoo exerceu como superintendente da Igrexa no leste de Costa de Ouro e como director da unidade educativa da Igrexa en Keta. Foi un dos fundadores do Gold Coast People's College en Adidome, e fundou un instituto privado en Anloga, a primeira escola secundaria na Rexión Volta. O New Africa University College abriu con 44 estudantes en 1938. Fiawoo, o seu persoal e os estudantes realixaron xiras coas súas pezas teatrais para recadar fondos para a escola: Toko Atolia en 1940 e Tuinese en 1946, e nunha versión inglesa en 1947. O financiamento tamén chegaba da Igrexa, e de subsidios do goberno a partir de 1952.[1]
En 1945 doutorouse pola Universidade Roosevelt de Chicago. Entrou en política en 1951, como membro da Asemblea Lexislativa de Costa de Ouro representando o Consello de Xefes de Anlo. Queimaron a súa casa nuns disturbios en Anloga contra dos impostos en xaneiro de 1953, e Fiawoo non volveu á política logo de perder o seu escano nas eleccións de 1954, e dous anos antes, en 1952 cesara como director do New Africa University College que pasou a denominarse Universidade Sión e trasladou a súa sede a Kete. Fiawoo permaneceu como presidente do consello da Universidade desde 1954 deica a súa morte en 1969. En 1966 foi un dos fundadores do Bishop Small Theological College, que recibiu o seu nome por John Bryan Small, en Whuti.[1]
Toko Atolia foi a primeira obra literaria significativa en lingua ewe e a primeira peza teatral nunha lingua africana traducida a unha lingua europea[2].
Obra
[editar | editar a fonte]- Toko Atolia, Accra: Achimota Press, 1942. (Ewe)
- Tuniese, manuscrito sen publicar, 1945 (drama nun acto de oito escenas, destruído nos disturbios en Anloga de 1953.)
- Tuniese, reescrito, 1958 (tres actos e sete escenas, en ewe e traducido ao inglés)
- Fiayidziehe, 1962 (en ewe; máis tarde traducido ao inglés)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Amenumey, D. E. K. (2002). "Reverend Dr Ferdinand Kwasi Fiawoo". Outstanding Ewes of the 20th Century: Profiles of Fifteen Firsts. Accra: World Publishing Services. pp. 58–72. ISBN 9964-978-83-9.
- ↑ Alain Richard (1995) Littératures d'Afrique noire: des langues aux livres Karthala, p. 114
- ↑ Albert S. Gérard (1986) European-language Writing in Sub-Saharan Africa. Vol. 2. John Benjamins Publishing, p. 810