Saltar ao contido

Festa do viño da Ulla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Festa do Viño da Ulla 2015.

A festa do viño da Ulla é unha festa gastronómica que se celebra todos os anos o segundo domingo de abril na vila de San Miguel de Sarandón, no concello coruñés de Vedra.

A festa leva organizándose dende o ano 1980; só interrompida en 2020 e 2021 por mor da pandemia de COVID-19; e é levada a cabo por unha comisión sen ánimo de lucro, formada polos veciños.

Festa do viño da Ulla 2015

Cada ano, o campo da festa énchese de xente dende a mañá que empeza cunha misa, saúdo do alcalde e pregón levado a cabo por un persoeiro.

Durante o resto da xornada até a entrada da noite consómese moito viño, cómese e gózase da música de diferentes bandas folk, bandas de música, charangas etc. Ademais realízanse sorteos, premios e se pode beber viño de balde situado nunhas botas xigantes penduradas nunhas árbores, que son atractivo e símbolo da festa.

Orixe e obxectivos

[editar | editar a fonte]

Dita festa procura a exaltación dos viños da zona do val do Ulla e promover a demarcación de ditos viños na Denominación de Orixe Rías Baixas, unha das principais variedades con denominación de orixe de Galicia,[1] obxectivo que se cumpriu no ano 2000.[2]

Dende hai uns anos e de xeito paralelo organízase unha pequena mostra da industria, agricultura, artesanía e turismo do Concello de Vedra, que se pode visitar durante todo o día. Ademais organízanse unhas xornadas técnicas sobre o viño.

Outra das actividades que se realizan co gallo da festa son as xornadas gastronómicas que se realizan días antes, contando con profesionais do sector do viño.

  1. "Música, rutas e peñas na XXX Festa do Viño da Ulla". Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2015. Consultado o 30 de xullo de 2015. 
  2. "Rias Baixas subzona Ribeira do Ulla primeiro "Terroir" galego". Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2011. Consultado o 30 de xullo de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]