Festina lente
Festina lente | |
---|---|
Título orixinal | Festina lente |
Autor/a | Marcos S. Calveiro |
Cuberta | Ramón Trigo |
Orixe | España |
Lingua | galego |
Colección | Narrativa |
Xénero(s) | Novela histórica |
Editorial | Edicións Xerais |
Data de pub. | 2008 |
Formato | 14,5 x 22 cm. edición rústica cosida a fío |
Páxinas | 288 |
ISBN | ISBN 978-84-9782-786-7 |
Premios | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Festina lente é unha novela histórica do escritor Marcos S. Calveiro, publicada en maio de 2008 por Edicións Xerais. Recibiu o Premio da Crítica de narrativa galega dese mesmo ano, amais do Premio Fervenzas Literarias 2008 e o Premio Irmandade do Libro 2009.
A novela conta a vida de Ambrosio Cavaleiro, un encadernador nado en Nogueirosa (Pontedeume), que desenvolveu toda a súa vida profesional na Compostela que cruza do século XVI ao século XVII. A novela é tamén un retrato da vida cultural da cidade naquel tempo: artesáns de acibeche, impresores, a derrota da Armada Invencible, a Inquisición etc.
Orixe do título
[editar | editar a fonte]O título procede do oxímoro latino festina lente, que significa "bule devagariño". O primeiro en adoptar esta expresión como lema persoal foi Augusto, pero á novela chega a través do impresor Aldo Manuzio, que o fixo seu e que o colocaba como sinatura dos seus traballos.
Personaxes principais
[editar | editar a fonte]- Ambrosio Cavaleiro. Nado en Nogueirosa en 1568 e finado en Compostela en 1627. Foi aprendiz no obradoiro de encadernación de Ubaldo Luaces e logo da morte deste, titular do obradoiro. Tamén coñecido nalgúns capítulos como Lucas de Pruzos, dedicado baixo esta forma a recoller libros raros e tesouros bibliográficos.
- Ubaldo Luaces. Propietario do obradoiro de encadernación onde entra a traballar Ambrosio Cavaleiro. Falece en 1591 e déixalle o obradoiro a Cavaleiro.
- Gaspar de Arce, chamado o Vello. Personaxe real. Arquitecto santanderino que traballa como mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela. Chegara a Galicia en 1571, da man do seu curmán o bispo de Lugo Fernando Velosillo, e logo de traballar na construción da Torre das Campás da catedral de Lugo, mudouse a Santiago para construír o Hospital de San Roque, baixo a protección do arcebispo Francisco Blanco Salcedo. Na ficción, morre asasinado en Cangas en 1617.
- Mateu Lopes. Personaxe real[1] que traballou en Pontevedra e que despois foi mestre de cantería no mosteiro de San Martiño Pinario. Na ficción, morreu asasinado en Compostela.
- Francisco González Araúxo. Personaxe real. Arquitecto portugués, mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela.
- Bieito González Araúxo. Irmán do anterior, arquitecto portugués que traballou en Santiago de Compostela.
Trama
[editar | editar a fonte]A novela narra a vida de Ambrosio Cavaleiro desde que o entrega o seu pai como aprendiz do encadernador Ubaldo Luaces, ata que falece. No camiño, herda o obradoiro de Luaces, dedícase a perseguir textos raros e libros valiosos baixo un pseudónimo e ten relacións sexuais e amorosas cun paxe do deán da catedral, que o levan a enfrontarse á Inquisición. Pero ao mesmo tempo a novela segue a historia dun códice, gravado cun sinal de tres serpes que teñen forma de pegada de lavanco, que é co que comeza e remata a novela.
O códice pertence a unha confraría de canteiros, e dúas faccións desa confraría andan na súa disputa. Unha delas, da que coñecemos a Gaspar de Arce, consegue o códice en Lugo, pero logo é asasinado o portador en Noia. Alí o atopa Gaspar de Arce, que o conserva toda a vida, se ben o deixa gardado no obradoiro de encadernación de Ubaldo Luaces, primeiro, e logo no de Ambrosio Cavaleiro. A outra facción, formada polos arquitectos portugueses Mateu Lopes, Francisco González Araúxo e o seu irmán Bieito González Araúxo, tentarán recuperar o códice en van, deixando varias mortes ao seu paso, entre elas a do propio Gaspar de Arce.
O códice queda no obradoiro de Ambrosio, que llo entrega nos seus últimos anos a un impresor compostelán, neto de canteiros, que emigra a América. No último capítulo, un indíxena centroamericano atopa o códice nun cadáver e marcha correndo con el. O documento está escrito no verbo dos arxinas.
Realidade e ficción
[editar | editar a fonte]Moitos dos personaxes que se citan na novela existiron en realidade, tanto principais como secundarios, se ben non todos os seus actos están demostrados con fontes.
Os espazos narrados describen a Compostela do século XVI, e as súas rúas entre murallas. A rúa de Armada, onde se situaba o obradoiro de encadernación de Cavaleiro, está agora desaparecida, e moitos outros lugares da cidade mudaron de nome con respecto á época actual.
Un dos elementos importantes na novela é o verbo dos arxinas, código gremial que empregaban os canteiros galegos.
Traducións
[editar | editar a fonte]- Ao castelán por Moisés Barcia Rodríguez co título de Festina lente publicado en 2014 por Pulp Books[2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Teresa Claudia Moure Pena, "A capela de don Antonio García de Rajóo no templo de San Francisco de Pontevedra", in Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais, nº 19 (2003), páx. 99
- ↑ Ficha Arquivado 16 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Festina lente, blog da novela.
- Ficha Arquivado 02 de xullo de 2012 en Wayback Machine. na web da editorial.