Saltar ao contido

Fibrocemento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tellado de pranchas de Fibrocemento

O fibrocemento é un material empregado na construción, constituído por unha mestura de cemento e fibras. O fibrocemento emprégase na fabricación de:

  • Placas lixeiras e ríxidas.
  • Tubos para auga a presión (rego ou abastecemento de auga potábel).
  • Tubos para drenaxe ou sumidoiros por gravidade.
  • Depósitos de almacenamento de pequeno tamaño.
  • Chemineas.

As placas de fibrocemento son impermeábeis e fáciles de cortar e perforar. Empréganse principalmente como material de acabado de cubertas e para o recubrimento de paramentos exteriores que deban protexerse da chuvia, tubos, baixantes etc.

É un material relativamente económico, polo que se emprega amplamente na construción de alpendres, naves industriais e instalacións provisionais. As placas constituídas por este material preséntanse lisas ou onduladas en distintas lonxitudes, ademais fabrícanse pezas especiais das máis variadas formas.

Para a fabricación do fibrocemento, orixinalmente empregábase o amianto como fibra, pero unha vez que se fixeron os patentes os problemas de asbestose que este provocaba, foise abandonando paulatinamente nos distintos países, empezando polos Estados Unidos de América. En Galiza abandonouse a partir dos anos 1990. Intentouse substituír o amianto por outros tipos de fibras na fabricación de fibrocemento, como fibras de celulosa ou fibra de vidro, pero esta substitución só tivo un éxito parcial: logrouse a fabricación de placas de características homologábeis ás antigas fabricadas con amianto, xa que as placas fabrícanse por un procedemento de prensado; porén, os tubos de todo tipo, que se fabrican mediante centrifugado do material, non lograron ser reproducidos con celulosa, polo que se abandonou o seu uso.