Saltar ao contido

Filomena Dato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Filomena Dato Muruais»)
Modelo:BiografíaFilomena Dato

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(gl) Filomena Dato Muruais Editar o valor en Wikidata
1856 Editar o valor en Wikidata
Ourense, España Editar o valor en Wikidata
Morte1 de maio de 1927 Editar o valor en Wikidata (70/71 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpoetisa, escritora Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1877 Editar o valor en Wikidata - 1911 Editar o valor en Wikidata
Membro de
MovementoRexurdimento Editar o valor en Wikidata

Galiciana: 171210 BNE: XX1246732 BUSC: dato-muruais-filomena-1856-1926


Filomena Dato Muruais, nada en Ourense o 26 de xullo de 1856 e finada na Coruña o 27 de febreiro de 1926, foi unha poetisa e escritora galega do Rexurdimento (na segunda metade do século XIX). Viviu en Galicia toda a súa vida,[1] participando en numerosos movementos e iniciativas de reivindicación da cultura galega e de liberación da estigmatización da muller. A súa obra máis destacada é Follatos[2], que xunto a Cantares gallegos e Follas novas de Rosalía de Castro, foron os únicos libros en galego publicados por mulleres no século XIX, os tres de poesía.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Filomena Dato naceu en Ourense no 1856. Pouco se sabe da súa vida, e a meirande parte dos seus datos biográficos están relacionados co seu labor social e cultural. Colaborou con composicións poéticas en xornais como El Heraldo Gallego, Galicia Recreativa ou o Álbum Literario. Igualmente, colaborou co movemento literario que daquela encabezaba Valentín Lamas Carvajal en Barbaña.[4] En 1906 foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega.

Placa na casa onde viviu a escritora, en Ourense.

Filomena Dato Muruais foi unha fervente feminista. Canda Rosalía de Castro, é unha das máis senlleiras representantes da lírica feminista do século XIX, unha época na que a sociedade aínda estaba moi marcada polo machismo, non só entre a xente sen formación cultural, senón tamén entre a intelectualidade. Cuestións como se as mulleres tiñan alma, conciencia e remorsos, ou se eran as portadoras do pecado por herdanza de Eva eran comúns nos debates sociais e filosóficos da época. Eran tempos de adversidades para mulleres como a propia Filomena Dato, Rosalía de Castro ou Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero), feito que dota de maior valor á súa produción literaria.

Así, as súas reivindicacións contra estas ideas discriminatorias están patentes no poemario Follatos (publicado en Ourense no 1891)[2], o seu único libro en lingua galega. Está adicado á infanta Isabel de Borbón («La Chata»). Trátase dunha compilación de corenta e cinco poemas que tratan de temas variados: dende a denuncia contra os estereotipos de xénero ata escritos sobre relixiosidade e intimismo (moi na liña do Romanticismo típico do século XIX). Destaca o texto "Defensa das mulleres", que leva exactamente o mesmo título que o Discurso XVI do Teatro crítico universal (1726-1740) do Padre Feijoo. Con este texto dá comezo á obra e nel desmonta os tópicos sobre as mulleres máis frecuentes na súa época, facendo referencia a mulleres como Rosalía de Castro ou María Pita.[4]

Foi desenvolvendo cegueira de forma progresiva, ata o seu falecemento aos 69 anos de idade, o 27 de febreiro de 1926.

Recoñecemento

[editar | editar a fonte]

Filomena Dato foi galardoada en varios certames literarios. Grazas a Follatos, obtivo tres premios: un nun certame en Ourense no 1887 como mellor composición baseada na defensa das mulleres feita polo Padre Feijoo, outro en Pontevedra no 1888 e, nese mesmo ano e traducida ó castelán, unha rosa de ouro en Sevilla.[5] Ademais, foi unha dos cinco poetas premiados nos Xogos Florais de Tui de 1891, onde gañou o "clavillo" pola súa composición "O gaiteiro de Xixón".

En 1906, ano de fundación da Real Academia Galega, grazas en boa parte ó seu traballo de reivindicación da figura da muller na literatura, foi nomeada académica correspondente desta xunto con outras mulleres como Carmen Beceiro, Emilia Calé e Sofía Casanova.[6]

En 2019 bautizouse co seu nome un edificio no Campus das Lagoas-Marcosende, da Universidade de Vigo.[7][8] Ese mesmo ano convocouse o I Premio de Oratoria Filomena Dato, en homenaxe á súa traxectoria literaria.[9]

Ademais de Follatos, a súa máis importante e influínte obra na literatura galega, tamén tivo obras en castelán. Todos eles foron libros de poesía:[10]

  • La letanía lauretana en verso. Ourense, 1877. Imprenta de La Propaganda Gallega.
  • Penumbras. Madrid, 1880. Establecimiento tipográfico de R. Labajos.
  • Follatos. Ourense. 1891. Imprenta de Antonio Otero.[2]
  • Romances y cantares. Ourense, 1895. Imprenta de Antonio Otero.
  • A la tuna conimbricense. Santiago de Compostela, 1898. Imprenta El Eco.
  • Fe. Poesías religiosas. A Coruña, 1911. Tipografía El Noroeste.

Conserváronse tamén poemas soltos non publicados dentro de ningunha obra en concreto (como "Xa non son", máis abaixo). Isto débese en parte a que se sabe que estaba a escribir un poemario a modo de 'segundo Follatos', pero tras a crítica recibida polo seu último libro, decidiu non publicar nada máis (se ben si seguiu escribindo).[11]

Análise da obra

[editar | editar a fonte]

"Defensa d'as mulleres", o texto co que abre o seu poemario Follatos[2], é unha das súas máis coñecidas producións literarias. Ten un marcado carácter de defensa da figura da muller e a súa valía para participar na sociedade en igualdade de condicións cos homes. Así, hai fragmentos nos que recorre unha gran cantidade de figuras históricas, como o seguinte:

Os que decís, qu' a muller
non ten a cabeza feita
pra soster unha coroa
e que non sirve pra reina.
É qu' esquencedes cicais
que tod' a hestoria está chea
de nomes qu' o brilo teñen
luminosas estrelas.
Semíramis y-Artemisa:
duas Aspasias y-a nena.
File, filla d' Antipatro,
con quen iste s' aconsella.
Livia que domin' á Augusto
y-o mundo co-él goberna:
Agripina qu' ô seu fillo
de Roma o imperio lle dera
a ilustrada Amalasunta
qu' entende todal-as lengoas:
a gran reina anque croel
Sabela d' Ingalaterra:
a Catelina de Médeces
y-a Católeca Sabela,
Filomena Dato, "Defensa d'as mulleres" IV

Ademais, hai outros fragmentos nos que Filomena, na vez de remitirse a figuras pasadas, opta por unha crítica moito máis directa da sociedade do seu momento:

'Os que negan â muller
intelixencia e talento,
a millor contestaceon
cicais que fose o disprecio.
¿D' ónde sacaron qu' as almas
teñen com' os corpos seuso?
Porqu' as probes d' as mulleres
nunca tiveron enseño
como os homes, qu' eran tontas,
os homes tontos dixeron;
pois anqu' algus qu' eran sábeos
probar quixesen o mesmo,
soilo logran porbar
que n' human' entendemento
todo é falibre e que poden
os mais grandes teren erros.
Eu non me met' a estudear
si tein húmido o cerebro.
Filomena Dato, "Defensa d'as Mulleres" VI

En Follatos, amosa tamén unha poesía máis na liña do romanticismo e o intimismo típico da época, como se pode ver en "Neve", o seguinte poema. Contrasta a neve do campo, do inverno, que sempre acaba derretendo o sol, coa neve da duda, da alma, a dor existencial:

Por branca nevada
os campos cubertos
parecen desertos,
tan soilos están.
¡Probiña d' a y-alma
qu' está mais deserta
de neve cuberta
d' inverno e de vran!
A neve d' os campos
o sol a derrete
y-âs veces pormete
cosecha millor,
que baixo d' a saba
que tanto branquexa
o xérmen latexa
de novo verdor.
A neve d' a duda
que cai sobr' o peito,
matando d' afeito
os xérmenes vai,
y-as santas creenzas
xa nunca frorecen,
xamais reverdecen
n-a y-alma en que cai.
Filomena Dato, "Neve"

Son moi famosos estes catro versos que Filomena lle pronunciou a modo de despedida a Alejandro Pérez Lugín nunha entrevista que este lle fixo na Coruña no 1912.[11] Ante a pregunta de por que non se ía a Madrid, que alí viviría mellor, respondeu:

Teño unha casiña branca
N’a Mariña entre loureiros.
Teño paz e teño amor.
Estou vivindo n’o ceo.
Filomena Dato, a Perez Lugín

Lugín utilizou precisamente este cantar para rematar a súa famosa novela A casa da Troia, publicada tres anos máis tarde.[11] Nesa entrevista tamén fala sobre como o rexeitamento co que se recibiu o seu último libro (Fe, 1911) desanimouna de continuar publicando, aínda que é ben sabido que nunca parou de escribir. O seguinte poema é un dos derradeiros de Filomena, recollido polo xornal La Voz de Galicia coa noticia do seu enterro e xunta outra composición en castelán. Nel expresa a fatiga e dor que sente, aparecendo a morte como aquilo que lle porá fin:[12]

¿Para qué pedides versos, s´están rotas
as cordas de cristal da miña lira?
Eu era n´outros tempos unha ave
que pasaba cantando pola vida;
agora son tan soilo un alma en pena
que d´un eterno loito vai vestida,
buscando un leito en que pousar para sempre
esta corga que tanto me fatiga.
Vou arrastrand´os pés de car´a cova
cravando n´eles ao pisar, espiñas...
Non lle pidas cancións ó paxariño
que antr´espiños e toxos agoniza!
Deixádeme morrer no meu curruncho.
Téndelle compasión a esta velliña!
Filomena Dato, "Xa non son"
  1. Bermúdez, Silvia; Johnson, Roberta (1 de xaneiro do 2018). A New History of Iberian Feminisms (en inglés). University of Toronto Press. p. 136. ISBN 978-1-4875-2008-3. Consultado o 2021-11-29. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Dato Muruais, Filomena (1891). Follatos. Imprenta de A.Otero. Consultado o 2023-03-13. 
  3. Pérez, Janet; Ihrie, Maureen (2002). The Feminist Encyclopedia of Spanish Literature: A-M (en inglés). Greenwood Publishing Group. p. 253. ISBN 978-0-313-32444-4. Consultado o 2021-11-29. 
  4. 4,0 4,1 "Biografía de Filomena Dato". Biblioteca Virtual de Galicia. Consultado o 2023-03-13. 
  5. "Escaneo da páxina 197 de Follatos". Biblioteca Virtual de Galicia. Consultado o 2023-03-13. 
  6. "As primeiras académicas da RAG" (PDF). Cultura Galega. Consultado o 2023-03-13. 
  7. "Os edificios administrativos do campus terán nome de muller". DUVI. 2018-10-05. Consultado o 2018-10-10. 
  8. "Exeria, Ernestina Otero e Filomena Dato xa dan nome a tres edificios da Universidade de Vigo". Praza Pública. 2019-04-22. Consultado o 2019-04-23. 
  9. "LISÍSTRATA: Premio de Oratoria "Filomena Dato"". LISÍSTRATA. Consultado o 2019-06-11. 
  10. "Filomena Dato Muruais en escritoras.com". escritoras.com (en castelán). Consultado o 2023-03-14. 
  11. 11,0 11,1 11,2 "«No habrá interviú, le daré un caldiño»". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-03-03. Consultado o 2023-03-13. 
  12. Torres Regueiro, Xesús. "Arredor de Filomena Dato Muruais (1856-1926)" (PDF). Dialnet. p. 494. Consultado o 13-03-2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]