Finisterrae
Finisterrae | |
---|---|
Tipo | supercomputadora |
Sede | Centro de Supercomputación de Galicia |
País | Galicia |
Na rede | |
http://www.cesga.es/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Finis Terrae é un supercomputador galego que xurdiu a partir dun convenio asinado en marzo de 2006 coa colaboración da Xunta de Galicia para apoiar a comunidade científica que require gran cantidade de cómputo para a resolución de problemas de diversa índole. Está situado no Centro de Supercomputación de Galicia. Entrou a funcionar o 1 de abril de 2008[1] e foi durante uns meses o máis potente de España, até que entrou en funcionamento o Mare Nostrum catalán.[2] Non se atopa no TOP500.[3]
O Finisterrae forma parte da Rede Española de Supercomputación e á iniciativa de supercomputación europea Partnership for Advanced Computing in Europe (PRACE).[4]
Para o que se creou o Cesga, e sempre apoiado enormemente pola filosofía de software libre, deseñouse unha plataforma capaz de articular diferentes proxectos científicos, aplicando os cálculos e as simulacións que os investigadores necesitaban.
O seu nome deriva da distancia existente entre Santiago de Compostela e a localidade de Fisterra.[5]
Especificacións técnicas
[editar | editar a fonte]Nome | Ano | Sistema operativo | Arquitectura | Procesadores | Memoria (TB) | Potencia (TFlops) | Top500 Ranking |
---|---|---|---|---|---|---|---|
Finisterrae I[6] | 2008 | Linux | Itanium 64 (Intel) | 2.528 | 19,584 | 16,179 | 427 (nov 2008)[3] |
Finisterrae II[7] | 2015 | Redhat Enterprise Linux | Haswell 64 (Intel), Intel Xeon | 7.712 | 44,4 | 328,272 | |
Finisterrae III[8] | 2021 | Linux | 1.968 aprox. |
Estrutura
[editar | editar a fonte]O Finisterrae está instalado na primeira planta do edificio, con forma de faba, de xeito, que ocupa unha das dúas metades. Está formado por 48 Racks distribuídos en 8 fileiras onde se sitúan tódolos nodos que o compoñen. Nos extremos, atópanse os nodos computacionais, nas dúas fileiras do centro está o nodo central, de login, a Rede de área de almacenamento (SAN) e a rede InfiniBand e Gigabit.
Os nodos sitúanse en cada fileira, enfrontados, de xeito que nos corredores onde está a parte frontal dos nodos, circula aire frío mentres as partes traseiras do nodo central expulsan aire quente. Os corredores de aire frío teñen luces azuis e os de aire quente vermellas para proporcionárenlles vistosidade aos posibles visitantes.
Tódolos compoñentes do sistema traballan usando o sistema operativo Linux, versión SuSe.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Finisterrae I
[editar | editar a fonte]O supercomputador está composto por 144 nodos de computación paralelos, están compostos do seguinte xeito:
- 142 nodos HP RX7640, cada un con 8 procesadores Intel Itanium Montvale de dobre núcleo distribuídos en dúas celas con 4 procesadores (arquitectura NUMA) e 64 GB de RAM cada un.
- 1 nodo Integrity Superdome HP, con 128 núcleos Itanium Montvale e 1024 GiB de RAM e outro nodo Integrity Superdome HP, con 128 núcleos Itanium 2 e 384 GiB de RAM.[5]
Outro dos elementos importantes do Finisterrae é un sistema de almacenamento xerárquico, con 22 nodos e 96 núcleos de procesamento pois é un sistema de almacenamento paralelo HP-SFS, composto por 72 armarios conectados a 864 discos duros SATA cunha capacidade total de 216 terabytes. O software de xestión empregado é LUSTER baseado en código aberto. Tamén ten un almacenamento de cinta HP ESL 712e Tape Library cunha capacidade de 2,2 petabytes comprimidos e 1440 terabytes sen comprimir. Os nodos están ligados por unha rede de interconexión DDR 4 X infinibanda cun ancho de banda efectivo de 16 Gbit/s e unha conexión de rede externa a 10 Gbit/s.
A distribución do cableado estruturado pasa por unha falsa plataforma de chan de aproximadamente un metro de alto, que podemos ver na imaxe grazas a unha parte decorativa implementada para engadir atractivo visual aos visitantes. A estrutura do edificio non permite ter unha altura dun metro en toda a extensión do falso chan, o que dificulta a distribución correcta dos condutos de cableado e aire frío.
Como alternativa aos fallos da rede eléctrica, o CESGA ten un xerador eléctrico que funciona grazas a un motor diésel de 12 cilindros, que para manter a autonomía durante 24 horas require dous tanques diésel de 1.500 litros. Atópase no soto do edificio e para a súa instalación foi necesario derrubar un dos muros laterais. Cando se pon en funcionamento é capaz de sacudir toda a estrutura do edificio e os seus arredores.
Ocupa unha superficie de 142 metros cadrados, pesa 33 toneladas e ten 85 quilómetros de cable[9] cunha memoria equivalente á de 40.000 ordenadores persoais e custou máis de 60 millóns de euros.[10]
Finisterrae II
[editar | editar a fonte]Foi instalado en 2015 e posto en produción o ano seguinte.[11]
É un equipo bullx Bull ATOS distribuído en 8 racks ou armarios e conta con 320 nodos informáticos, 7.712 núcleos, 44.544 GB de memoria e 750.000 GB de Luster de almacenamento de alto rendemento. O Finisterrae II está baseado en procesadores Intel Haswell e está interconectado mediante red Infiniband cun rendimiento pico de 328 Tflops e sostido en Linpack de 213 Tflops.[11]
Finisterrae III
[editar | editar a fonte]O Goberno galego aprobou o 5 de xuño de 2020 a compra dun novo superordenador para o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), o 'Finisterrae III' cuxa posta en marcha está prevista para marzo de 2021, o que permitirá "multiplicar por seis" a capacidade do actual, o 'Finisterrae II', cun investimento total de 7 millóns de euros. Tamén permitirá ofrecer servizos de almacenamento.[12][13]
Equipo de apoio
[editar | editar a fonte]Equipamento eléctrico para o superordenador
[editar | editar a fonte]Para garantir un servizo 24x7 a tódolos seus equipos, o CESGA ten unha potencia de entrada externa de 1,5 MW; dous transformadores, un de 1.600 kVA, que complementa o instalado inicialmente de 630 kVA; catro sistemas de alimentación ininterrompida dos que 2 son de 400 kVA e outras dúas unidades adicionais que dan un total de 180 kVA (120 e 60).[14] A maiores de todo o anterior, o xa mencionado xerador eléctrico de 1.125 kV A e 8 toneladas de peso, que é quen de subministrar enerxía a toda a instalación para que continúe o seu funcionamento normal durante cortes de enerxía prolongados .
Sistemas de refrixeración
[editar | editar a fonte]O Finisterrae está situado nunha sala de 340 metros cadrados, todo con chan técnico, que está permanentemente baixo condicións de temperatura e humidade de 22 graos centígrados e un 50% de humidade no ambiente. Para alcanzar estas condicións, o CESGA conta con dúas máquinas de refrixeración de auga de 580 kW cada unha e 8 unidades de 120 KVA.[14] A auga fría é utilizada por 10 ventiladores que están dentro da sala e que distribúen o aire arrefriado previamente polos corredores fríos da sala. O Finisterrae, sitúase seguindo unha distribución de corredores fríos e quentes, de tal xeito que o equipo sempre toma aire frío para arrefriarse e expulsa o aire xa quente a outro corredor, onde se expulsa ao exterior. Esta distribución permite unha gran eficiencia no arrefriamento do supercomputador.
Sistemas de extinción de lumes
[editar | editar a fonte]Para previr calquera posible lume por mor de todo o equipamento técnico existente, na sala está instalado un sistema de detección e extinción de incendios de gas HFC-227.[14] O funcionamento do sistema consiste en conseguir que todo o osíxeno da sala saia da sala pola acción do gas, evitando a proliferación de lume nel, xa que o osíxeno é un elemento necesario para que a combustión se poida producir.. Isto supón un risco de asfixia para o persoal que ocasionalmente traballa na habitación, polo que o sistema está preparado para deixar unha cantidade mínima de osíxeno que permita aos operarios saír da habitación e estar a salvo do lume.
Control de acceso
[editar | editar a fonte]O acceso físico á sala onde se atopa o supercomputador está restrinxido. Para acceder á sala é necesario facelo superando dous sistemas de identificación diferentes. A identidade da persoa debe confirmarse mediante unha tarxeta de identificación e, ademais, que a pegada dixital do usuario corresponde coa identidade que está a acreditar a tarxeta. Do mesmo xeito, o acceso á sala grávase permanentemente en vídeo.
Aplicacións
[editar | editar a fonte]A grande rede de nodos e GPUs do Finisterrae ofrecen un grande rendemento no proceso en paralelo de grandes cantidades de datos.[1] O sistema da servizo a centos de grupos de investigación e desenvolvemento, empresas e universidades; entre outros. Dende o 2017 o Sistema Virtual Galego proporciona un único púnto de acceso para os investigadores.[4] En 2018 acadáronse en total 8,6 millóns de horas de procesamento.[15]
Galería
[editar | editar a fonte]-
HP Integrity Superdome
-
Nodos HP-SFS, sistema de almacenamento.
-
Parte traseira dun dos nodos
-
HP ESL 712e Librería de cintas de almacenamento
-
Xerador eléctrico alternativo do Finisterrae I
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Computación - Cesga - Centro de Supercomputación de Galicia
- ↑ Redacción (8 de xuño de 2020). "‘Finisterrae III’, o novo supercomputador de Galicia 6 veces máis potente". gciencia.com. Consultado o 5 de abril de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 Centro de Supercomp. de Galicia | TOP500
- ↑ 4,0 4,1 Finisterrae II - Cesga - Centro de Supercomputación de Galicia
- ↑ 5,0 5,1 Redacción (16 de xuño de 2008). "Presentan supercomputador Finis Terrae". diarioti.com (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021.
- ↑ VV.AA. (maio 2009). CESGA ANNUAL REPORT 2008 (Anuario 2008 CESGA) (en inglés) (Santiago de Compostela: Fundación CESGA): 32. ISSN 1339-563X
- ↑ "FinisTerrae2". res.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2021. Consultado o 11 de abril de 2021.
- ↑ Galicia tendrá en 2021 un nuevo supercomputador que sextuplicará la capacidad de cálculo de su predecesor - Galicia Press
- ↑ Tristán, Rosa M. (16 de xuño de 2008). "'Finis Terrae', el computador con más memoria". elmundo.es (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021.
- ↑ Redacción (23 de maio de 2006). "La memoria del "Finis Terrae" será equivalente a la de casi 40.000 PC". elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021.
- ↑ 11,0 11,1 "Finisterrae II". cesga.es. Consultado o 11 de abril de 2021.
- ↑ Europa Press (5 de xuño de 2020). "Galicia tendrá en 2021 un nuevo supercomputador que sextuplicará la capacidad de cálculo de su predecesor". galiciapress.es (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021.
- ↑ Montero, Tamara (4 de outubro de 2019). "El nuevo supercomputador del Cesga será seis veces más potente que el actual". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2021.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 "Equipos de apoio". cesga.es. Consultado o 1 de xuño de 2021.
- ↑ Memoria CESGA 2018