Florencia é un concello colombiano, capital do departamento de Caquetá. É a cidade máis importante no sueste do país polo seu número de habitantes, os seus máis de cen anos de historia e desenvolvemento institucional do Estado. É coñecida como «A Porta de Ouro da Amazonía Colombiana». Ten unha superficie de 2 292 km²[1] e 178 449 habitantes (2017).[2]
É unha cidade nova, punto de converxencia dos concellos do norte e do sur do Caquetá. Está situada na zona de piedemonte entre a Cordilleira Oriental e a Amazonia, na marxe dereita do río Hacha, o cal lle dá unha posición privilexiada ambientalmente ó ser a ligazón entre a Rexión Andina e a Rexión Amazónica. Dista 519 km da cidade de Bogotá, capital da República de Colombia.[3] Conta con 163 323 habitantes de acordo coa proxección do DANE para 2012. A súa extensión territorial é de 2292 km², a súa altitude media é de 242 msnm, a súa precipitación media anual é de 3840 mm e a súa temperatura media é de 25 °C. Está constituída por catro comunas na súa área urbana e sete correxementos na súa área rural.