Saltar ao contido

Fokker Spin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fokker Spin
Anthony Fokker no seu Spin
Tipoavión experimental
FabricanteFokker
Deseñado porAnthony Fokker
Primeiro voo1910
Introducido1910
Unidades construídas25

O Fokker Spin foi o primeiro avión fabricado polo pioneiro da aviación neerlandés Anthony Fokker. Os moitos arames tensores que tiña fixeron que o avión se asemellase a unha araña xigante, de aí o seu nome (Spín é araña en neerlandés).

Fokker, mentres estudaba en Alemaña, fabricou o Spin en 1910 xunto con Jacob Goedecker e o seu socio financeiro Franz von Daum, que mercou o motor. O avión comezou como un deseño experimental para proporcionarlle a Fokker un medio para experimentar o seu interese por voar. O primeiro Spin resultou destruído cando von Daum voou con el contra unha árbore, pero o motor puido ser salvado e usouse na segunda versión do avión.

A segunda versión fabricouse pouco despois, e nel o propio Fokker aprendeu a voar e gañou a súa licenza de piloto. Este exemplar tamén sufriu danos irreparables a mans de von Daum.

No terceiro modelo, Fokker fíxose famoso no seu país por voar ao redor da torre da igrexa de Sint-Bavokerk, en Haarlem, o 31 de agosto de 1911. Ampliou a súa fama o feito de que esa data era o aniversario da raíña Guillermina. Tras o seu éxito fundou unha fábrica de avións e unha escola de voo en Berlín. Alí, desenvolveu os M.1, M.2, M.3 e M.4 para o exército alemán, baseados no Spin.

O M.1 era un monoplano de dúas prazas, e unhas poucas unidades fabricáronse como o M.3. Voou por vez primeira en 1911, e cara 1913 foi transferido ás escolas de aviación militar. O M.2 foi a verdadeira versión militar do Spin. O avión tiña un motor Argus ou Mercedes de 100 cabalos, e era capaz de acadar os 97 km/h. Os dez M.2 pedidos por 299.880 marcos incluían des camións 10 Daimler para trasladar os avións co exército, polos plans do Estado Maior alemán do momento. O M.2 era un avión moito máis refinado cunha fuselaxe aerodinámica, realizando o seu primeiro voo en 1912. O M.4 desenvolveuse a partir do M.3, e incluía unha roda no morro.

De 1912 a 1913 fabricáronse un total de 25 Fokker Spin (incluíds uns poucos biprazas), usados principalmente para o adestramento de pilotos.

O 3º modelo do Spin

Un dos derradeiros Spin foi mercado por Fokker e levado aos Países Baixos tras a primeira guerra mundial. Estaba incompleto e foi reconstruído a principios dos anos 20. Durante a segunda guerra mundial o avión foi levado a un museo aeronautico de Berlín como trofeo de guerra dos alemáns que ocuparon o país. Tras a guerra foi levado a Polonia. En 1986 regresaría aos Países Baixos onde foi restaurado. Un segundo Spin supervivente foi fabricado polo persoal de Fokker en 1936 para conmemorar o 25 aniversario do primeiro voo de Anthony Fokker. Ámbolos dous atópanse no museo aeronáutico Aviodrome, no aeroporto de Lelystad.

Construción

[editar | editar a fonte]

A súa fuselaxe está formada sinxelamente por dúas trabes de madeira estre as que se sentaba o piloto, e que levaban na súa parte dianteira un motor Argus de catro cilindros e refrixerado por auga. Os radiadores foron colocados no lateral da fuselaxe. As ás e a cola consistían en dous tubos de aceiro coas costelas de bambú. A tren de aterraxe tamén foi construída con tubos de aceiro. Toda a estrutura mantíñase unida con arame de aceiro. Versións posteriores tiñan unha fuselaxe máis aerodinámica.