Saltar ao contido

Forma binaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Forma binaria en claves maiores e menores. Cada sección debe ter polo tres frases.[1]

A forma binaria é unha maneira de estruturar unha peza musical en dúas seccións relacionadas entre si que normalmente se repiten.

A forma binaria era moi popular durante o Barroco e frecuentemente utilizábase para dar forma a movementos de sonatas para instrumentos de teclado. Tamén se utilizaba para obras moi curtas e dun só movemento.

Cara á metade do século XVIII foi deixando de utilizarse e foi sendo substituída pola forma sonata que potenciaba o desenvolvemento do material musical. Onde aínda se mantén o seu uso é como un tema a partir do que desenvolver variacións. Tamén queda incorporada a grandes obras e en formas máis elaboradas, como a forma sonata, nas que se manteñen certas estruturas propias da forma binaria.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

Unha peza en forma binaria caracterízase por ter dúas seccións (A e B) complementarias, cunha duración aproximadamente igual. A primeira sección (A) empezará nunha determinada tonalidade e modula normalmente a unha tonalidade próxima. As composicións en:

  • tonalidades maiores modulan tipicamente á tonalidade da dominante (maior).
  • tonalidades menores modulan á tonalidade da dominante (maior ou menor) ou do relativo principal.

A segunda sección (B) empeza na tonalidade novamente establecida, onde permanece durante un período indefinido de tempo. Porén, aínda que a efectos prácticos a consideremos unha "nova tonalidade", moitas veces non se trata realmente de tal (sobre todo no modo menor), porque non adoitan aparecer todas as alteracións necesarias. Despois dunha certa actividade harmónica, antes de terminar, a peza modula outra vez cara á tonalidade orixinal. Nas composicións do século XVIII, era habitual que as dúas seccións A e B estivesen separadas por dobre barra final con sinais de repetición, que indicaba que tiñan que ser repetidas. De modo que pode esquematizarse a forma coas letras AABB.

  1. White, John D. (1976). The Analysis of Music, p.50. ISBN 0-13-033233-X.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]