Forte Al Mirani
Forte Al Mirani (árabe: قلعة الميراني) ou Forte Almirante, cando foi construído polos portugueses no periodo do Omán Portugués, é unha fortaleza histórica de cinco séculos de antigüidade situada no banco oeste do porto da capital de Omán, Mascate. É un dos dous fortes da cidades vella de Mascate, xunto co Forte Al Jalali.
Historia e Estrutura
[editar | editar a fonte]O Forte do Almirante, que recibiu o seu nome polo feito de incluír a casa do almirante (ou capitán), do mimetismo derivou o nome árabe Al Mirani, é un conxunto irregular, certamente ditado polo propio accidente costeiro. As súas formas adáptanse ao relevo existente coroándoo e impoñéndoo á paisaxe. As descricións das crónicas lusas contan como houbo unha sucesión de “postos de garda” e ravelins, equipados con canóns, que se situaban en diferentes niveis, interconectados por escaleiras. Era un conxunto de plataformas, que se orientaron seguindo o perfil do monte, conseguindo repartirse entre todos os laterais e obtendo posicións privilexiadas para observar o porto e os seus arredores.[1]
A súa obra foi executada por Belchior Calaça e remata no ano 1587, asemade Belchior seguiu os plans do enxeñeiro e xefe militar italiano Giovanni Battista Cairati, como se indica en lápidas aínda hoxe existentes. A estrutura defensiva tamén incluía un patio con cisterna e unha capela, aínda hoxe en bo estado. Ten unha xeometría circular de pequena escala, dotado de cúpula e portal de pedra calcaria, composto por elementos que lembran un gusto manuelino. Durante a ocupación portuguesa o forte consagrou unha capela nunha das salas do forte, o que xogou un papel preponderante durante a promoción do cristianismo en Omán. Monxes e misioneiros foron invitados desde Lisboa a organizar liturxias no Al Mirani.
O forte ergueuse sobre as ruinas dunha torre defensiva omaní. Tras a construción portuguesa o imán Ahmed bin Sa'id expandíuna durante o seu reinado no século dezaoito. A comezos do dezanove, Said bin Sultán de Omán introduciu melloras nas defensas da parede do forte.
Museo aberto ao público
[editar | editar a fonte]O Forte Al Mirani está aberto ao público agás os venres. Inclúe unha visita ao interior do edificio onde se poden visitar estancias Musabbeh (habitación sinxelas de gandeiros que abandoaran o campo para emigrar á cidade), estancias Maijlis (habitacións máis refinadas ao estilo dos anos 1960/1970 omaní), estancias adicadas a proxeccións e arte e fotografía modernos e, finalmente, unha cafetaría no último piso, para o que se instalou un ascensor de acceso.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Escadas interiores a unha saída restrinxida ao público.
-
Vista desde a torre esquerda á entrada por mar á cidade.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "219 DAS FORTIFICAÇÕES PORTUGUESAS EM MASCATE: ANÁLISE MORFOLÓGICA E TERRITORIAL" (PDF). CITCEM. Consultado o 23 de agosto de 2024.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Forte Al Mirani |