Saltar ao contido

Francis 7

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francis 7
OrixeMiami, Florida, Estados Unidos
Períodocirca 2005 - actualidade
Xénero(s)post-punk revival, shoegaze, indie rock, new wave
MembrosOmar Cuellar
Jonny Stein
Raph Sangiovanni
Robby Rose
Na rede
http://www.francis7.com/ (ligazón rota)

Francis 7 é unha banda estadounidense de postpunk revival formada en Miami (Florida) preto do ano 2005[1]. Está formada por Omar Cuellar (guitarra eléctrica e voz), Jonny Stein (baixo), Raph Sangiovanni (batería) e Robby Trey Rose (guitarra eléctrica).

O nome do conxunto, Francis 7, ven da personaxe homónima da novela de ciencia ficción Logan's Run (A fuxida de Logan), escrita por William F. Nolan e George Clayton Johnson. Nesta distopía, Francis 7 é o membro dos Vixilantes de Logan que vai na persecución de Logan 3 e Jessica 6.

A banda naceu da decisión do seu líder, Omar Cuellar, de levar adiante as cancións que escribía e que non tiñan cabida nos grupos de música nos que ata ese momento participou, como Quit e Jobbernowl, nos que foi brevemente o seu baixista[2]. Ao guitarrista, Trey, coñeceuno na Miami Dade College, mentres que con Jonny tiña unha longa relación desde moi novos, sendo Raph compañeiro de estudos de Jonny[3].

No 2008 comezaron a gravación do que ía ser o seu primeiro traballo discográfico, pero semella que non o deron rematado. Algúns dos temas gravados ata entón tiñan títulos como "I Can't Feel My Heart Anymore", "Home" ou "She Doesn't Know Why". Aínda que a banda non se disolveu oficialmente, o seu líder, Omar, pasou a partir dese mesmo ano a dedicarse á produción, mesturas e arranxos para bandas como E. Joseph & The Phantom Heart, Early Bird, Anodize e Signs Of You. Ao longo de 2014 volveron aos estudios de gravación e, por fin, no mes de marzo de 2015 anunciaron no seu perfil de Facebook que o título do seu primeiro álbum ía ser Too Little, Too Late, que semella que está relacionado tamén coa novela que deu nome ao grupo.

O grupo sinalou que entre as súas influencias están The Chameleons, Killing Joke, Editors, Longwave, New Order, Depeche Mode, The Psychedelic Furs, Slowdive, Hammock, The Smiths e os primeiros traballos dos irlandeses U2[4][5].

  1. No ano 2008 levaban tocando en directo ao menos dous anos, segundo a entrevista de Hector Mojeta e Victor Goizueta a Omar Cuellar, realizada o 6-4-2008 ("Bands on the Rise: Francis 7 Full Interview") e no seu perfil de Myspace datan dous dos seus temas no 5-12-2005.
  2. Quit, artigo no blog The South Florida Music Scene Past And Present, escrito o 19-2-2008 (en inglés).
  3. "Bands on the Rise: Francis 7 Full Interview", entrevista a Omar Cuellar no blog The Log - Bands on the Rise and Other Articles de Hector Mojeta e Victor Goizueta, no 6-4-2008 (en inglés).
  4. Facebook de Francis 7 (en inglés).
  5. Ficha de Omar Cuellar en Fandalism Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (en inglés).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]