Saltar ao contido

Fungos imperfectos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fungos imperfectos
Fungi Imperfecti

Conidióforo de Aspergillus sp.
Clasificación científica
Reino: Fungi
Subreino: Dikarya
(sen clasif.) Deuteromycetes
Fungo do xénero Penicillium sobre unha mandarina.

Os fungos imperfectos (Fungi Imperfecti), antigamente chamados deuteromicetos (Deuteromycetes) ou deuteromicotas (Deuteromycota), comprenden máis de 15 000 especies diferentes que se clasifican xuntas porque non se coñece nelas a fase sexual da reprodución.[1]

Xeneralidades

[editar | editar a fonte]

As súas formas coñecidas son semellantes ás formas conidiais de fungos das divisións dos ascomicetos, na súa maioría, e algúns dos basidiomicetos, que se reproducen asexualmente por ter perdido a súa capacidade de reproducirse sexualmente ou por ser esta descoñecida. Salvo no caso dos lévedos, que son unicelulares, o resto dos fungos imperfectos teñen un micelio formado por hifas septadas, multinucleadas salvo excepcións, e ramificadas.[2]

Estes fungos son de grande importancia para o home por ser o filo de maior patoxenicidade humana dentro do reino Fungi, e teñen un gran peso no campo da biotecnoloxía. Entre os seus membros tamén se encontran os xéneros Penicillium e Aspergillus, entre outros.

O termo deuteromicota —antes considerado un filo formal— caeu hoxe en desuso dado que os fungos imperfectos non encaixan na clasificación taxonómica común dos fungos baseada no concepto de especie biolóxica ou nas características morfolóxicas das estruturas sexuais. A clasificación tradicional atende ás características das súas estruturas conidiais, diferenciándose catro ordes segundo a localización destas: Sphaeropsidales, cando forman picnidios; Melanconiales, cando forman acérvulos; Moniliales, cando os seus conidios aparecen en hifas non diferenciadas, illados, en pequenos grupos chamados sinemas ou en esporodoquios, e Micelia sterilia, que non producen esporas. Cando o seu ciclo sexual se descobre, un fungo desta división adoita reclasificarse nunha das outras divisións.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

Os deuteromicetos son organismos saprófitos oportunistas que se reproducen asexualmente por medio de conidios formados en células conidióxenas no extremo dos conidióforos. Os conidios poden formarse illados ou máis comunmente reunidos en estruturas tales como picnidios ou acérvulos. Tras ser diseminado ao medio cada conidio forma unha hifa e logo un micelio constituído por hifas septadas.

Os deuteromicetos ou fungos imperfectos son fungos cuxa reprodución sexual xeralmente se descoñece. Algúns son parasitos que causan enfermidades en plantas e animais, incluído o home. As enfermidades humanas máis comúns causadas por este grupo son infestacións da pel e das mucosas, coñecidas como tiñas (que inclúe o "pé de atleta"). En froitos como o tomate desencólvense Alternaria sp., característica polas súas esporas de cor escura; é un dos fungos principais que atacan aos tomates no campo; dada a tonalidade que adquiren coñécese como "podremia negra".

A ciclosporina, un composto que suprime as reaccións inmunes que interveñen no rexeitamento dos transplantes de órganos é sintetizada por un deuteromiceto que vive no solo. Especies do xénero Aspergillus producen micotoxinas; estes compostos almacénanse nos alimentos e incluso son transmitidos ao leite materno, e considéranse as substancias canceríxenas máis potentes descubertas polo home. Especies do xénero Trichoderma son actualmente utilizadas para o control biolóxico doutros fungos que atacan plantas de importancia económica para o home.

  1. Ciencias y Biología. Botánica. (ed.). "Deuteromicetes: modelo experimental". Consultado o 28 de abril de 2020. 
  2. González, Luis Carlos (1989): Introducción a la fitopatología Bogotá: Instituto Interamericano de Cooperacion Para la Agricultura (IICA). ISBN 978-92-9039-016-9, páxina 29.
  3. González, Luis Carlos (1989): Introducción a la fitopatología Bogotá: Instituto Interamericano de Cooperacion Para la Agricultura (IICA) .ISBN 978-92-9039-016-9, páxinas 29 a 33.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre botánica é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.