Galicismo
Un galicismo é unha estrutura propia da lingua francesa aplicada noutra lingua. O francés foi lingua de cultura en toda Europa durante moitos séculos ata o século XIX, e a súa influencia foi moi importante nas linguas do leste europeo (romanés, ruso) e mesmo tamén nas occidentais (no portugués, e é abundantísmo no caso do inglés). No galego, a influencia do francés veu ademais na época medieval coa afluencia de peregrinos franceses no Camiño de Santiago. Velaí uns exemplos de galicismos en diferentes niveis do galego:
Tipos de galicismos
[editar | editar a fonte]Galicismo fonético
[editar | editar a fonte]Lectura do "v" escrito en galego coma fricativo labiodental e non coma oclusivo bilabial. Isto é típico no español da Arxentina, e os emigrantes retornados dese lugar extrapolan esa pronuncia castelá ó galego.
Existe unha hipótese que supón que a pronuncia afrancesada (velar) do "r" no portugués meridional non é máis ca unha moda instalada na corte portuguesa de Coímbra en base ao prestixio da lingua francesa daquela, que logo se estendeu á fala común. Unha proba desta teoría é a inexistencia desta pronuncia aínda hoxe no norte de Portugal.
Galicismo léxico
[editar | editar a fonte]Existen palabras procedentes da lingua francesa que están xa integradas no idioma ("bagaxe", "avalancha"), pero hai outras que poden evitarse dado que xa existe un correspondente galego e o galicismo resulta innecesario:
- "oraxe" por "tempestade"
- "trineo" por "zorra"
Unha lista das palabras significadas como galicismos ou de etimoloxía francesa no VOLG é a seguinte:
- ballet
- bastrén
- bomba
- bordelés
- chasis
- chaza
- chazar
- chazo
- copar
- croissant
- enclave
- foie-gras
- fondant
- foulard
- frac
- fricandó
- fricasé
- fular
- gravar
- malla
- maquis
- naif
- oblea
- pierrot
- praliné
- prima
- puf
- rancho
- relé
- reps
- rímmel
- tarot
- tope
- trapa
Galicismo morfolóxico
[editar | editar a fonte]Podería considerarse que a influencia do francés exportou tamén fenómenos morfolóxicos. Un exemplo sería o alto rendemento do sufixo -axe no léxico galego, das que moitas corresponden a palabras de procedencia francesa pero xa integradas plenamente no galego:
- bagaxe
- bricolaxe
- aterraxe
- equipaxe
- espionaxe
- embalaxe
- etiquetaxe
- masaxe
- miraxe
- paisaxe
- porcentaxe
- reportaxe
- rodaxe
- vantaxe
Con todo, moitas destas palabras tamén son patrimoniais, algunhas comúns co portugués, ou neoloxismos de nova creación:
Moitas veces é difícil saber exactamente se a palabra procede do equivalente francés ou se se formou por analoxía coas formas xa integradas no galego, en parte tamén por que as dúas linguas parten dunha raíz común, o latín. Aínda así, pódese detectar no galego certa tendencia a que este sufixo recolla o significado de "conxunto de" [1] (correaxe, cregaxe, follaxe, ondaxe, plumaxe, ramaxe, tubaxe: este sufixo porén aparece moi pouco na toponimia, o cal podería indicar a súa relativa modernidade) como para crear substantivos abstractos (aluaxe, amaraxe e aterraxe; arbitraxe, estampaxe, estiaxe, hospedaxe, marcaxe, libertinaxe, pasaxe, vasalaxe), significado tamén presente na lingua orixinal.
Galicismo sintáctico
[editar | editar a fonte]Hai construcións francesas que por tradución ou importación se van impoñendo sobre outras patrimoniais preexistentes. É o caso do infinitivo de intención ou de destino: mentres en galego se debería dicir "correo para enviar", estase estendendo o uso da expresión "correo a enviar".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rosario Álvarez & al. (1993:96) Gramática galega. Vigo: Editorial Galaxia