Gambrinus
Gambrinus é un lendario rei de Flandres, e o santo patrón non oficial da cervexa ou das cervexarías[1], como Baco o é do viño.
As orixes do personaxe son incertas. Algunhas fontes personifícano con nobres medievais, así para algúns se trata do duque de Brabante Xoán I (1251-1295)[2] mentres que outros o identifican con Xoán I "sen medo", duque de Borgoña (1371–1419)[3], que, é considerado o inventor da cervexa con malte lupulada. Tamén un dos copeiros de Carlomagno se chamaba Gambrinus
A mención máis antiga do nome aparece no poeta alemán Burkart Waldis, que o menciona no ano 1543, explicando que Gambrinus aprendeu a arte cervexeira de Isis, a deusa da maternidade e da fertilidade no Exipto antigo.
Posíbeis etimoloxías latinas do nome apuntan a unha orixe en "cambarus" (adegueiro) e "ganae birrinus" (o que bebe na taberna)[4]. Outras explicacións aluden aos cervexeiros de Cambrai (Francia) que eran chamados gambarius, ou á verba do alemán medieval gambra que se refire o xermolar do gran, ou á palabra cambier, empregada para os cervexeiros no norte de Francia durante a Idade Media[1]. Doutra parte, a Cervexaría Gambrinus de Plzeň, República Checa explica o nome como orixinado de Jan Primus (Xoán primeiro), en referencia ao duque Xoán I de Borgoña.
Gambrinus é a miúdo representado con traxe de rei; vestido como un cabaleiro medieval, ou, menos correntemente, como un vello gordocho.
Dado o significado alegórico de Gambrinus, numerosas cervexarías ou compañías cervexeiras de Europa e Norteamérica teñen adoptado a súa imaxe (ou o seu nome) como emblema da súa marca de cervexa ou en carteis, etiquetas etc.
Varias destacadas cervexeiras que levan o nome de Gambrinus ou usan a súa imaxe, son:
- Gambrinus Brewery, de Plzeň, República Checa.
- Gambrinus, de Mulhouse, Alsacia, Francia
- The Gambrinus Company , en San Antonio, Texas, USA
- Gambrinus Brewing Co., de Oshkosh, Wisconsin, USA.
- The Gambrinus Brewing Company, de Columbus, Ohio, USA
- A cervexeira española Cruzcampo, propiedade de Heineken Co., usa a imaxe de Gambrinus como emblema dos seus produtos.
Na cidade galega da Coruña ten dedicada a rúa Gambrinus,[5][6] na que se localiza a factoría cervexeira Hijos de Rivera, que entre outras marcas elabora a cervexa Estrella Galicia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Rabin, Dan (1998). The Dictionary of Beer and Brewing (en inglés). Taylor & Francis. ISBN 978-1-57958-078-0.
- ↑ Mosher, Randy (2009-01-01). Tasting Beer: An Insider's Guide to the World's Greatest Drink (en inglés). Storey Publishing. ISBN 978-1-60342-008-2.
- ↑ Reiber, Ferdinand (1882). Etudes gambrinales: histoire et archéologie de la bière et principalement de la bière de Strasbourg (en francés). Berger-Levrault.
- ↑ Mosher, Randy (2009-01-01). Tasting Beer: An Insider's Guide to the World's Greatest Drink (en inglés). Storey Publishing. ISBN 978-1-60342-008-2.
- ↑ Estrella Galicia
- ↑ Gambrinus: El patrón de la cerveza, junto a la fábrica
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gambrinus |