Saltar ao contido

Ganso de testa branca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ganso de testa branca
Anser albifrons

Anser albifrons frontalis


Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Anseriformes
Familia: Anatidae
Subfamilia: Anserinae
Xénero: Anser
Especie: A. albifrons
Nome binomial
Anser albifrons
(Scopoli, 1769) [1]
Subespecies
  • Véxase o texto
Exemplar novo durante o seu primeiro inverno de vida.
Exemplar adulto pastando.
Anser albifrons
Anser albifrons

O ganso de testa branca ou ganso careto, Anser albifrons, é unha especie de ave da orde dos anseriformes, familia dos anátidos e subfamilia dos anserinos amplamente distribuída polas rexións árticas de Asia, Europa e Norteamérica.

É un ganso moi próximo, filoxeneticamente ao ganso pequeno (Anser erythropus).

Unha característica peculiar desta especie e a longa duración do período de coidados e relación entre pais e fillos, que pode dura varios anos e incluír casos de atención ás crías por parte dos avós.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Miden entre 65 e 78 cm de lonxitude e teñen unha envergadura alar de entre 130 e 165 cm. O peso vai dos 1 900 os 2 400 g nos machos, e dos 1 600 aos 2 100 g nas femias. Son de cor castaña agrisada escura, coa parte inferior do corpo clara e con bandas negras irregulares no ventre. Teñen unha mancha branca moi visible que abrangue a área da fronte e a base do bico, sen chegar ata detrás dos ollos, coma no caso do ganso pequeno. As patas son de cor alaranxada. O bico ten coloracións que varían entre a vermella pálido ata a rosada (subespecie A. a. albifrons) ou a laranxa amarelada (A. a. flavirostris).

Distribución e subespecies

[editar | editar a fonte]

A especie adoita dividirse en cinco subespecies:[1]

  • Anser albifrons albifrons (Scopoli, 1769)
  • Anser albifrons elgasi Delacour & Ripley, 1975
  • Anser albifrons flavirostris Dalgety & P. Scott, 1948
  • Anser albifrons frontalis S. F. Baird, 1858
  • Anser albifrons gambeli Hartlaub, 1852

Os exemplares da subespecie nominativa, A. a. albifrons, crían no extremo norte de Europa e Asia, nas zonas de tundra entre a península de Kanin en Rusia ata o río Katanka na península de Taimyr, e pasan o inverno principalmente no sur e oeste de Europa, cos lugares principais de invernada en Alemaña, Países Baixos e Bélxica.

No extremo leste de Siberia e a zona ártica do Canadá, aparece a subespecie A. a. frontalis, algo maior e de bico algo máis longo. Esta subespecie pasa os invernos nos Estados Unidos de América e no Xapón.

Outras dúas subespecies atópanse en Norteamérica: A. a. gambeli, do noroeste do Canadá, e que inverna no golfo de México estadounidense, e a A. a. elgasi (o ganso de Tula), do suroeste de Alasca. É a subespecie máis grande e de bico máis longo, cos cuarteis de inverno en California. O ganso de Tula é unha subespecie rara, que foi probablemente afectada pola destrución dos seus hábitats de invernada a causa da presenza humana.[2]

A. a. flavirostris cría no oeste de Groenlandia e pasa a estación fría en Escocia e Irlanda. O número de exemplares desta subespecie é escaso, polo que en 2006 a súa caza foi prohibida. Os individuos desta subespecie diferéncianse con claridade dos das outras: son máis escuros e máis barrados na rexión ventral e teñen o bico laranxa. Estudos recentes suxiren que esta subespecie podería constituír unha especie separada.[3]

Protección

[editar | editar a fonte]

A. a. albifrons e A. a. flavirostis están entre as aves incluídas no Acordo para a protección das aves acuáticas de África e Eurasia (AEWA).

  1. 1,0 1,1 Anser albifrons Scopoli, 1769 en ITIS.
  2. Carboneras (1992), p. 582.
  3. Fox & Stroud (2002).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bergmann, Hans-Heiner, Helmut Kruckenberg & Volkhard Wille (2006): Wilde Gänse - Reisende zwischen Wildnis und Weideland, G. Braun Verlag, Karlsruhe
  • Madsen, J., G. Cracknell & Tony Fox (1999): Goose Populations of the Western Palearchtic, Wetlands International, Wageningen.
  • Rutschke, E. (1997): Wildgänse Lebensweise - Schutz - Nutzung, Parey, Berlin
  • Carboneras, Carles (1992): Family Anatidae (Ducks, Geese and Swans). En: del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew & Sargatal, Jordi (eds.): Handbook of Birds of the World (Volume 1: Ostrich to Ducks): 536-629, plates 40-50. Lynx Edicions, Barcelona. ISBN 84-87334-10-5.
  • Fox, A.D. & Stroud, D.A. (2002): Greenland White-fronted Goose. Birds of the Western Palearctic Update 4(2): 65-88.
  • Littlejohn, Chase (1916): Some unusual records for San Mateo County, California. Abstract en: Cooper Ornithological Society|Cooper Club: Minutes of Cooper Club Meetings. Condor (journal) 18(1): 38-40. PDF fulltext

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]