Geri's Game
Geri's Game | |
---|---|
Ficha técnica | |
Director | Jan Pinkava |
Produtor | Karen Dufilho |
Guión | Jan Pinkava |
Intérpretes | Bob Peterson (voz) |
Música | Gus Viseur |
Montaxe | Jim Kallett |
Estudio | Pixar Animation Studios |
Distribuidora | Walt Disney Pictures |
Estrea | 25 de novembro de 1997 25 de novembro de 1998 (con A Bug's Life) |
Duración | 4 minutos |
Orixe | Estados Unidos |
Na rede | |
https://www.pixar.com/geris-game | |
Geri's Game (en galego, O xogo de Geri) é unha curtametraxe de animación por ordenador feita por Pixar en 1997. Foi escrita e dirixida por Jan Pinkava. Trátase da primeira curta de Pixar creada despois de Toy Story; a anterior curta fora Knick Knack en 1989.
O filme gañou un Premio Oscar á mellor curtametraxe animada no ano 1998.
Sinopse
[editar | editar a fonte]O filme transcorre nun parque baleiro en outono. O protagonista, Geri (voz de Bob Peterson), é un vello que xoga ao xadrez contra si mesmo, indo dun ao outro lado da mesa e converténdose nun dos dous xogadores en cada quenda. Ao cambiar de lado e ser o outro xogador, adopta unha personalidade diferente e mesmo quita e pon os lentes para mostrar o cambio.
A medida que se desenvolve a partida, semella que hai dúas persoas diferentes xogando. O Geri que xoga coas negras axiña vai comendo pezas ao outro Geri, que queda co rei soamente en xaque mate. Porén, o Geri das brancas simula un ataque ao corazón para distraer ao outro e xirar o taboleiro de xadrez. Unha vez recuperado, o Geri das pezas negras comproba que agora é el o que está en xaque mate, resígnase e dálle ao Geri que xogaba coas brancas unha prótese dental como premio. Este Geri pon a dentadura e bota a rir, mentres a cámara vai cara a atrás revelando que está el só xunto ao taboleiro de xadrez.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Geri's Game é a primeira produción de Pixar na que aparece un ser humano como protagonista, e o seu obxectivo foi "levar a animación de humanos e roupa a novas alturas".[1][2][3]
A faciana do personaxe Geri parécese ao actor Jonathan Harris, que posteriormente daría voz a Geri na súa aparición en Toy Story 2. Neste mesmo filme, Geri é un restaurador de xoguetes e arranxa o brazo roto de Woody. Na súa caixa de ferramentas pódense ver varias pezas de xadrez como referencia á curtametraxe.
O director de Geri's Game, Jan Pinkava, comentou que o personaxe está baseado parcialmente en si mesmo e nos seus parentes máis vellos, particularmente no seu avó, que xogaba ao xadrez a miúdo.[4]
Lanzamento
[editar | editar a fonte]Geri's Game proxectouse xunto á estrea en cines de A Bug's Life e máis adiante iría entre os contidos adicionais das publicacións en VHS e DVD do filme. Tamén se atopa no DVD Pixar Short Films Collection - Volume 1.
Premios
[editar | editar a fonte]- 1997 - Premios Oscar - Mellor Curtametraxe Animada
- 1998 - Festival de Animación Anima Mundi - Mellor Filme x2
- 1998 - Festival Internacional Annecy de Filmes de Animación - Jan Pinkava
- 1998 - Premios Annie Award - Logro sobresaliente en curtametraxe animada
- 1998 - Festival de cine de Florida - Mellor Curtametraxe
- 1998 - World Animation Celebration - Mellor 3-D CGI profesional, Jan Pinkava
- 1998 - Festival Mundial de Filmes Animados de Zagreb - Favorito de Internet
Erros
[editar | editar a fonte]- Cando o Geri que xoga coas pezas brancas simula o ataque ao corazón e xira o taboleiro de xadrez, a caixa coas pezas comidas cae ao chan. Porén, cando o plano de cámara cambia, a caixa coas pezas non está no chan nin en ningunha outra parte.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Pixar - Geri's Game - Behind the Scenes". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2012. Consultado o 12 de marzo de 2011.
- ↑ "B Robertson - "Meet Geri: The new face of Animation", Computer Graphics World 1998" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de maio de 2011. Consultado o 12 de marzo de 2011.
- ↑ "T DeRose, M Kass, T Truong - "Subdivision surfaces in character animation", Proceedings of SIGGRAPH 1998" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xaneiro de 2007. Consultado o 12 de marzo de 2011.
- ↑ "Pixar Artist's Corner - Interview with Jan". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2012. Consultado o 12 de marzo de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial Arquivado 02 de setembro de 2006 en Wayback Machine. (en inglés)
- Geri's Game na IMDb (en inglés)
- Geri's Game na Big Cartoon DataBase (en inglés)
Predecesor: Knick Knack |
Curtametraxes de Pixar Animation Studios 1997 |
Sucesor: For the Birds |