Giambattista della Porta
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de novembro de 1535 Vico Equense (Reino de Nápoles) |
Morte | 4 de febreiro de 1615 (79 anos) Nápoles (Reino de Nápoles) |
Lugar de sepultura | San Lorenzo Maggiore (en) , controfacciata 40°51′03″N 14°15′29″L / 40.850931, 14.258119 |
Actividade | |
Campo de traballo | Alquimia |
Ocupación | criptógrafo, dramaturgo, astrólogo, filósofo, médico, inventor, físico, químico, matemático, astrónomo |
Membro de | Accademia Nazionale dei Lincei (1610–) |
Profesores | Donato Antonio Altomare (pt) e Giovanni Antonio Pisano (en) |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Biblioteca dixital BEIC Obálky knih, Medvik >>>:Della Porta, Giovan Battista, 1535-1615, |
Giovanni Battista della Porta, así mesmo coñecido como Giovan Battista della Porta ou Giambattista della Porta, nado en Vico Equense en 1535 e finado en Nápoles en 1615, foi un astrónomo, alquimista, comediógrafo, filósofo natural e investigador tardorrenacentista italiano.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Publicou pronto a Magia naturalis; escribiu unha Criptologia e un Ars reminiscendi, sobre a memoria, tema moi desenvolvido no século XVI, pero é lembrado pola súa obra De humana physiognomonia.[1] Foi, doutra banda, autor de numerosos descubrimentos experimentais tales como a cámara escura (o concepto de "cámara" en óptica introduciuno por primeira vez o físico e matemático musulmán Alhacén) e a "lanterna máxica"[2] (tamén atribuída ao xesuíta Athanasius Kircher que o seguiu no tempo), así como as primeiras e rudimentarias ideas ou propostas sobre como construír un anteollo astronómico.
Magiae naturalis sive de miraculis rerum naturalium
[editar | editar a fonte]En 1558 publicou a Magiae naturalis. No prefacio, afirma que escribiu a obra, orixinalmente en catro volumes, aos quince anos. Posteriormente, tivo nove edicións, nas que pasou até un total de vinte volumes, finalmente reunidos nun só volume en 1584: este compendio foi amplamente difundido e traducido do latín ás principais linguas europeas.
O traballo trata sobre divulgación científica, cosmoloxía, xeoloxía, óptica, vexetais, medicamentos, velenos, cociña, transformacións químicas de metais, destilación, coloración de vidro, esmaltes e materiais cerámicos, propiedades magnéticas, cosmética, pólvora, criptografía. Cítanse autores antigos, como Aristóteles e Teofrasto, pero tamén coñecementos contemporáneos. Trátase, porén, dunha compilación escolástica, non baseada na súa propia actividade investigadora, senón no estudo de autores antigos e modernos. Nunha das edicións describiu unha cámara escura equipada cunha lente convexa.
As viaxes e a Accademia secretorum naturae
[editar | editar a fonte]En 1563 publicou un traballo de criptografía, o De Furtivis Literarum Notis, no que describe o primeiro exemplo de substitución poligráfica codificada, sinalando o concepto de substitución polialfabética.[3] Por este traballo considérase o maior criptógrafo do Renacemento.
Neste período, no que xa se consolidaba a súa fama, presentoulle ao rei Filipe II o seu libro de criptografía e tamén viaxou por Francia e Italia. De 1566 é unha publicación sobre Arte del ricordare, posteriormente reeditada en latín, en 1602.
Della Porta fundara a Accademia Secretorum Naturae (Academia dos Segredos); para pertencer a ela era necesario demostrar un novo descubrimento científico, descoñecido para o resto da humanidade, no ámbito das Ciencias Naturais. Porén, non foi precisamente o método científico o que se valorou, senón o carácter "marabilloso" do descubrimento. Coa sospeita da implicación no ocultismo, Della Porta foi cuestionado pola Inquisición en 1579 e a Academia fechada por orde papal, porén, sen levantar obxeccións aos seus estudos de ciencias naturais. Entre 1579 e 1581 foi acollido en Roma e despois en Venecia e Ferrara polo cardeal Luigi d'Este.
En 1583 publicou o tratado Pomarium sobre o cultivo de árbores froiteiras e ao ano seguinte o Olivetum, máis tarde incluído na súa enciclopedia sobre agricultura. En 1586 publicou co editor J. Cacchi di Vico Equense a obra De humano physionomonia, que máis tarde influiría na obra do suízo Johann Kaspar Lavater. En 1599, co editor Tarquinio Longo de Nápoles, publicou unha segunda edición ampliada. A súa obra Phytognomics (1588) enumera as plantas segundo a súa localización xeográfica.
En 1589 a súa casa foi frecuentada por Tommaso Campanella e en 1592 retomou, nunha nova estancia en Venecia a amizade con Paolo Sarpi. Tamén coñeceu a Giordano Bruno antes do seu encarceramento. A partir desa data, por orde do inquisidor veneciano, Della Porta tivo que solicitar permiso para as súas publicacións en Roma. En 1593 coincidiu en Padua con Paolo Sarpi e con Galileo. En 1601 recibiu en Nápoles o nobre francés Nicolas-Claude Fabri de Peiresc. En 1603 coñeceu o mozo Federico Cesi e foi invitado a Praga polo emperador Rodolphe II, ao que dedicou o tratado sobre Taumatoloxía, hoxe perdido.
Tamén escribiu sobre óptica (De refractione optiques, en 1589), agricultura (Villae, en 1592), astronomía (Coelestis physionomoniae en 1601), hidráulica e matemáticas (Pneumaticorum, en 1602), arte militar (De munitione, en 1606), meteoroloxía (De aeris transmutationibus, en 1609), e química (De distillatione en 1610). A súa obra de lectura manual (Chirofisinomia), escrita en 1581, non foi publicada até moito despois da súa morte, en 1677.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Obra
[editar | editar a fonte]- Magia naturalis, 1558 (definitiva, 1589)
- Criptologia
- Ars reminiscendi, 1566
- De humana physiognomonia, 1586 e 1601
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Un manual de 1586 que compara a humanos y animales" (en castelán). Consultado o 2022-02-16.
- ↑ Durbin, P. T. (2012-12-06). Philosophy of Technology: Practical, Historical and Other Dimensions (en inglés). Springer Science & Business Media. ISBN 978-94-009-2303-4.
- ↑ Foi por este acusado de plaxio por Giovan Battista Bellaso, quen afirmou ser o primeiro en propoñer este tipo de cifrado
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Giambattista della Porta |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- J. Caro Baroja, Historia da fisiognómica, Madrid, Istmo, 1998.
- M. Torrini (ed.), Giovan Battista della Porta nell'Europa do suo tempo, Nápoles, Guida, 1990.