Saltar ao contido

Lingüística comparada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Gramática histórica»)

A lingüística comparada (ou gramática comparada) refírese propiamente a unha das técnicas principais da lingüística histórica, disciplina da Lingüística que estuda a historia e a evolución das linguas (tomadas individualmente) ou das familias de linguas. É unha disciplina eminentemente diacrónica. A Lingüística comparada procede da filoloxía, termo que, por veces, debe tomarse como sinónimo aínda que as dúas disciplinas sexan diferentes.

Metodoloxía

[editar | editar a fonte]

O principal método de traballo baséase na comparación entre os diferentes estados dunha mesma lingua ou entre linguas diferentes pero xurdidas dun mesmo devanceiro. Permite, ao sacar á luz as correspondencias regulares fonéticas, sintáctica e, máis raramente, semánticas, establecer parentescos entre as linguas. Ten, pois, como primeiro obxecto de estudo as semellanzas formais reveladas por estas comparacións. É a Lingüística comparada a que permite, xa que logo, establecer de maneira científica a existencia das familias lingüísticas das que se di, pois, que están ligadas por relacións xenéticas; a Lingüística comparada estuda tamén:

  • como unha lingua nai dá nacemento ás súas linguas fillas;
  • a natureza dos lazos entre a lingua nai (ás veces desaparecida) e as linguas fillas;
  • as innovacións e as semellanzas que subsisten entre as linguas fillas etc.

Por exemplo, permite saber que malia seren en aparencia moi próximas (pola escritura e o léxico), dúas linguas como a árabe e o persa non teñen ningunha relación de parentesco, pero que esta última é da mesma gran familia có galego ou o islandés.

Interésase, pois, ante todo nas evolucións coñecidas por esas linguas no curso da súa historia, for semánticas, for fonéticas, for fonolóxicas, léxicas, ou sintácticas etc. A rama máis importante da Lingüística comparada é, con todo, a fonética histórica, a única disciplina que se dedica ás evolucións que se poden describir de maneira formal e obxectiva e tamén a única que permite afirmar que unha palabra B provén sen dúbida dunha palabra A ou que palabras B, C e D son todas derivadas dun étimo común A e están, polo tanto, ligadas historicamente. A etimoloxía é, así, o resultado dunha investigación comparativa. A reconstitución de etimoloxías na orixe de palabras tiradas de diferentes linguas irmáns demanda unha investigación comparativa aínda máis forte. Cómpre, en efecto, atopar o significado orixinal dun termo a partir dos seus resultados nas linguas en cuestión, significado orixinal que, ao se transmitir a linguas de evolución autónoma (e sábese que a evolución semántica non segue regra precisa ningunha), púidose modificar en proporcións importantes.

Entre as principais familias lingüísticas estudadas pola Lingüística comparada, pódense citar as linguas indoeuropeas, a semítica, a sino-tibetana, a Níxer-Congo ou as austronesias, que forman moi vastas familias. A Lingüística comparada das linguas indoeuropeas é, de lonxe, a máis desenvolvida.

Ademais do establecemento de familias de linguas, a Lingüística comparada permite sobre todo a reconstrución dunha lingua nai prehistórica (é dicir, non testemuñada directamente por medio da escritura) a través unicamente das pegadas que deixou nas súas linguas fillas históricas (pegadas que son os puntos de converxencia das diferentes similitudes). Autoriza a reconstituír (de maneira ás veces esvaída e con grandes doses de suposición, pero sempre seguindo métodos científicos) devanceiros afastados como o indoeuropeo ou o chinés arcaico (para este último, é conveniente dicir que malia ser unha lingua de época histórica, o seu sistema fonético e fonolóxico están disimulados pola escritura chinesa; así, a Fonética histórica enche estas lagoas). O postulado principal é o seguinte: se, nas linguas A, B, C, e D que se saben xeneticamente emparentadas, se descobre por comparación unha característica dada (léxica, morfolóxica, fonética etc.), é probable que esta característica proveña da lingua nai. É pola intersección de todas estas características polo que se pode obter unha imaxe afastada da lingua nai, o gran número de puntos comúns que permiten rexeitar a posibilidade dunha estrita coincidencia (como os falsos amigos).

Evidentemente, a reconstrución das linguas nais permite confirmar a existencia das familias de linguas e, a inversa. Os dous obxectos de estudo en cuestión están relacionados intrinsecamente.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]