Grande Mestre (orde)
Grande Mestre (latín: Magister Magnus; alemán: Großmeister; francés: Grand Maître) é o título que corresponde ao xefe supremo de varias ordes, incluídas as ordes de cabalaría como as ordes militares e as ordes dinásticas. O título tamén aparece nas organizacións fraternais como os masóns. Ademais, numerosas ordes modernas autodenominadas tentan imitar os hábitos dos antigos corpos.
Historia
[editar | editar a fonte]Época medieval
[editar | editar a fonte]En ordes militares medievais como os Cabaleiros Templarios ou os Irmáns Livonios da Espada, o Grande Mestre era o xefe formal e executivo dunha xerarquía militar e feudal, que pode considerarse coma un "estado dentro do estado", especialmente no contexto cruzado lato sensu, especialmente dirixido a Terra Santa ou territorios pagáns do leste de Europa, así como na reconquista da Península Ibérica.
Se a unha orde se lle concede a condición de Estado e considerada soberana, o Gran Mestre tamén é o seu Xefe de Estado, e polo tanto, un verdadeiro Príncipe da igrexa, como era o caso dos Cabaleiros Teutónicos e a Soberana Orde Militar de Malta.[1]
Época moderna
[editar | editar a fonte]Excepto a continuación moderna das organizacións de fundación medieval, o título de Grande Mestre foi usado polos xefes das Grandes Loxas dos Masóns desde 1717, e por Odd Fellows desde o século XVIII.
O título de Grande Mestre tamén é usado por outras irmandades, incluídas as académicas asociadas ás universidades. O líder nacional da Fraternidade Kappa Sigma recibe o título de "Digno e Grande Mestre". Os xefes dos capítulos locais usan o título de "Grande Mestre".
Ordes de cabalería
[editar | editar a fonte]Un monarca soberano adoita posuír o título de Grande Mestre das máis altas ordes dinásticas honoríficas de cabalaría, ou pode conferirllo ou encomendarllo a outra persoa, incluído a un príncipe da familia real, habitualmente o herdeiro do trono, que noutras ordes pode ocupar outro rango/título.
O termo "soberano" úsase xeralmente en lugar de "Grande Mestre" para o xefe supremo de varias ordes en Gran Bretaña e outras nacións da Commonwealth. Na Orde Soberana Militar de Malta, o Grande Mestre denomínase "Soberano", por exemplo Grande Mestre Soberano, pola súa condición de entidade soberana independente a nivel internacional.
Nas nacións republicanas, un presidente tamén pode servir como gran mestre das distintas ordes estatais, como en Francia, onde o presidente é o grande mestre da Lexión de Honra, e Portugal.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Micallef (2012), pp. 233–235
- ↑ Hieronymussen, Poul Ohm; Lundø, Jørgen (1968). Eurooppalaiset kunniamerkit värikuvina (en finés). OCLC 466954328.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Micallef, Antonio (2012). Lectures on the Statutes of the Sacred Order of St. John of Jerusalem: at the University (of Studies) of Malta 1792 (en inglés). Karlruhe: KIT Scientific Publishing. ISBN 978-3-86644-402-7.