Guðlaugur Friðþórsson
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 24 de setembro de 1961 ![]() |
Actividade | |
Ocupación | político, pescador ![]() |
Guðlaugur "Laugi" Friðþórsson (transcrito Gudlaugur Fridthorsson), nado o 24 de setembro de 1961, é un mariñeiro islandés. Colleu sona en 1984, cando sobreviviu ó irse a pique o barco pesqueiro no que estaba embarcado, nunhas condicións do mar xeralmente consideradas letais. Durante o accidente mantívose varias horas na auga fría, entre uns 5 °C e uns 6 °C, que probablemente só soportou sen morrer debido a unha estrutura especial de graxa e a unha vontade de ferro. Aludindo a isto, Guðlaugur é ás veces definido como o home foca.
Accidente
[editar | editar a fonte]![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/9/97/Aerial_view_of_Heimaey%2C_2009-02-01.jpg/220px-Aerial_view_of_Heimaey%2C_2009-02-01.jpg)
O 11 de marzo de 1984 Guðlaugur Friðþórsson traballaba no arrastreiro Hellisey VE-503 a uns sete kilómetros da illa Heimaey, nas Vestmannaeyjar (Illas dos Celtas), fronte á costa islandesa, cando o aparello quedou enganchado no fondo do mar e fixo envorcar o barco. Dos cinco tripulantes, dous xa pereceron no mesmo accidente porque non puideron abandonar o barco, que quedara aboiado coa quilla cara arriba. Guðlaugur e outros dous homes, un deles o capitán Hjörtur Jónsson, puideron salvarse póndose enriba da quilla.[1]
Como o barco envorcou de súpeto, a tripulación non puido mandar unha chamada de emerxencia; aínda así, a garda costeira debera mandar axuda ó faltar durante certo tempo unha resposta do barco. Hjörtur mergullouse e tentou arriar o bote salvavidas fixado ó Hellisey, cando xa estaba envorcado, pero non o dou feito por mor de que as ancoraxes estaban enferruxadas. O barco foi a pique ós 45 minutos e os homes decidiron nadar ate a terra firme, a uns 5 km. A temperatura da auga neste intre era duns 6 °C, un pouco por riba da temperatura do aire, que sería duns 3 °C. Nestas condicións o tempo de supervivencia que se pode agardar é inferior a 30 minutos, porque a perda de calor do corpo humano na auga pode multiplicar aproximadamente por 25 a perda que se dá no aire. Ademais os homes xa arrefriaran e estaban esgotados polo tempo que antes botaran enriba da quilla.
Despois de abandonaren o barco, o primeiro home morreu decontado. O capitán Hjörtur Jónsson e Guðlaugur nadaron xuntos un anaco, pero despois tamén desapareceu Hjörtur Jónsson, de xeito que Guðlaugur Friðþórsson quedou só. Aquela noite o aire xa estaba a temperatura máis baixa que a de conxelación, quitou as botas e máis a roupa de augas e seguiu nadando só con vaqueiros, camisa e xersei. Guðlaugur contou máis tarde que en canto nadou falara con gaivotas e mais que un barco pasara a menos de 100 m pero que non se decatara dos seus berros. Acompañouno en toda a súa travesía un fulmar boreal, ó que lle pediu que fose voando a terra e avisase do que lle acontecera. Tamén estivo sempre confortado por unha estrela brilante que nunca deixou de ver, aínda que o ceo estaba moi anubado. Atendendo a diversas fontes, debeu de nadar entre tres e seis horas antes de chegar á illa Heimaey. Por riba, no sitio onde alcanzou terra os cantís tiñan unha pendente demasiado viva pra dar agaveado por eles, así que Guðlaugur volveu a botarse ó mar a nadar pra chegar á terra firme noutro lugar máis axeitado. Aquí subiu polos cantís e andou descalzo un tres kilómetros por chans de lava con pedras de cantos afiados, ata o seguinte asentamento habitado, sufrindo moitos cortes fondos nos seus pés. Contra as sete da mañá do 12 de marzo petou na porta dun veciño que avisou os socorristas.
Despois do accidente, atormentado pola culpa do sobrevivente, continuou vivindo nas Vestmannaeyjar e volveu a traballar de mariñeiro dende 1987. Tamén ocupou un asento no parlamento local ata setembro do 2012. A súa sorprendente supervivencia converteuno nun heroe nacional islandés e foille erixido un monumento nas Vestmannaeyjar.[2] A roupa que levaba, unha camisa a cadros e os seus vaqueiros, forman parte da exposición no Museo das Vestmannaeyjar.
Investigación científica
[editar | editar a fonte]No momento do seu rescate a temperatura corporal de Guðlaugur era inferior a 33 °C (35 °C segundo algunhas fontes), o que adoita causar limitacións mentais significativas a xeito de confusións. En todo caso, aínda coa hipotermia, Guðlaugur non mostrou nin falla mental nin conxelación significativa e sobreviviu ó accidente case que ileso.
O caso investigouse a partir de 1985 no London Hospital Medical College de Londres baixo a dirección de William R. Keatinge, a solicitude de Jóhann Axelsson, xefe do Departamento de Fisioloxía da Universidade de Islandia en Reiquiavik. Entre outras probas que foron feitas, Guðlaugur foi metido en recipientes cheos de auga xeada, acompañado de nadadores da Armada Británica. Guðlaugur, que non estaba adestrado para facer deporte, soportou o frío moito mellor que os soldados adestrados. Confirmouse que Guðlaugur tiña unha estrutura graxa pouco común, que recorda máis á graxa das focas, xa que a súa capa de graxa subcutánea é inusualmente grosa. Aínda con esta característica excepcional, segundo os científicos, Guðlaugur non debería sobrevivir tanto tempo na auga tan fría. Unha boa parte da súa supervivencia, din os científicos, debeuse á súa forza mental e á súa negativa a morrer.
Acollemento
[editar | editar a fonte]A longametraxe de 2012 The Deep, dirixida por Baltasar Kormákur, trata o infortunio vivido por Guðlaugur Friðþórsson. O papel principal foi interpretado por Ólafur Darri Ólafsson.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Edge,Simon (9 de xullo de 2013). "The strange story of the human seal". Express (en inglés).
- ↑ Barth, Sabine (2016). DuMont Reise-Handbuch Reiseführer Island (4ª ed.). DuMont Reise-Handbuch. p. 448. ISBN 9783770178162.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Alva Gehrmann (26 de febreiro de 2014). "Das Geheimnis des Seehund-Mannes". Frankfurter Allgemeine (en alemán).