Guillerme I dos Países Baixos
- Non confundir con Guillerme I de Orange-Nassau.
Guillerme I dos Países Baixos (orixinariamente en neerlandés: Willem Frederik van Oranje-Nassau), nado na cidade surholandesa da Haia o 24 de agosto de 1772 e finado en Berlín o 12 de decembro de 1843, foi Príncipe de Orange (co nome de Guillerme VI de Orange-Nassau), Duque de Limburgo, Duque de Nassau-Dietz e de Fulda, estatúder das Provincias Unidas, Gran Duque de Luxemburgo e primeiro Rei dos Países Baixos.[1]
Familia
[editar | editar a fonte]Os pais do rei Guillerme I foron os derradeiros estatúders hereditarios das Provincias Unidas, Guillerme V de Orange-Nassau e a súa esposa, a princesa Guillermina de Prusia. Ata 1813, Guillerme foi coñecido como Príncipe Guillerme VI de Orange.
En 1791 contraeu matrimonio coa súa curmá Guillermina (1774-1837), nada en Potsdam, filla do rei Frederico Guillerme II de Prusia, coa que tivo catro fillos:[2]
- O príncipe Guillerme dos Países Baixos (Willem Frederik George Lodewijk) (1792-1849). Reinou como Guillerme II entre 1840-1849 e casou coa gran duquesa Ana Pavlovna de Rusia.
- O príncipe Frederico dos Países Baixos (Willem Frederik Karel) (1791-1881). Casou coa princesa Luísa de Prusia (1808-1870).
- A princesa Paulina dos Países Baixos (Wilhelmina Frederika Louise Pauline Charlotte) (1800-1806).
- A princesa Mariana dos Países Baixos (Wilhelmina Frederika Louise Charlotte Marianne) (1810-1883). Casou co príncipe Alberte de Prusia.
Tras a morte de Guillermina en 1837, Guillerme volveu casar, esta vez coa condesa Henriette d´Oultremont de Wegimont, en 1841 en Berlín, cidade onde Guillerme morrería dous anos despois. Os seus restos mortais descansan na cripta real da Igrexa Nova da cidade surholandesa de Delft.[3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]O camiño cara ao reinado
[editar | editar a fonte]Guillerme V, o seu pai, era o estatúder hereditario da República dos Sete Países Baixos Unidos ata que o país foi invadido polos exércitos revolucionarios de Francia, polo que fuxiu co seu fillo a Inglaterra. Ao contrario que o seu pai, que lle dera permiso ao seu pobo para colaborar cos franceses, Guillerme VI tiña unha forte personalidade e tratou de recuperar a República.
En 1799 o príncipe Guillerme desembarcou no actual territorio da Holanda Setentrional, onde parte da poboación local amosou o seu descontento pola súa chegada. Algúns partidarios da Casa de Orange-Nassau mesmo chegaron a ser executados. Tras unha serie de liortas menores, foi obrigado a abandonar novamente o país.
Napoleón Bonaparte decidiu cederlle algúns pequenos principados alemáns, en compensación polos seus territorios perdidos. Con todo, estes principados fóronlle confiscados cando os exércitos napoleónicos invadiron o Sacro Imperio Romano Xermánico en 1806 e Guillerme decidiu apoiar os seus parentes prusianos contra Napoleón. Ese mesmo ano, tras a morte do seu pai, sucedeuno como príncipe de Orange.
Despois da derrota de Napoleón na Batalla de Leipzig (outubro de 1813), os exércitos franceses retiráronse do territorio dos Países Baixos. Formouse daquela un goberno provisional formado baixo o liderado dalgúns dos chamados “patriotas”, que pediron o regreso de Guillerme. Desde o seu punto de vista, dábase por descontado que os demais países europeos aceptarían o liderado do príncipe Guillerme na nova orde e sería positivo para restaurar a unión entre os holandeses e as ligazóns internacionais. No relativo á poboación holandesa, en xeral estaba satisfeita coa retirada dos franceses, que arruinaran a economía do país, e o regreso do príncipe foi aceptado de bo grado.
O 30 de novembro de 1813, o príncipe Guillerme desembarcou na Haia, a só uns poucos metros do lugar desde onde abandonara o país co seu pai dezaoito anos antes, e o 6 de decembro o goberno provisional ofreceulle o título de rei, que Guillerme rexeitou, proclamándose “príncipe soberano”. Tamén aceptou que os dereitos do pobo fosen garantidos por “unha constitución razoable”.
De feito, a nova constitución ofrecíalle ao príncipe Guillerme uns poderes case absolutos. Os ministros do goberno só eran responsables ante el, e o Parlamento (dividido en dúas cámaras) exercía só un poder limitado. Foi coroado como príncipe soberano na Nieuwe Kerk (Igrexa Nova) de Ámsterdam. En 1814 obtivo a soberanía sobre todo o territorio dos Países Baixos, incluíndo as Provincias Unidas e o territorio da actual Bélxica.
Ao se sentir ameazado pola fuxida de Napoleón Bonaparte do seu confinamento na illa de Elba, Guillerme proclamouse rei do “Reino Unido dos Países Baixos” o 16 de marzo de 1815, co apoio dos países reunidos no Congreso de Viena. O seu fillo, o futuro Guillerme II, loitou como comandante na Batalla de Waterloo, que terminou coa derrota dos exércitos franceses. Tras a vitoria, o rei Guillerme I adoptou unha nova constitución, que adoptaba a maior parte do establecido na anterior, pero que tamén incrementaba os seus poderes.[4]
Principais cambios políticos
[editar | editar a fonte]Os Estados Xerais dos Países Baixos estaban divididos en dúas cámaras: a Eerste Kamer (Primeira Cámara ou Senado), nomeada polo rei, e a Tweede Kamer (Segunda Cámara ou Congreso), elixida polos Estados Provinciais, que á súa vez eran elixidos por sufraxio censitario. Os 110 escanos estaban divididos a partes iguais entre o Norte e o Sur (actual Bélxica) dos Países Baixos, aínda que no momento da reforma a poboación do Norte (2 millóns de habitantes) era significativamente menor que a do Sur (3,5 millóns de habitantes).
A constitución foi aceptada no Norte, pero non no Sur. A desigual representación do Sur foi unha das causas que provocarían o estoupido da Revolución en Bélxica en 1830. Nas provincias do sur a participación electoral para a constitución foi baixa, pero Guillerme interpretou que a abstención era un voto afirmativo. Preparou unha celebración en Bruxelas, onde repartiu moedas de cobre entre o pobo, o que lle deu o seu primeiro alcume: “O Rei de Cobre”.
O rei Guillerme I orientou a política gobernamental cara ao progreso económico. Fundou moitas institucións comerciais (o seu segundo alcume foi “O Rei Mercador”). En 1822 fundou a Algemeene Nederlandsche Maatschappij ter Begunstiging van de Volksvlijt, que se convertería nunha das máis importantes institucións económicas de Bélxica tras a súa independencia (Société Générale de Belgique -Sociedade Xeral de Bélxica-). A industria floreceu no país, especialmente no Sur. En 1817 tamén fundou tres universidades nas provincias do sur, como a nova Universidade Católica de Lovaina, a Universidade de Gante e a Universidade de Liexa.
Ao mesmo tempo, as provincias do norte do país convertéronse nun importante centro comercial. En combinación coas colonias nas Indias Orientais (actual Indonesia), Suriname e as Antillas Neerlandesas fomentaron o aumento da prosperidade e a riqueza no reino. Con todo, a maior parte dos beneficios ían parar ás mans dos holandeses. En comparación, poucos belgas conseguiron beneficiarse do crecemento económico. Este sentimento de desigualdade e discriminación sería outra causa do descontento dos belgas.
Oficialmente, no Reino dos Países Baixos existía separación entre Igrexa e Estado. Con todo, o propio Guillerme era un firme defensor da igrexa reformada neerlandesa, o que xerou maior resentimento no sur, predominantemente católico. Á parte das diferenzas relixiosas, Guillerme I xerou unha controversia cultural e lingüística ao impor o neerlandés como lingua oficial da rexión de Flandres, o que enfureceu os aristócratas e traballadores francófonos. Requiriuse que todas as escolas públicas do reino instruísen os estudantes na relixión reformada e na lingua neerlandesa. Moitos dos habitantes do Sur temían que o rei tratase de eliminar o catolicismo e o idioma francés.[5]
Revolución e independencia de Bélxica
[editar | editar a fonte]En agosto de 1830 estreouse en Bruxelas a ópera La Muette de Portici, cuxas representacións foron o xermolo que fixo agromar o sentimento nacionalista belga e a “holandofobia”, que se estendeu por toda Bélxica. Tiveron lugar varios disturbios, principalmente dirixidos contra o impopular ministro de xustiza do reino, que vivía en Bruxelas. Enfurecido, Guillerme I reaccionou enviando tropas para reprimir os rebeldes. Con todo, os disturbios non só non cesaron, senón que se estenderon a outras cidades belgas, que sentiron a necesidade de defender a súa identidade encirradas polos políticos nacionalistas belgas. Axiña foi proclamado o Estado independente de Bélxica.
Ao ano seguinte, o rei Guillerme I enviou os seus fillos a Bélxica para reprimir a rebelión. Aínda que inicialmente vitorioso, o exército holandés foi obrigado a retirarse tras a ameaza da intervención de Francia[6]. Unha minoría belga mantivo o seu apoio á Casa de Orange-Nassau (especialmente os flamengos) durante anos, pero os holandeses nunca conseguiron recuperar o control do país. Resistíndose a aceptar a derrota, o rei continuou a guerra contra Bélxica durante oito anos. Os seus éxitos económicos foron en parte anulados pola súa teimosía en manter o esforzo militar e o custo da guerra converteuse nunha pesada carga para a economía holandesa, creando un forte malestar público. Finalmente, en 1839, o rei viuse obrigado a deter a guerra. O Reino Unido dos Países Baixos foi disolto e rebautizado simplemente como “Reino dos Países Baixos”.[7]
Cambios constitucionais e abdicación
[editar | editar a fonte]En 1840 iniciáronse cambios constitucionais debido a que os termos referidos ao Reino Unido dos Países Baixos tiveron que ser retirados. Entre os cambios constitucionais incluíuse a introdución da responsabilidade xudicial dos ministros. Aínda que o parlamento mantivo un poder similar ao da situación anterior, o Goberno era máis controlable. Con todo, o carácter conservador do rei non puido soportar estes cambios constitucionais, que xunto á negativa a aceptar a perda de Bélxica e a intención do monarca de volver casar con Henriette d´Oultremont (que escandalizou os belgas e os católicos) finalmente levárono á abdicación, que se produciu o 7 de outubro de 1840. O seu fillo máis vello accedeu ao trono como Guillerme II dos Países Baixos. O exmonarca trasladouse á cidade de Berlín, onde morreu tres anos despois en compañía da súa esposa Henriette.[8]
Títulos
[editar | editar a fonte]- Príncipe de Orange-Nassau.
- Marqués de Veere e Flessingue.
- Conde de Buren, Culembourg, Leerdam e Vianden.
- Vizconde de Anveres.
- Barón de Aggeris, Breda, Cranendonck, Cuijk, Dasburg, Eindhoven, Grave, De Lek, IJsselstein, Diest, Grimbergen, Herstal, Warneton, Arlay e Nozeroy
- Señor de Ameland, Baarn, Bredevoort, Borculo, Geertruidenberg, Hooge en Lage Zwaluwe, Klundert, Lichtenvoorde, Liesveld, Het Loo, Montfort, Naaldwijk, Niervaart, Polanen, Steenbergen, Sint-Maartensdijk, Soest, Ter Eem, Turnhout, Willemstad, Zevenbergen, Bütgenbach, Saint-Vith e Besançon.
Predecesor: Título de nova creación |
Rei dos Países Baixos 1815 - 1840 |
Sucesor: Guillerme II |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Guillaume I, roi des Pays-Bas". En Bouillet, Marie-Nicolas; Chassang, Alexis (dir.). Dictionaire Universel d'Histoire et de Géographie. 1878 (en francés)
- ↑ Xenealoxía de Guillerme I dos Países Baixos (en castelán)
- ↑ "Cripta Real Arquivado 13 de decembro de 2017 en Wayback Machine.". Na web oficial da Igrexa Nova de Delft (en castelán)
- ↑ Texto da Constitución do Reino dos Países Baixos do 24 de agosto de 1815 (en neerlandés)
- ↑ "Koning Willem I (1772-1843)". En AbsoluteFacts.nl (en neerlandés)
- ↑ Demoulin, Robert. L’influence française sur la naissance de l’Etat belge. In: Revue historique. Alcan. París, 1960. Páxinas 13 a 28 (en francés)
- ↑ J. S. Fishman. Diplomacy and revolution, the London conference of 1830 and the Belgian revolt. Amsterdam, 1988. [ISBN 90-5068-003-8] (en inglés)
- ↑ "William I, King of the Netherlands". En Encyclopaedia Britannica (en inglés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guillerme I dos Países Baixos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Caraway, David Todd. "Retreat from Liberalism: William I, Freedom of the Press, Political Asylum, and the Foreign Relations of the United Kingdom of the Netherlands, 1814-1818". PhD dissertation, U. of Delaware, 2003, 341 pp. Abstract: Dissertation Abstracts International 2003, Vol. 64 Issue 3. pp. 1030-1030 (en inglés)
- Herbert H. Rowen. The Princes of Orange: The Stadholders in the Dutch Republic. Cambridge, Cambridge University Press, 1988. ISBN 978-0-52134-525-5 (en inglés)
- Israel, Jonathan I. The Dutch Republic: Its Rise, Greatness, and Fall 1477-1806, 1998. Clarendon Press. 1995 ISBN 978-0-19820-734-4 (en inglés)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía do Rei Guillerme I no sitio Web da Casa Real dos Países Baixos (en inglés)
- Biografía da familia Orange-Nassau (en castelán)