Gurumelo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2017.) |
Gurumelo | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Amanita ponderosa[1] Malençon & R. Heim, 1942 | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
O gurumelo[2] ou silarca[3] (Amanita ponderosa) é un cogomelo co chapeu hemisférico e abrancazado cando é novo e aplanado e apardazado na madureza, co pé groso, de cor máis clara e cunha volva ampla. A carne tínguese de rosa en contacto co ar ou ao tocala[4]. Trátase dun fungo basidiomiceto comestíbel moi apreciado, endémico da zona central e oeste de Andalucía, especialmente en Huelva e o sur da Estremadura (España) e no Alentexo (sur de Portugal).
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Crese que o nome empregado na zona onde abunda: gurumelo ou churumelo, procede da deformación da propia palabra galego-portuguesa: cogumelo.[5] O nome de silarca é coincidente co portugués.
Descrición
[editar | editar a fonte]Volva grande, abolsada e de longa duración. Pé compacto, denso e macizo que se baleira coa maduración do cogomelo. O chapeu é hemisférico na súa etapa nova, evoluíndo á convexidade e posteriormente a plano conforme madurece, cun diámetro que oscila entre os 6 e 18 cm. Algúns exemplares, de forma excepcional, superaron os 20 cm e 1 kg de peso. Cutícula branca que se modifica en tons ocres e rosáceos dependendo do sollado. Lamas pretas, libres e de cor branca cremosa que tenden a se escurecer co tempo. A súa carne é branca, mesta e compacta, que se arroiba axils ao corte e cun cheiro característico a terra mollada, que facilita a súa identificación.
Hábitat
[editar | editar a fonte]É unha especie endémica do suroeste da Península Ibérica. Cogomelo de primavera. Tradicionalmente en zonas de aciñeiras e sobreiras entre estevas e carpazas. Adaptáronse perfectamente ás formacións de piñeiros e ao eucalipto. Huelva, Badaxoz, Cáceres, Córdoba e a Serra Norte de Sevilla son as provincias españolas de máxima produtividade, mais tamén se atopou en devesas de aciñeira nas abas de Gredos, nas montañas de Sicilia, Peloritanos.
Especies semellantes
[editar | editar a fonte]Para a persoa inexperta existe o perigo de confusión coa perigosa cacaforra da morte (Amanita phalloides) na súa variedade branca; aínda que se se repara na súa forma, cheiro e textura, son moi distintas. A Amanita verna, que é de cor branca, medra nos mesmos sitios e na mesma época cá Amanita ponderosa.
Unha característica moi distintiva do gurumelo é que, ao rabuñar a súa superficie, adquire unha cor rosada moi característica.
Malia posuír unha calidade culinaria alta, recoméndase que a Amanita ponderosa non sexa colleitada por persoas que non coñezan perfectamente esta especie.
Recolección
[editar | editar a fonte]Para a colla deste cogomelo utilízase un pico con forma de caxato que acaba cunha punta plana para facilitar escarvar na terra, e utilízase unha canastra de vimbio para botalos e que se vaia limpando a terra conforme vas recollendo máis cogomelos. Estes cogomelos pódense atopar tanto debaixo do chan como co seu chapeu fóra. Para o tirar da terra débese escarvar nun dos lados onde se atope o gurumelo, até que o buraco chegue aproximadamente ao final do talo, e logo facer panca co pico dende o lado oposto.
Comestibilidade
[editar | editar a fonte]O gurumelo é un cogomelo comestíbel catalogado como de excelente calidade. Nas zonas de produción é considerado como un manxar. Á brasa cuns grans de sal, e unhas follas de poexo manifesta a magnificencia do seu sabor. Revoltos con allo e ovo, en potaxe de fabas con perdiz, asados e picados en ensalada, guisados cun pouco viño soleira e como calquera afeccionado ou profesional da cociña poida imaxinar, é un produto que mellorará todos os xantares.
Gastronomía
[editar | editar a fonte]É un prato típico do Andévalo (Huelva) e de toda a Serra de Aracena e picos de Aroche en xeral; así como de Villanueva del Fresno (Badaxoz) e de Valencia del Mombuey (Badaxoz).
En Paymogo, localidade do Andévalo de Huelva, celébrase anualmente a Feira Gastronómica do Gurumelo, ao ser un produto propiamente típico de devandita localidade, podendo ser degustado en diferentes pratos. É un manxar moi demandado e de alto valor. Tamén se celebra anualmente, desde 2007, a xornada transfronteiriza do gurumelo na localidade de Villanueva del Fresno, provincia de Badaxoz, moi achegada a Portugal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Amanita ponderosa". Index Fungorum (en inglés). CAB International, CBS e Landcare Research New Zealand Limited.
- ↑ Nome en Dicionario da alimentación e restauración
- ↑ Aníbal Otero Álvarez (1960): Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés, CEG XLV, pp. 89-104
- ↑ Nome galego e definición en: VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
- ↑ Dicionario da RAE
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gurumelo |