Héleno
Na mitoloxía grega, Héleno (en grego clásico, Ἕλενος) foi un príncipe, fillo de Príamo, rei de Troia, e da súa esposa Hécuba.
Héleno e Casandra
[editar | editar a fonte]O deus Apolo concedeulle, tanto el como a súa irmá xemelga Casandra, o poder da adiviñación. Sendo aínda meniños de curta idade demostraron esta capacidade, pois ó nacer Paris, o seu seguinte irmán [1], foron onda o seu pai o rei chorando, para contarlle que, cando vían ó bebé, tiñan visións espantosas de Troia sendo destruída e consumida polo lume. O pai non creu o que dicían pero os meniños esixiron que foran ó templo de Apolo e que alí confirmarían que non mentían. Príamo accedeu e sorprendeuse cando a sacerdotisa lle dixo que efectivamente os dous cativos posuían o poder de ver o futuro.
A Príamo non lle quedou outra que escoitar con atención ós seus fillos, que insistían en que o irmán sería o causante da destrución de Troia. Isto esixiría matar a Paris pero, non querendo facer isto, o rei ordenou que fora abandonado á súa sorte no monte Ida, próximo a Troia, pensando que así podería burlar ó destino.
Pero outra variante di que alcanzaron estes poderes tras quedar durmidos unha noite no templo de Apolo, logo de estar xogando no seu aniversario. A forma de alcanzar a capacidade de adiviñación varía segundo as fontes. Para uns autores, o deus requiriulle amores a Casandra a cambio de concederlle o poder da adiviñación. Ela aceptou pero cando chegou o momento arrepentiuse e negouse a xacer con Apolo xa que xurara manterse virxe [2]. Pero o caso é que tamén Héleno foi favorito do deus e, tempo despois, regaloulle o arco que sería quen de ferir a Aquiles na man [3].
Segundo outros autores, rematada esa festa, os pais regresaron a palacio esquecendo ós meniños, que dormían no templo. Cando Hécuba acordou, regresou ó templo e alí puido ver como unhas serpes estaban a lamber as orellas dos cativos[4]. Ante o grito de Hécuba, as serpes fuxiron inmediatamente, pero desde aquela Héleno e Casandra mostraron a capacidade adiviñatoria.
Co paso dos anos, Héleno e Casandra continuaron profetizando diversos feitos, pero a Casandra ninguén a cría. Pola contra, a sona de Héleno foi en aumento e chegou a ser nomeado augur de Troia. Pero foi incapaz de adiviñar que Paris seguía vivo (e mesmo chegou a participar nos xogos fúnebres que se celebraron en honor a este [5] ou de percibir o perigo que representou o regreso de Paris á corte. Iso si, cando Paris viaxou a Esparta, disque lle advertiu dos desastres que se derivarían dos seus actos alí [6]. Pero outra versión di que foi Casandra a que o preveu e Héleno mostrouse de acordo, pero, en todo caso, Príamo non lles fixo caso e non detivo a expedición a Esparta.
Guerra de Troia
[editar | editar a fonte]Nos primeiros anos da Guerra, Héleno foi un guerreiro valoroso na loita contra os gregos, ó lado do seu irmán maior Heitor. Hai un momento no que os gregos fan considerables avances e obrigan a retroceder ós troianos (canto VI), ata que Héleno os exhorta a facerlles fronte, instando a Heitor e a Eneas a que percorran as liñas troianas levanten o ánimo e recuperen terreo. E unha vez conseguido isto, insta a Heitor que se dirixa á cidadela para pedir que as mulleres troianas fagan máis sacrificios a Atenea [7]. Tamén será Héleno o que faga a proposta de que Heitor se enfronte en combate singular contra o guerreiro que escollan os gregos, e que resultou ser Áiax Telamón (canto VII).
Despois da morte de Heitor a mans de Aquiles, foi Héleno que asumiu o mando do exército troaiano, chegando a ser ferido por Menelao. Pero tamén morrera Paris, e nese momento Héleno pide a man de Helena, á que tamén aspira o seu irmán Deífobo, máis novo que el.
Príamo dá preferencia a Deífobo, disque por considerar que fora máis valente que el na guerra pero semella máis probable que fose polo feito de ser o maior, despois da morte de Heitor, e Deífobo casou con Helena [8]. Por este motivo Héleno terminou abandonando a cidade e marchando a vivir na aba do monte Ida. Pero Calcante, un adiviño grego, anunciou ó exército de Agamenón que Héleno era o único que coñecía os oráculos sobre Troia e que sabía qué compría facer para tomar a cidade. Así que Agamenón mandou a Odiseo a capturalo e os gregos obrigáronlle a confesar o que sabía: que para conquistar Troia era imprescindible contar coa presenza no exército grego de Neoptólemo, fillo de Aquiles, e de Filoctetes, posuidor do arco e as frechas de Heracles; de cumprirse esas condicións, Troia caería ese mesmo verán. As diferentes fontes poden engadir dúas condicións máis: que se trouxera ó campamento grego a omoplata de Pélope [9] e que se roubara en Troia o Paladio de Atenea, unha estatua protectora de Troia que caeu do ceo [10]. Grimal [11] aínda engade outra profecía máis: que foi el quen aconsellou ós gregos construír un cabalo de madeira no que algúns soldados poderían introducirse na cidade.
Apolodoro dá unha versión diferente [12]. Foi Calcas quen, moito antes de todo isto, vaticinou que só se podería conquistar Troia se se contaba coa axuda do arco e as frechas de Heracles (e foi entón cando Odiseo e Diomedes -segundo Apolodoro- foron buscar a Filoctetes). Filoctetes, xa curado en Troia, mata a Paris, e cando Héleno é rexeitado como pretendente de Helena, abandona Troia. É capturado por Odiseo e confesa que para vencer, os gregos deben traer os ósos de Pélope, a estatua de Atenea e conseguir que Neoptólemo loite do seu lado.
Tamén se afirma que, máis que por ser obrigado, Héleno confesou o seu segredo cedendo ó suborno ofrecido por Odiseo, que incluía a concesión dun lugar afastado e seguro.
Despois da Guerra
[editar | editar a fonte]Grazas ós oráculos descubertos por Héleno, os gregos conquistaron e destruíron Troia. Por se isto non fose suficiente, tamén lle debían agradecemento por dous feitos: que intentara disuadir a Paris de ir a Esparta (e, como consecuencia, secuestrar a Helena) e que evitara que os troianos botasen ó cadáver de Aquiles ás aves de rapina [13].
Por todo isto, os gregos deixárono en liberdade ó caer Troia. Héleno abandonou a Tróade e marchou xunto a Hécuba (a súa nai), Andrómaca (a viúva de Heitor) e Casandra (a súa irmá), máis un grupo de troianos superviventes, para establecerse en Quersoneso, en Tracia [14]. Alí, Hécuba foi transformada en cadela e morreu.
Pero outros mitógrafos din que Héleno e Andrómaca formaron parte do lote de cativos que lle corresponderon a Neoptólemo. Segundo esta versión, Héleno recomendou a Neoptólemo no regresar por mar senón por vía terrestre [15] e así puido salvarse das fortes treboadas que afundiron boa parte da frota grega [16]. Neoptólemo terminou casando con Andrómaca e estableceuse en Epiro, onde entregou á súa nai, Deidamía, en matrimonio a Héleno. Pero tamén se di que tras morrer Neopólemo a mans de Orestes en Delfos, Héleno casou con Andrómaca.
"Neoptólemo, tras permanecer en Ténedos dous días conforme ás advertencias de Tetis, marchou a pé con Héleno ó país dos molosos [17] ... reina sobre eles e ten un fillo de Andrómaca ó que chamou Moloso. Héleno funda unha cidade en Molosia e establécese nela, e Neoptólemo dálle á súa nai Deidamía por esposa"Apolodoro: Epítomes VI. 12-13
Héleno e Andrómaca tiveron un fillo, Crestino, e reinaron en Epiro, onde fundaron varias cidades. Na Eneida, Virxilio conta como recibiron e axudaron a Eneas e ós seus homes cando estes -tamén fuxindo de Troia- viaxaban polo Mediterráneo cara Italia. Incluso antes, cando Troia xa estaba perdida e resultaba inútil calquera defensa, avisou a Eneas de que Troia non caería de todo mentres el, Eneas, estivese a salvo, instándolle así a fuxir da cidade en chamas [18]. Tamén, grazas ós augurios de Héleno, Eneas foi advertido dos mútiples perigos polos que debería pasar antes dese momento: "... logo alcanzan Epiro, onde reina o adiviño frixio, un calco de Troia. Coñecedores xa do porvir, que co seu infalible don profético revelara con todo detalle Héleno, fillo de Príamo, arribaron a Sicilia".[19], e soubo onde debía fundar a cidade que, algún día, sería Roma:
"Cando xunto ás augas dun río agochado atopes baixo as aciñeiras da beira unha enorme porca branca deitada no chan, acabada de parir trinta bacoriños, coas brancas crías en torno ós ubres, este será o lugar de seguro descanso das túas fatigas"Virxilio III, 389-393.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pola contra, Estesícoro dinos que o fillo maior foi Heitor, Paris o segundo, e que Héleno e Casandra naceron logo doutros catro fillos (Graves, px. 677-678).
- ↑ Contrariado, Apolo botoulle a maldición de que ninguén dese nunca crédito ás súas profecías, como así sucedeu ata o momento da súa morte ó regresar a Micenas con Agamenón, como concubina deste. Alí os dous foron asasinados.
- ↑ A descrición máis canónica fai que Aquiles sexa invulnerable, coa excepción do seu talón, pero aquí (Grimal, s.v. Héleno) temos un exemplo de que os clásicos non o consideraban totalmente invulnerable. Tamén na Continuación de Homero, de Quinto de Esmirna, resulta ferido polo príncipe etíope Memnón (II, 410–411).
- ↑ A crenza de que as serpes confiren o poder de adiviñar o futuro desta forma recóllese tamén noutros adiviños sonados da mitoloxía grega e por diversas fontes.
- ↑ Nestes xogos, nos que tamén participaron outros fillos de Príamo, resultou gañador Paris, e así demostrou que era o príncipe, fillo de Príamo, desaparecido había anos (Hixino, Fábulas 273, 12).
- ↑ O rapto de Helena e a posterior Guerra.
- ↑ Que Hécuba abra o templo e faga promesa de sacrificar á deusa doce becerras dun ano sen amansar (Ilíada VI, 95.
- ↑ Segundo Graves (px. 746) ás forza, xa que ela non aceptaba ese casamento. Tamén se afirma que Héleno non pretendía casar con ela, senón servirse desa estrataxema para devolvela ós gregos e evitar así que estes destruísen Troia, como el sabía que ía acontecer.
- ↑ A omoplata de Pélope era de orixe divina: fíxosella Hefesto de marfil, para substituír á súa propia, que lle comera Deméter.
- ↑ Na Ilíada dise que Odiseo e Diomedes conseguiron roubar o Paladio, pero na Eneida, favorable ós intereses troianos, asegúrase que non, e que o que estes levaron foi só unha copia, unha réplica exposta ó público.
- ↑ Grimal, s.v. Héleno.
- ↑ Apolodoro: Epítomes V. 8, 9 e 10.
- ↑ Un castigo atroz ós mortos era negarlles sepultura e deixalos expostos á intemperie para que os cans e as aves de rapina comeran os seus restos. A lei divina obrigaba a respectar os mortos, facerlles libacións e darlles unha sepultura digna, e por esta razón Antígona prefire morrer antes que deixar insepulto ó seu irmán Polínices.
- ↑ Rexión do sueste de Europa, na actual península dos Balcáns, ao norte do Mar Exeo, entre o que hoxe serían Grecia e a Turquía europea.
- ↑ Ou ben, aconselloulle atrasar uns días a viaxe de volta.
- ↑ Outras fontes aseguran que foi Tetis, a nai de Aquiles, quen lle deu estes consellos (Grimal, s.v. Neoptólemo; Apolodoro: Epítomes VI. 12-13).
- ↑ Molosia era o nome que daban os clásicos á rexión situada no centro e norte de Epiro.
- ↑ Ovidio XV, 438-440.
- ↑ Ovidio XIII, 720, Barba, px. 494.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Elvira Barba, Miguel Ángel: Arte y mito. Manal de Iconografía clásica. Sílex Ediciones, Madrid 1ª ed. 2008, 3ª ed. 2017.
- Graves, Robert: Los mitos griegos. Ed. Gredos, 2019.
- Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1ª ed. 1981, 7ª impresión 2017.
- Hixino: Fábulas mitológicas. Alianza editorial, 2009.
- Ovidio: Metamorfosis. Alianza editorial 1ª ed. 1995, 2ª reimpr. 2017.
- Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Alianza editorial 3ª ed. 2016.
- Virxilio: Eneida. Alianza editorial, 1ª ed. 1986, 7ª reimpr. 1996.