Saltar ao contido

Hípica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Proba de saltos.

A hípica é a modalidade da arte de montar a cabalo que comprende todas as prácticas deportivas que envolven este animal. Sendo así, é o maior deporte feito con cabalos no mundo enteiro. Entre elas están distintas probas, como saltos, adestramento, carreiras e o polo. Algunhas constitúen mesmo o péntatlon moderno, que tamén se disputa nas olimpíadas.

A pesar de existir dende a antigüidade, as súas regras e as competicións modernas xurdiron o ano 1883, nos Estados Unidos. No programa dos Xogos Olímpicos modernos, a hípica foi incluída nos Xogos de verán de 1912 en Estocolmo.

Porén, non pode ser confundida coa equitación, pois a hípica é o conxunto de deportes practicados pola alianza entre o humano e o cabalo en calquera modalidade de deporte, mentres que a equitación é a arte da cabalgada, o adestramento feito para comprender mellor a psicoloxía do cabalo, e coordinar a consciencia corporal humana á do animal buscando equilibrio e harmonía de movementos de ambos, como un todo.

Organización

[editar | editar a fonte]

Fundada o ano 1921 en Lausanne, por Francia, os Estados Unidos, Suecia, o Xapón, Bélxica, Dinamarca, Noruega e Italia, a FEI (Fédération Equestre Internationale) regula os eventos internacionais de hípica, xunto coas federacións nacionais, sen prexuízos raciais, relixiosos ou relacionados con conflitos internos.[1][2]

Esa mesma institución establece os regulamentos e aproba os programas dos campionatos, e buscando asegurar a integridade dos animais desenvolveu un código de conduta baseado tanto no seu benestar como no "fair play" que debe ser adoptado polos xinetes.

Para o xinete poder participar en probas nacionais ou internacionais debe federarse e, consonte a proba pretendida, obter o nivel de "Sela" axeitado. A expresión "Sela" é a designación oficial dos distintos niveis técnicos da hípica. Existen nove niveis distinguidos de "Sela" que poden ser obtidos a través da realización dun "Exame de Sela". O primeiro ciclo complétase co "Exame de Sela 4", tamén chamado de Estribo de Bronce, que permite ao xinete participar en probas oficiais nacionais.[3] A "Sela 7" ou Estribo de Prata permite ao xinete a participación en probas oficiais internacionais.[4] A "Sela 9", tamén denominada de Estribo de Ouro, constitúe o requisito para admisión ao curso e ao exame para ser instrutor.[5]

Olímpicas

[editar | editar a fonte]
Proba de Salto nos Xogos Olímpicos
  • Adestramento: Os conxuntos (xinete e cabalo) deberán realizar unha serie de movementos (chamados "figuras") de distintos graos de dificultade. Hai figuras obrigatorias. O obxectivo é que esas figuras sexan executadas coa maior perfección posíbel, ás cales os xuíces atribuirán notas pola disciplina, prontitude e elegancia, esixindo perfecta sintonía do conxunto.[6]
  • Saltos: Nos saltos, o xinete e o seu cabalo deben traspor, na súa totalidade, de 10 a 15 obstáculos ordenados nunha pista que mide entre 700 e 900 metros. A altura dos obstáculos vai de 0,60m a 1,65m, dependendo da categoría. Para a chamada equitación fundamental, a altura dos obstáculos vai de 0,40 a 0,90 metros. Neste caso, o vencedor é aquel que termina a proba o máis próximo posíbel do chamado tempo ideal. O tempo ideal aplicouse coa intención de diminuír o número de accidentes nas pistas de salto. Como as probas da fundamental non son tan altas, os xinetes tendían a correr moito. Sendo a maioría principiantes, acababan sufrindo accidentes. Para se determinar este tempo emprégase a extensión do percorrido en metros dividido pola velocidade da proba e multiplicada por 0,95. Para a pista de 1,0 m o xinete pode escoller se prefire saltar o tempo ideal ou no cronómetro. Nas demais alturas, vence quen acaba a proba máis rápido e con menos faltas.
  • Concurso completo de equitación (CCE): O CCE é unha especie de tríatlon equestre, que reúne probas de adestramento, salto e cross-country, e pode disputarse en dous formatos: un día (ODE) e tres días (3DE), non sendo permitido trocar de cabalo unha vez que comezase. Trátase dunha proba completa, na que o conxunto debe mostrar habilidade en diversas situacións.[7]

Paralímpicas

[editar | editar a fonte]

Nos Xogos Paralímpicos, dispútanse dúas modalidades, a hípica e o adestramento. Na hípica, a altura dos obstáculos é de 1,64 m. No caso do adestramento, a pista ten placas sonoras (para os discapacitados visuais) e ramplas (para os discapacitados físicos).

Non-olímpicas

[editar | editar a fonte]
  • Enduro ecuestre: Trátase de probas de longa distancia, entre 80 e 160 km, disputadas en etapas chamadas de "aneis", onde se pon a proba a resistencia do animal. Ao final de cada anel (fases entre 15 e 40 km), hai paradas para a recuperación e probas no cabalo, os "vet-checks", onde os animais cansos ou que presenten dores no sistema locomotor son desclasificados, sen a posibilidade de substitución.
  • Volteo: Consiste na execución de movementos de ximnasia artística sobre o cabalo en movemento, empregando o seu impulso a favor do atleta e creando unha harmonía e resonancia co mesmo. As probas son individuais, en dúos ou por equipos, e as notas aplícanse conforme a técnica, o grao de dificultade, o equilibrio, a seguranza do atleta e a integración do volteador co cabalo.
  • Acoplamento: Son probas de adestramento, maratón e carreiras de obstáculos para seren cumpridas por un carro tirado por un, dous ou catro cabalos. No adestramento, deben executar movementos libres e obrigatorios nunha pista de 100×400 m. A maratón é un percorrido de 22 km con obstáculos naturais e artificiais. A carreira de obstáculos é unha proba contra o reloxo onde os xinetes deben seguir unha liña recta e esquivar os conos ao longo do camiño.
  • Polo: É un deporte practicado por dous equipos de catro xinetes, nun partido que dura de catro a oito períodos (chukkas). O obxectivo do xogo é usar un taco para golpear a bóla entre as balizas, marcando máis goles que o equipo adversario. O campo mide 275 m de lonxitude por 140 de largura, sen contar coa área de escape, mentres as porterías posúen 7,3 m de largura, permitindo que a bóla pase polas trabes en calquera altura.
  1. História da Fédération Equestre Internationale (FEI)
  2. Perfil da Fédération Equestre Internationale (FEI)
  3. "Exames de Sela". Consultado o 2017-07-17. 
  4. "Regulamento Nacional de Formação de Praticantes" (PDF). 23 de Janeiro de 2014. Consultado o 17 de xullo de 2017. 
  5. "Federação Equestre Portuguesa". Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2021. Consultado o 2017-07-17. 
  6. "Artigo sobre Adestramento Equestre". Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2011. Consultado o 2011-05-20. 
  7. "Informações sobre o CCE". Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2011. Consultado o 2011-05-20. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]