Hórreo da Reitoral de San Martiño de Vilaboa

O hórreo da casa reitoral da parroquia de Vilaboa, situado no lugar do Toural, é o meirande hórreo do concello de Vilaboa (seguido de preto pola paneira de Cobres) e, asemade, é a segunda “hórrea” de cantería sobre esteos de maior tamaño de toda Galicia logo da do mosteiro de San Xoán de Poio.
Áchase dentro dun exclusivo grupo de hórreos alongados e moi anchos de ampla coxía sustentados por tríos de pés, cepas transversais ou celeiros denominados “hórreas”. Tipoloxicamente trátase dunha construción de pedra similar ao clásico hórreo tipo Morrazo.
Descrición
[editar | editar a fonte]Data do século XVIII e posúe 36 pés organizados en tres fileiras de 12 pés[1], 33 vans, un corpo feito exclusivamente con pedra, unha única porta de acceso no lado oeste con frontispicio ou pinche do penal que a diferencia doutros edificios similares, e mais unha cuberta a dúas augas de tellas árabes cerámicas soportada por seis rexas tesoiras de castiñeiro. Os esteos están rematados en tornarratos troncocónicos, o piso da cámara aparece composto por longos perpiaños, todo o perímetro da mesma áchase embelecido cunha cornixa superior de granito e os pinchóns das fachadas están aireados por tres postes biselados lixeiramente separados, tal e como fan as pedras caladas que ventilan os costados. Ten 17,3 metros de longura, 3,4 de anchura, 4 de altura (2 na cámara) e 58,82 metros cadrados de superficie.
Na fachada norte destacan dúas faces riseiras.
En decembro do 2012 logo dun forte trebón as podres trabes da fachada sur cederon, levando consigo o teito da metade do hórreo, tirando varias pilastras da parede leste e movendo as pezas de cantería da cámara. O Concello de Vilaboa contactou coa arquidiocese de Santiago de Compostela[2], e en 2014 comezaron as obras de restauración.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Canastro da Reitoral de San Martiño de Vilaboa na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ Marcos Gago (26 de setembro de 2013). "Vilaboa advierte de la ruina del tercer hórreo más grande de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hórreo da Reitoral de San Martiño de Vilaboa ![]() |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martínez Rodríguez, Ignacio (1975). El horreo gallego (en castelán). Montevideo (Uruguai): Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 273. ISBN 84-85728-00-9.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Hórreo da Reitoral de San Martiño Concello de Vilaboa.