Saltar ao contido

HANS

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
1: HANS; 2: Tirante (un a cada lado); 3: Clip (un a cada lado); 4: Soporte de ombreiros.

HANS é a abreviatura de Head And Neck Support (en galego: Soporte para cabeza e pescozo). Este dispositivo, relativamente novo no mundo do motor, ten por obxecto reducir considerablemente o risco de lesións e fracturas cervicais provocadas pola enorme desaceleración que sofren os pilotos de automobilismo ao chocar bruscamente a altas velocidades. Tamén é útil en golpes laterais xa que impide que a cabeza do piloto se golpee contra os bordos do habitáculo do piloto, en caso de accidente.

Ken Schrader, piloto de NASCAR, colocándose o HANS.

Fabrícanse principalmente con fibra de carbono e teñen un peso de entre uns cincocentos e seiscentos gramos. O HANS colócase sobre os ombreiros e tras a caluga do piloto, quen vai á súa vez ancorado ao casco e ao respaldo do asento do vehículo mediante cintos e ganchos. A pesar de que son practicamente imprescindibeis para evitar lesións graves, presenta diversos inconvenientes. Este dispositivo limita moito o movemento do pescozo dentro do coche, polo que os pilotos deben exercitar e incrementar a forma física dos músculos do pescozo e ombreiros para evitar cambras e dores musculares. Doutra banda, a maior número de cintos e ancoraxes que posúa o piloto, maior será o tempo que tarde en abandonar o vehículo en caso de accidente ou incendio.

No entanto, e a pesar destas desvantaxes, os beneficios son tales e a súa eficacia tan demostrada que se fixo obrigatorio na Fórmula 1 desde a tempada 2003. Noutros deportes, como o Campionato do Mundo de Rally, tamén son obrigatorios.

A invención do HANS foi realizada polo profesor estadounidense de biomecánica da Universidade de Míchigan Robert Hubbard, quen o desenvolveu na década dos 80. Deseñou este dispositivo como consecuencia do accidente mortal que sufriu un piloto amigo seu, no que por mor da forte desaceleración se fracturou os ósos cervicais.

Notables pilotos que morreron por mor de fracturas no pescozo:

Normalmente os accidentes que provocan danos cervicais adoitan provocar a morte do piloto, aínda que en ocasións algúns logran sobrevivir como é o caso do piloto de NASCAR Ernie Irvan.

O Dr. Robert Hubbard colaborou coa compañía General Motors no seu programa de seguridade automobilística. O seu primeiro prototipo foi desenvolvido en 1985 e foi sometido a probas de choque en 1989, logrando reducir a enerxía liberada tras o impacto nun 80%.

O Dr. Hubbard fundou a empresa Hubbard Downing Inc. que se encargou do desenvolvemento, fabricación, manufactura, venda e promoción do HANS en 1991.

Resultados

[editar | editar a fonte]

Unha das primeiras persoas en comprobar a eficacia do HANS foi o gobernador de Carolina do Norte Mike Easley. No ano 2003 o gobernador estaba competindo nunha carreira benéfica, cando perdeu o control do seu vehículo chocando contra o muro a uns 200 km/h. Afortunadamente saíu ileso do accidente e apenas unha hora máis tarde volveu subirse a outro automóbil.

O primeiro piloto en comprobar a eficacia do HANS na Fórmula 1 foi Fernando Alonso, durante o Gran Premio do Brasil de 2003. Mark Webber sufriu un accidente antes e deixou a pista chea de restos. Pouco despois pasou Fernando Alonso que ía a uns 250 quilómetros por hora, pero chocou cunha das rodas de Mark Webber, chocando a continuación contra un muro a 200 km/h e realizou 3 trompos, quedando o coche inutilizable. A carreira parouse totalmente e Fernando Alonso puido quedar en terceira posición, porque cando se para a carreira antes de que chegue o final descóntase unha volta. Finalmente Alonso só sufriu unha dor na perna, e salvouse de facerse moito dano no pescozo grazas a este aparello.

Ese mesmo ano, a Ralph Asinan, nos libres do Gran Premio de Hungría de 2003 desprendéuselle o alerón traseiro e chocou lateralmente a 250 Kmph. Só quedou inconsciente por un momento.

Ralf Schumacher no Gran Premio dos Estados Unidos de 2004 sufriu unha picada na roda traseira e impactou a 250 quilómetros por hora pola parte de atrás do coche, e librouse de sufrir unha rotura de pescozo porque as forzas G poderían haberlle xogado moi mala pasada. grazas ao HANS, o seu pescozo quedou suxeito e non sufriu feridas nesa parte do corpo, aínda que se partiu 2 vertebras.

Yuji Ide no Gran Premio de San Marino de 2006, catapultou a Christijan Albers e fixo que dese 3 voltas de campá, chegando a súa cabeza a rozar a grava. Christijan Albers só declarou que a Fórmula 1 é cada vez máis segura e que non había porque preocuparse.

Durante o Gran Premio do Canadá de 2007 o piloto Robert Kubica do equipo BMW Sauber perdeu o control do seu monopraza, chocando de fronte contra un muro de formigón a 300 km/h, tras o cal realizou unha volta de campá para terminar semienvorcado na pista. Tras realizar un exame médico no hospital só lle detectaron algunhas contusións e unha escordadura de nocello. Foi un accidente similar ao que lle custou a vida a Roland Ratzenberger.

Unhas semanas máis tarde na GP2, no circuíto francés de Magny-Cours, Ernesto Viso sufriu un espectacular accidente ao saír voando o seu monopraza e chocar contra un muro. Só sufriu contusións e un brazo dorido. Ernesto nunha entrevista posterior revelou que moi probablemente o HANS salvara a súa vida.

Heikki Kovalainen, durante o Gran Premio de España de 2008, meteu medio coche dentro da barreira de pneumáticos a 150 kmph. Ao día seguinte, Heikki saíu do hospital.

Timo Glock na cualificación do Gran Premio do Xapón de 2009. Debido a un erro de piloto, foise longo na última curva do circuíto (que é unha curva demasiado aberta) e chocou a uns 200 quilómetros hora. Foi un accidente tan forte que Timo non puido evitar meter a cabeza baixo o muro de pneumáticos, o cal sen o HANS puido haberlle roto o pescozo. Só sufriu unha rotura de vértebra e unha brecha na perna, pero nada no pescozo.

Durante o transcurso do Gran Premio de Europa de 2010 o piloto de GP2 Josef Kral sufriu un espectacular accidente no Circuíto urbano de Valencia logo de saír voando, catapultado tras chocar contra a parte posterior do monopraza de Rodolfo González. Ao "aterrar", sufriu un forte golpe seco nas costas que lle fracturou dúas vértebras (e ademais despois chocou fortemente contra os pneumáticos), pero afortunadamente o HANS salvouno de posibles lesións no pescozo.

Ese mesmo día, xa na carreira de Fórmula 1, ocorreu un accidente practicamente idéntico ao sucedido na mañá. O australiano Mark Webber chocou contra a parte traseira do coche de Heikki Kovalainen e fixo un looping no aire, para a continuación dar unha volta de campá no chan e posteriormente chocar a gran velocidade contra as proteccións. Afortunadamente, e ao contrario do caso de Kral, o monopraza non golpeou a pista coa parte traseira logo de realizar o looping e Webber non sufriu ningunha fractura. É máis, o piloto puido saír do coche polo seu propio pé con máis nada ca un simple mareo.

Sergio Pérez, durante a clasificación do Gran Premio de Mónaco de 2011 sufriu unha desaceleración de 80 Ges debido a un forte impacto lateral contra as proteccións da Nouvelle Chicane tras perder o control do seu Sauber na saída do túnel. O piloto perdeu o coñecemento brevemente, pero non sufriu ningunha lesión de gravidade. Foi un accidente moi parecido ao que deixou dous meses en coma ao austríaco Karl Wendlinger en 1994.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]