Hematopódidos
Hematopódidos Haematopodidae | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Haematopus longirostris | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||
|
A dos hematopódidos (Haematopodidae) é unha é unha familia de aves limícolas da orde dos caradriformes que comprende un único xénero, Haematopus.
As súas especies, coñecidas en galego como gabitas,[1] gavitas,[2][3][4] ou lampareiros,[5] encóntranse nas costas de todo o mundo, agás nas rexións polares e nalgunhas rexións tropicais de África e o sueste asiático. As excepcións a esta distribución costeira son H. ostralegus e H. finschi, que se reproducen lonxe das costas, ás veces moi no interior. No pasado houbo moita confusión sobre os límites das especies; por exemplo, determinadas poboacións de H. bachmani recibiron o status de especie, pero H. longirostris foi considerada unha soa especie.[6]
En Galicia vive Haematopus ostralegus.[1]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]Familia
[editar | editar a fonte]A familia foi descrita en 1838 polo naturalista francés Charles Lucien Bonaparte.
Xénero
[editar | editar a fonte]O xénero fora descrito en 1758 por Linnaeus na 10ª edición do seu Systema naturae.[7]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome científico do xénero, Haematopus, está formado pola unión das voces do grego antigo αἳμα. haíma, "sangue", e πούς poús, "pé", "pata" (de animal).[8] Literalmente: "os de patas de cor do sangue".
Especies
[editar | editar a fonte]Segundo a IOC World Bird List do Congreso Ornitolóxico Internacional, Versión 9.2 (2019), na actiualidade recoñécense as especies seguintes:
- Haematopus ater Vieillot, 1825
- Haematopus bachmani Audubon, 1838
- Haematopus chathamensis Hartert, 1927
- Haematopus finschi G. H. Martens, 1897
- Haematopus fuliginosus Gould, 1845
- Haematopus leucopodus Garnot, 1826
- Haematopus longirostris Vieillot, 1817
- Haematopus moquini Bonaparte, 1856
- Haematopus ostralegus Linnaeus, 1758
- Haematopus palliatus Temminck, 1820
- Haematopus unicolor J. R. Forster, 1844
Ademais, unha especie endémica das illas Canarias extinguiuse recentemente:
- †Haematopus meadewaldoi Bannerman, 1913
Características
[editar | editar a fonte]As distintas especies de gabitas mostran poucas variacións en forma e aparencia. Miden desde os 39 aos 50 cm de lonxitude e de 72 a 91 cm de envergadura alar. A gabita (ou gabita euroasiática) é a máis lixeira como media, de 526 g, mentres que o Haematopus fuliginosus é o máis pesado con 819 g.[9] A plumaxe de todas as especies é ou toda negra ou negra (ou marón escura) por arriba e branca por debaixo. O Haematopus unicolor é un tanto excepcional por ser todo negro ou pinto. Son aves grandes e ruidosas parecidas a píllaras (xénero Pluvialis), con peterios masivos longos laranxas ou vermellos usados para esmagar ou abrir moluscos. A forma do peteiro varía entre especies, segundo a súa dieta. As aves con peteiros con punta con forma de folla de coitelo forzan a abertura ou esmagan as cunchas de moluscos, e os que teñen puntas bicudas tenden a sondar o substrato buscando vermes anélidos. Mostran dimorfismo sexual, xa que as femias teñen peteiros máis longos e pesados que os machos.[6]
Alimentación
[editar | editar a fonte]A dieta das gabitas varía segundo a localidade. As especies que viven no interior aliméntanse de miñocas e larvas de insectos.[6] A dieta das especies costeiras é máis variada, aínda que depende do tipo de costa; en estuarios os bivalvos, gasterópodos e vermes poliquetos son a parte máis importante da dieta, mentres que nas costas rochosas depredan lapas, mexillóns, diversos gasterópodos e quitóns. Outras presas son equinodermos, peixes e cangrexos.
Reprodución
[editar | editar a fonte]Case todas as especies de gabitas son monógamas, aínda que hai informes de poligamia na gabita euroasiática. Son territoriais durante a estación reprodutora (e unhas poucas especies defenden o territorio todo o ano). Hai unha forte fidelidade á parella e ao sitio nas especies que foron estudadas, e unha parella defendeu o mesmo sitio durante 20 anos. Fan un só intento de nidificación en cada estación reprodutora, que ten lugar nos meses de verán. Os niños son simples, escavacións no chan que poden estar forradas e situados nun lugar con boa visibilidade. Os ovos teñen pintas e son crípticos. Poñen entre un e catro ovos, pero o típico son tres no hemisferio norte e dous no sur. A incubación dos ovos é compartida pero non proporcionalmente, porque as femias tenden a pasar máis tempo chocando os ovos e os machos ocúpanse máis da defensa do territorio. O período de incubación varía coa especie, e dura entre 24 e 39 días. Igual que o cuco, ás veces poñen os seus ovos nos niños doutras especies, como gaivotas, abandonándoos para que a outra ave coide os polos.[10]
Conservación
[editar | editar a fonte]A especie das illas Canarias Haematopus meadewaldoi extinguiuse no século XX. O Haematopus chathamensis é endémico das illas Chatham de Nova Zelandia, pero está na lista das especies en perigo da IUCN, mentres que os Haematopus moquini de África e os Haematopus ostralegus de Eurasia considéranse case ameazados. Houbo conflitos cos criadores comerciais de moluscos que consideraban que estas aves prexudicaban as súas explotacións, pero os estudos sobre o seu impacto mostraron que o destas aves é moito menor que o dos cangrexos.
Especies
[editar | editar a fonte]Nome científico | Imaxe |
---|---|
H. leucopodus | |
H. ater | |
H. bachmani | |
H. palliatus | |
H. meadewaldoi † | |
H. moquini | |
H. ostralegus | |
H. longirostris | |
H. finschi | |
H. chathamensis | |
H. unicolor | |
H. fuliginosus |
Coñécese unha especie fósil: Haematopus sulcatus (Brodkorb, 1955) do Plioceno temperán da Florida.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Penas Patiño et al. 2004.
- ↑ Ledo, Bieito 2004, p. 1081.
- ↑ Fernández de la Cigoña 1989, p. 161.
- ↑ Ríos Panisse 1983, p. 23.
- ↑ "Precisión ornitolóxica 5: lampareiro ou gavita para Haematopus ostralegus?" USC. Servizo de Normalización Lingüística.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Hockey, P. 1996.
- ↑ Linnæus, Caroli (1758): Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. Holmiæ. (Salvius). p. 152.
- ↑ Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 184, 286. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ John B. Dunning Jr. (1992). CRC Handbook of Avian Body Masses. CRC Press. p. 98. ISBN 978-0-8493-4258-5.
- ↑ "Birds Dumping Eggs on the Neighbors". Sciencedaily.com. 2011-06-03. Consultado o 2012-12-20.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hematopódidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Hematopódidos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brazil, M. (2009): Birds of East Asia: Eastern China, Taiwan, Korea, Japan, eastern Russia. Londres: Christopher Helm. ISBN 978-0-7136-7040-0.
- Hockey, P. (1996): "Family Haematopodidae (Oystercatchers)". En: del Hoyo, J.; Elliot, A. & Sargatal, J. (editores). Handbook of the Birds of the World. Volume 3: Hoatzin to Auks. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-8733-420-2.
- del Hoyo, J., Collar, N. J., Christie, D. A., Elliott, A. & Fishpool, L. D. C. (2014): HBW and BirdLife International Illustrated Checklist of the Birds of the World. Volume 1: Non-passerines. Barcelona, España / Cambridge, UK: BirdLife International / Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-394-1.
- Fernández de la Cigoña, Estanislao (1989): Viaxeiras da auga. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-245-1.
- Ledo Cabido, Bieito, director (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
- Penas Patiño, Xosé M., Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (2004): Guía das aves de Galicia. 2ª ed. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-9612-869-5.
- Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Verba, Anexo 19. ISBN 84-7191-291-0.
- Snow, David William & Perrins, Christopher (1997): The Birds of the Western Palearctic. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-1985-4099-1.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- imaxes e vídeos de Haematopus ostralegus en ARKive.
- Vídeos en The Internet Bird Collection.
- Webcam en directo na costa de Namsos, Noruega 2013 Arquivado 17 de maio de 2014 en Wayback Machine..