Gabita
Gabita, gavita ou lampareiro Haematopus ostralegus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Unha parella fotografada no norte de Noruega | |||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Haematopus ostralegus Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||
Área de distribución de H. ostralegus
Amarelo: verán; verde: todo o ano; azul: inverno |
A gabita,[2][3], gabita euroasiática,[4] gavita,[5][6][7][8] ou lampareiro,[9] Haematopus ostralegus, é unha especie de ave da orde dos caradriformes e familia dos hematopódidos, unha das doce integrantes do xénero Haematopus.
Habita nas costas europeas e asiáticas, sendo a especie do seu xénero con máis ampla área de distribución.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1758 por Linnaeus na 10ª edición do seu Systema naturae.[10]
Etimoloxías
[editar | editar a fonte]O nome científico do xénero, Haematopus, está formado pola unión das voces do grego antigo αἳμα. haíma, "sangue", e πούς poús, "pé", "pata" (de animal).[11] Literalmente: "os de patas de cor do sangue".
O epíteto específico, ostralegus, deriva dos termos do latín clásico ostrea, "ostra", e legere, "coller", "apañar", en refereencia ao hábito da especie de "coller moluscos co bico".[11]
Subespecies
[editar | editar a fonte]Segundo Alan P. Peterson, en Zoonomen, e máis o ITIS, na especie recoñécense na actualidade as seguintes subespecies:[12][13]
- Haematopus ostralegus buturlini Dementiev, 1941
- Haematopus ostralegus longipes Buturlin, 1910
- Haematopus ostralegus osculans Swinhoe, 1871
- Haematopus ostralegus ostralegus Linnaeus, 1758
Durante un tempo tamén consideráronse estas outras, pero hoxe están desbotadas:[13]
- Haematopus ostralegus bachmani Audubon, 1838
- Haematopus ostralegus durnfordi Sharpe, 1896
- Haematopus ostralegus occidentalis Neumann, 1929
- Haematopus ostralegus palliatus Temminck, 1820
- Haematopus ostralegus pitanay Murphy, 1925
- Haematopus ostralegus prattii Maynard, 1899
Nomes vulgares galegos
[editar | editar a fonte]O único dicionario galego de lingua que recolle o nome gavita para H. ostralegus é o Dicionario de galego de Ir Indo:[5]
- gavita [Haematopus ostralegus] s.f. ANIMAL/ORNIT Ave limícola, da familia das hematopódidas [sic], provista de peteiro longo e encarnado e patas rosas. Ten o dorso negro e o vwntre branco, a cabeza negra ata o peito, cunha franxa alar branca. cola e rabadill brancas, co extremo da cola negro.
Nos outros dicionarios galegos, segundo o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago, non se recolle ningún dos nomes aquí citados para H. ostralegus, agás no Dicionário da língua galega da Editorial Sotelo Blanco, do ano 1995, e no Diccionario de sinónimos da lingua galega da Editorial Galaxia, do ano 1997, que recollero o termo pega mariña, tomado sen dúbida da primeira guía de aves de X. M. Penas Patiño e C. Pedreira López, do ano 1980. Alén diso, no antedito Dicionário da editorial Sotelo Blanco tamén se recolle ostraceiro como nome galego para H. ostralegus, probabelmente tomándoo do portugués.[9]
Por outra parte, Xosé Luís Franco Grande refírese a gavita como «ave palmípede parecida á gaivota pero máis pequena» no seu Diccionario galego-castelán, de 1972; igualmente no Dicionário da língua galega de Sotelo Blanco de 1995, referírese tamén nunha segunda acepción a «aves palmípedes da familia dos láridas». No blog de C. D. Romai Cousido rexistra 'gavita' e 'garavita' como denominacións propias do xénero Sterna na Costa da Morte. Anota tamén o uso de 'gabita' ou 'gavita' tanto na mariña galega como na portuguesa para os paxaros do xénero Sterna. Nalgunha publicación ornitolóxica, como na obra de Fernández de la Cigoña (1969), 'garavita' aparece referida ás aves do xénero Chlidonias, con bastante semellanza ao xénero Sterna na plumaxe de inverno.[9]
- O nome lampareiro fai referencia a que H. ostralegus se alimenta de moluscos (neste caso lámparos, ou lamparóns, ou lapas, nomes que reciben en diferentes localidades galegas as especies do xénero Patella). O nome 'gavita', segundo M. C. Ríos Panisse (Op. cit.) derivaría do latín gavia (gaivota). Ríos Panisse recolleu daquela tamén os nomes garavita e lampareiro, con identificación dubidosa, aínda que o primeiro inclúeo xunto con gavita na epígrafe Haematopus ostralegus, e o segundo, que inclúe no apéndice final, aparece referido a un paxaro mariño que se alimenta de lapas (moi probabelmente H. ostralegus).
- Lampareiro designa de maneira totalmente exclusiva este paxaro, Haematopus ostralegus. Gavita non é denominación específica ou exclusiva: tamén designa en galego outras aves mariñas ben diferentes do lampareiro.
- Lampareiro fai referencia á alimentación de H. ostralegus (lamparóns ou lapas), trazo con que se caracteriza claramente a especie en comparación co nome gavita, para o que non sabemos de certo a súa relación con H. ostralegus: se cadra onomatopeica, se cadra un cruzamento ou confusión con denominacións que son talvez máis propias doutras especies (ou ambas as dúas causas).
Características
[editar | editar a fonte]A gabita é unha ave limícola incofundíbel por mesturar na súa plumaxe a cor branca (partes inferiores) coa negra (partes superiores), de tal xeito que o contraste é moi aciusado. De tamaño medio, algo maior que unha pomba, de entre 39 e 44 cm de lonxitude nos exemplares adultos, e cun longo, recto e forte peteiro, de cor vermella intensa, de entre 6,5 e 9 cm.[2][6][8]
O peteiro, máis curto e máis groso nos machos que nas femias, de media, está deprimido verticalmente, en forma de daga, e coa punta roma, adaptado a golpear como un matelo para abrir as cunchas dos moluscos bivalvos, ou despegar as lapas das rochas.[8]
As patas, aínda que delgadas, son fortes e non moi logas, e de cor rosa. [2][6][8] Os ollos son de cor vermella intensa,[2] cun anel orbital vermello-alaranxado.[8]
A súa envergadura alar oscila entre os 72 e os 83 cm.[8]
En voo amosa unha rechamante franxa alar branca na parte superior,[2][6] mentres que a plumaxe da parte inferior das ás é totalmente branca, agás no extremo distal, que é negra.[2]
En plumaxe invernal presenta un semicolar branco.[2][8] Os individuos xoves teñen a plumaxe das partes superiores negra apardazada, apagada, non negra, e o peteiro é alaranxado pálido, cunha ampla mancha negra na punta, e as patas son grises; no primeiro ano de vida van semellándose aos adultos, pero distínguense deles pola franxa caudal negra máis estreita, e extensea punta negra do peteiro alaranxado e as patas de cor carne.[8]
Hábitat e distribución
[editar | editar a fonte]Hábitat
[editar | editar a fonte]As gabitas reprodúcense en marismas costeiras, praias de area e de coios, dunas, acantilados con herba curta e, ocasionalmente, en costas rochosas, así como no interior ao longo das beiras de lagos, encoros e ríos, ou en pasteiros agrícolas e cultivos de cereais, moitas veces a certa distancia da auga.[14][15] Fóra da temporada de reprodución, a especie é principalmente costeira, frecuentando marismas, estuarios e costas areosas e rochosas.[15]
Distribución
[editar | editar a fonte]A subespecie presente en todo o litoral Atlántico europeo é H. o. ostralegus.[14] A súa poboación europea, avaliada por Piersma (1986) en 218 000 parellas,[16] aséntase ao longo de todo o litoral Atlántico, desde o norte de Rusia (Nova Zembla e desembocadura do río Pechora) Islandia e Escandinavia até o noroeste de España, pasando polas illas Británicas, o noroeste de Francia (Bretaña), con poboacións illadas no Mediterráneo (delta do Ebro, sur de Francia e Turquía). Algúns espécimes pasan o inverno no norte de África.[17]
Na Península Ibérica cría no leste de Asturias, en Galiza, e no delta o Ebro.[3]
En Galiza
[editar | editar a fonte]En 1914, Willam C. Tait, ornitólogo británico, membro da British Ornithologists' Union e residente no Porto, Portugal,[18] descubriu nas illas Sisargas o único niño de gabita do que se tivo noticia durante moitos anos. Durante lustros houbo incerteza sobre o status nidificante desta ave. Hai 60 ou 70 anos[cando?] criaba con certa regularidade nas illas de San Pedro, segundo un informe dun pescador da zona. A. Bermejo informou de tres niños desta especie descubertos por el en 1984 nos illotes Os Farallóns. Posibelmemte poida seguir criando en illas e illotes, como os citados, ou en Sálvora.[6]
De acordo cos últimos recontos, en Galiza conta cunha poboación invernal de ao redor dunhas 1 000 aves, e outra estival de 200 a 300, composta maioritariamente por espécimes inmaturos. A maioría das aves recuperadas no noroeste Ibérico estaban aneladas en Inglaterra.[3]
Todos os niños localizados en Galiza estaban emprazados en illas ou illotes próximos ao litoral, e situados, xeralmente, na zona límite entre a vexetación e as rochas.[3]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]As gabitas on aves costeiras, que se poden internar algúns quilómetros na terra, especialmente para aniñaren. Son relativamente sociais, e poden chegar a formaren grupos de até 30 exemplares cunha grande independencia. Porén, as parellas son estábeis na época de cría e forman equipo á hora de incubar os ovos e alimentar os polos.[Cómpre referencia]
A maioría das poboacións desta especie son migratorias, desprazándose as parellas que crían no interior á costa durante o inverno.[15] A especie reprodúcese de abril a xullo,[14] en parellas solitarias ou en pequenos grupos.[19] Durante o inverno aliméntanse individualmente ou en pequenos grupos de até 10 individuos,[20] aínda que moitas veces forman bandadas máis grandes en baías e estuarios grandes.[14][15][20]
O niño é unha pequena cavidade pouco profunda no chan, ás veces entre pedras, moi ben disimulado,[6] a miúdo en superficies elevadas, en zonas de vexetación abertas ou en terras cultivadas ou non cultivadas, acantilados, afloramentos rochosos ou claros en zonas de vexetación máis alta, incluídos bosques e páramos.[14][15][20]
A postura máis usual é de 2 a 3 ovos de cor amarelado, diversamente manchados e pintados, e tanto o macho como a femia incúbanos durante uns 24-28 días. Os polos, nidífugos, son alimentados polos pais, e voan ao cabo dun mes.[2][6]
Cando se alimentan en substratos intermareais brandos, os bivalvos e os gasterópodos son os alimentos máis importantes para esta especie. Porén, os poliquetos e os crustáceos son os seus alimentos máis frecuentes nos estuarios, mentres que moluscos como os mexillóns, as lapas e as buguinas sonos nas costas rochosas. No interior, tamén capturan presas como miñocas e larvas de insectos, especialmente eirugas.[15]
Viven máis de 30 anos. Sobre a lonxevidade das gabitas hai un dato curioso que demostra que aves, aparentemente fráxiles, soportan as vicisitudes diarias durante longos anos. Unha gabita anelada cando era un polo, no niño, na illa sueca de Oland o 20 de maio de 1934, foi morta por un tiro na praia de Aguda, a 12 km do Porto, no mes de xaneiro de 1968. Entre o anelado e a posterior recuperación pasaron 33 anos, 7 meses e 2 días. Entre o lugar de nacemento e o da morte hai en liña recta 2 550 km, que a ave percorreu 68 veces ao longo da súa vida e, de non atopala un cazador, seguiría varios anos máis nestas viaxes.[21]
Ameazas
[editar | editar a fonte]A principal ameaza para a especie é a sobrepesca de mariscos bentónicos e a conseguinte desaparición de mexillóns intermareais e os leitos de berberechos.[22][23][24][25] A escavación nas praias para a busca de engados identificouse como unha ameaza para a perda da fauna bentónica.[25] A especie tamén está ameazada pola degradación do seu hábitat nas zonas de invernada debido á recuperación de terras (por exemplo no mar Amarelo),[26] a contaminación, as perturbacións humanas,[27] a construción de instalacións costeiras,[28], o desenvolvemento industrial incluíndo a construcións de portos e a extracción de petróleo, verteduras de petróleo, parques eólicos,[26] e a redución dos caudais de ríos.[27]
O único perigo que pode sobrevir á especie en Galiza é a interferencia humana nas zonas de cría.[3]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualifica o status da especie como LC (pouco preocupante) porque ten unha área de dispersión moi grande e unha poboación que, aínda que aumentou considerabelmente entre os anos 1960 e 1990, posteriormente diminuíu dun xeito moderadamente rápido. A diminución recente pode ser parte dunha flutuación a máis longo prazo, e debe ser examinada coidadosamente para determinar se mostra signos de estabilización, e case cumpre con varios dos requisitos para a súa inclusión como ameazada. Ningunha das poboacións migratorias aumentou. Existe información nova que suxire que as accións para mellorar a situación da especie, como limitar as operacións mecánicas de pesca de marisco, non están a conducir a recuperación da poboación, polo que a especie pode merecer a inclusión nunha categoría de ameaza máis alta no futuro.[1]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Gabita no seu niño nun coiñal.
-
Niño de gabitas con tres ovos.
-
Ovo.
-
Dous polos de gabita coa súa nai. Teñen só tres días.
-
Gabita paseando entre os coios á procura de comida.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 BirdLife International (2017): Haematopus ostralegus na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Verión 2019-2. Consultada o 2 de decembro de 2019.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Penas Patiño, Pedreira & Silvar 1991, p. 112.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 VV. AA. 1995, p. 408.
- ↑ Penas Patiño, Pedreira & Silvar 2004, p. 172.
- ↑ 5,0 5,1 Ledo, Bieito 2004, p. 1081.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Fernández de la Cigoña 1989, p. 161.
- ↑ Ríos Panisse 1983, p. 23.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 Svensson & Grant 2001, p. 124.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 "Precisión ornitolóxica 5: lampareiro ou gavita para Haematopus ostralegus?" USC. Servizo de Normalización Lingüística.
- ↑ Linnæus, Caroli (1758): Systema naturæ per regna tria naturæ, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis. Tomus I. Editio decima, reformata. Holmiæ. (Salvius). p. 152.
- ↑ 11,0 11,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. pp. 184, 286. ISBN 978-1-4081-2501-4.
- ↑ Haematopus ostralegus en Zoonomen.
- ↑ 13,0 13,1 Haematopus ostralegus ssp. no ITIS.
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Haymann, P.; Marchant, J. e Peter, T. (1991): Shorebirds: An Identification Guide to the Waders of the World. Boston, Massachusetts, EE. UU.: Houghton Mifflin Harcourt. ISBN 978-0-3956-0237-9.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 del Hoyo et al. 1996.
- ↑ Piersma, T. (1986): "Breading Waders in Europe: a review of population size estimates and a bibliography of information sources". International Wader Study Group, nº 20, 7: 10.
- ↑ Hockey, Kirwan & Boesman 2013.
- ↑ Tait's 'The Birds of Portugal' en The Auk.
- ↑ Flint, V. E.; R. L. Boehme; Y. V. Kostin; A. A. Kuznetsov & Natalia Bourso-Leland (1984): A Field Guide to Birds of the USSR. Including Eastern Europe and Central Asia. Princeton Nova Jersey, USA: Princeton University Press. ISBN 978-0-6910-8244-8.
- ↑ 20,0 20,1 20,2 Snow & Perrins 1998.
- ↑ Fernández de la Cigoña 1989, p. 162.
- ↑ Atkinson, P. W.; Clark, N. A.; Bell, M. C.; Dare, P. J.; Clark, J. A. & Ireland, P. L. (2003): "Changes in commercially fished shellfish stocks and shorebird populations in the Wash, England". Biological Conservation 114 (1): 127-141.
- ↑ Verhulst, S.; Oosterbeek, K.; Rutten, A. L. & Ens, B. J. (2004): "Shellfish fishery severely reduces condition and survival of oystercatchers despite creation of large marine protected areas". Ecology and Society 9 (1):17. (Artigo completo en liña).
- ↑ Ens, B. J. (2006): "The conflict between shellfisheries and migratory waterbirds in the Dutch Wadden Sea". En: Boere, G.; Galbraith, C. & Stroud, D. (ed.) Waterbirds around the world. Edinburgh, UK: The Stationary Office. ISBN 0-1149-7333-4, pp. 806-811.
- ↑ 25,0 25,1 van de Pol, M., Atkinson, P., Blew, J., Crowe, O., Delany, S., Duriez, O., Ens, B.J., Hälterlein, B., Hötker, H.,Laursen, K., Oosterbeek, K., Petersen, A., Thorup, O., Tjørve, K., Triplet, P. & Yésou, P. (2014): "A globalassessment of the conservation status of the nominate subspecies of Eurasian Oystercatcher Haematopus ostralegus ostralegus". International Wader Studies 20: 47–61.
- ↑ 26,0 26,1 Melville, D. S. & Shortridge, K. F. (2006): "Migratory waterbirds and avian influenza in the East Asian-Australasian Flyway with particular reference to the 2003-2004 H5N1 outbreak. En: G. Boere, C. Galbraith & D. Stroud (eds.) Waterbirds around the world. Edinburgh, UK: The Stationary Office. ISBN 0-1149-7333-4, pp. 432-438.
- ↑ 27,0 27,1 Kelin, C. & Qiang, X. (2006): "Conserving migratory shorebirds in the Yellow Sea region". En: G. Boere, C. Galbraith & D. Stroud (eds.), pp. 432-438.
- ↑ Burton, N. H. K. (2006): "The impact of the Cardiff Bay barrage on wintering waterbirds". En: Boere, G.; Galbraith, C. & Stroud, D. (eds.), p. 805.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gabita |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Gabita |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brazil, M. (2009): Birds of East Asia: Eastern China, Taiwan, Korea, Japan, eastern Russia. Londres: Christopher Helm. ISBN 978-0-7136-7040-0.
- Bruun, Bertel & Arthur Singer (1971): Guía de las aves de Europa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- del Hoyo, J., Elliott, A. & Sargatal, J. (1996): Handbook of the Birds of the World, vol. 3: Hoatzin to Auks. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-8733-420-7.
- del Hoyo, J., Collar, N. J., Christie, D. A., Elliott, A. & Fishpool, L. D. C. (2014): HBW and BirdLife International Illustrated Checklist of the Birds of the World. Volume 1: Non-passerines. Barcelona, España / Cambridge, UK: BirdLife International / Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-394-1.
- Fernández de la Cigoña, Estanislao (1989): Viaxeiras da auga. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-245-1.
- Harris, M. P. & Wanless, S. (1997): "The effect of removing large numbers of gull Larus spp. on an island population of oystercatchers Haematopus ostralegus: implications for management". Biological Conservation 82 (2): 167-171.
- Hockey, P.; Kirwan, G. M. & Boesman, P. (2013): "Eurasian Oystercatcher (Haematopus ostralegus)". En: del Hoyo, J.; Elliott, A.; Sargatal, J.; Christie, D. A. & de Juana, E. (eds), Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions.
- Ledo Cabido, Bieito, director (2004): Dicionario de galego. Vigo: Ir Indo Edicións. ISBN 84-7680-504-7.
- Penas Patiño, Xosé M., Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (1991): Guía das aves de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-8767-306-2.
- Penas Patiño, Xosé M., Carlos Pedreira López e Carlos Silvar (2004): Guía das aves de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5.
- Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. Verba, Anexo 19. ISBN 84-7191-291-0.
- Snow, David William & Perrins, Christopher (1997): The Birds of the Western Palearctic. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-1985-4099-1.
- Svensson, Lars & Peter J. Grant (2001): Guía de aves. La guía de campo de aves de España y Europa más completa. Barcelona: Ediciones Omega, S. A. ISBN 84-2821-218-X.
- VV. AA. (1995). Atlas de vertebrados de Galicia. Tomo II. Santiago de Compostela: Sociedade Galega de Historia Natural / Consello da Cultura Galega. ISBN 84-8717-289-X.