Saltar ao contido

Illas Sisargas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaIllas Sisargas
Imaxe

Localización
Mapa
 43°21′33″N 8°50′30″O / 43.359198, -8.841762
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia da Coruña
ConcelloMalpica de Bergantiños Editar o valor en Wikidata
CapitalMalpica Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación0 (2023) Editar o valor en Wikidata (0 hab./km²)
Xeografía
Superficie0,8 km² Editar o valor en Wikidata
Medición1,1 (ancho) × 1,6 (lonxitude) km
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata

As illas Sisargas son un arquipélago galego situado no océano Atlántico en fronte do cabo de Santo Hadrián, na chamada Costa da Morte. O arquipélago está formado pola illa Sisarga Grande –a maior das tres, que acolle un faro e un pequeno embarcadoiro–, a illa Sisarga Pequena –a máis próxima á costa– e a illa Malante –situada entre as dúas–. As illas pertencen ó concello de Malpica, na comarca de Bergantiños.

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Illas Sisargas, Malpica de Bergantiños.

Están situadas preto da costa, con 750 m de distancia entre a illa Sisarga Pequena e o cabo de Santo Hadrián. Están a 3 km da vila de Malpica e a uns 35 km ao oeste da cidade da Coruña. O grupo disponse a xeito dun L invertido e xiradoː a illa Sisarga Grande é a máis occidental e setentrional; Malante, tamén chamada Atalaxeiro[1], ocupa a posición central e angular; e a illa Sisarga Pequena ten a posición meridional. Unhas doutras sepáranse por estreitas canles de mar (canal de Estádiga entre as dúas primeiras e canal de Esteirón entre a Malante e a Pequena). A máxima elevación pertence á Sisarga Grande con 100 metros sobre o nivel do mar.

A importancia das Illas Sisargas está nas súas colonias de gaivota escura (Larus fuscus), garrucho (Rissa tridactyla), paíño europeo (Hydrobates pelagicus) e arao dos cons (Uria aalge), aves escasas en Galiza e na Península Ibérica e que teñen aquí unha das súas maiores colonias. Ademais existe unha importante poboación de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), andurón real (Tachymarptis melba), gaivota patiamarela (Larus cachinnans) e choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax).

Toponimia

[editar | editar a fonte]

O padre Sarmiento, que as denomina Cisargas, propuxo a hipótese de que o nome das Sisargas estaba referido a Xulio César, quen cara ao ano 60 a. C., chegou á Gallaecia, e someteu a súa parte Norte, aparecendo entre os ártabros, aos que, segundo as crónicas romanas, aterrorizaría coas súas naves, polo que se someterían decontado aos romanos. Esta hipótese supón que o seu nome latino sería *insulas Caesaricas, en acusativo plural, desvelando o estadio lingüístico actual a influencia seseante.

En relación con isto, Rodríguez Bordallo e Ríos Graña sosteñen que aquí estivo localizado un dos grupos das Aras Sestianas, en concreto os citados por Tolomeo como "Sestíou bomoí": "tres altares de Sestíos".

Con todo, o máis coherente e aceptado hoxe en día, é que proveñan dunha raíz hidronímica indoeuropea *eis- 'fluír', en grao cero *is-, dunha forma *Illas Isargas (de *Insulas Isáricas)[Cómpre referencia]. O S- non sería máis que a deglutinación do -s final de Illas. Da mesma produtiva raíz veñen tamén o nome do río Ézaro (de *Ísarus) e moitos outros hidrónimos galegos e europeos.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias

[editar | editar a fonte]

Lugares de Malpica de Bergantiños

[editar | editar a fonte]
Lugares da parroquia de Malpica de Bergantiños no concello de Malpica de Bergantiños (A Coruña)

A Atalaia | O Barreiro | O Caldeirón | O Camiño do Río | O Campo | A Camposa | A Camuza | Cancela de Areas | Canido | A Cerca | A Costa | O Escorial | Illas Sisargas | Malpica | Os Medros | A Orxeira | As Pedreiras | A Pedreiriña | Os Piñeiros | O Porto | A Praia | Santo Antonio | Seaia | Seixas | Sorrío | O Ventorrillo | Vilarnovo | As Vistas

Parroquias de Malpica de Bergantiños

[editar | editar a fonte]
Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Malpica de Bergantiños

Barizo (San Pedro) | Buño (Santo Estevo) | Cambre (San Martiño) | Cerqueda (San Cristovo) | Leiloio (Santa María) | Malpica de Bergantiños (San Xulián) | Mens (Santiago) | Vilanova de Santiso (San Tirso)


  1. Otero Pedrayo, Ramón (1954). Guía de Galicia (3ª ed.). Galaxia. p. 216. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Otero Pedrayo, Ramón, Guía de Galicia. Galaxia. Vigo. 1954.
  • Rodríguez Bordallo, Ramón e Ríos Graña, Ana María, El simbolismo, la localización y el número de las Aras Sestianas, in Actas del II Coloquio Galaico-Minhoto. I volumen. Xunta de Galicia. Santiago. 1984
  • Sarmiento, Martín, Onomástico etimológico de la Lengua Gallega, 1757. Edic. de J. L. Pensado Tomé, vol.I. Salamanca. 1998.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]