Saltar ao contido

Hectocótilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hectocotylus»)
Hectocótilos de Abraliopsis morisi.
Ilustración orixinal de Cuvier dun hectocótilo dun polbo, que denominou como a especie Hectocotyle octopodis.

O hectocótilo (en latín científico: hectocotylus, plural hectocotyli) é un dos brazos ou tentáculos da maior parte dos cefalópodos machos que frecuentemente está modificado para transportar os seus espermatóforos á cavidade paleal da femia, para así asegurar a fecundación dos seus óvulos. Os machoss forman xeralmente un novo hectocótilo para cada nova sesión.

O nome hectocótilo deriva do elemento do grego científico ἑκτο hecto-, do grego antigo ἑκτός hectós, "fóra de", e o termo do grego antigo κοτύλη kotýlē, "vaso", "cavidade onde se aloxa a cabeza dun óso longo" (cótilo).

A forma acabada en punta do hectocotilo foi moi empregada para a sistemática dos polbos. En numerosas especies pode ser moi complexo. O chamado popularmente 'polbo de sete brazos' (Haliphron atlanticus) recibe ese nome porque no macho desta especie o hectocótilo desenvólvese nunha bolsa semioculta debaixo do ollo dereito, o que dá a aparencia de non ter máis que sete brazos.

O termo tamén é empregado para refererirse especificamente á importante modificación do brazo dos argonautas e doutros xéneros veciños. Os argonautas machos transfiren os espermatóforos metendo o seu hectocótilo na cavidade paleal da femia. É o único contacto entre macho e femia durante a cópula. Nela, o hectocótilo sepárase do macho e o embude da femia manteno aloxado na súa cavidade paleal.

O termo hectocótilo foi cuñado por Georges Cuvier, que foi o primeiro científico moderno que o encontrou, no manto dun argonauta femia e, crendo que se trataba dun parasito, deulle o nome nome xenérico de Hectocotylus, denominación que axiña foi utilizada para designar ese brazo especial para a reprodución dos octópodos. (Na ilustración que se mostra á dereita, vense os debuxos orixinais de Cuvier da suposta especie Hectocotyle octopodis).

O brazo hectocótilo fora xa descrito nas obras biolóxicas de Aristóteles, pero ninguén cría nel até o seu redescubrimento no século XIX.[1][2]

Aristóteles dixo:

Ce sont les entonnoirs des deux polypes, dont les orifices se placent l'un vis-à-vis de l'autre pour une véritable copulation; c'est un bras de l'animal, qui, modifié d'une manière spéciale, sert d'organe copulateur, et qu'on nomme Hectocotyle
Tradución da cita de Aristóteles. Son os embudes dos dous polbos, cuxos orificios se colocan un contra o outro para facer unha verdadeira cópula; é un brazo do animal que, modificado dunha maneira especial, serve de órgano copulador, e que se chama hectocotylus.
Tradución do título do capítulo 5: "Do acoplamento dos moluscos; descrición do acoplamento dos polbos; opinións diversas sobre este acoplamento; descrición do acoplamento da sepia e a lura".

Nota: o texto completo de Aristóteles pódese ler en castelán en: Aristóteles (1994): Reproducción de los animales. Madrid: Editorial Gredos. Biblioteca Clásica Gredos. ISBN 978-84-249-1671-8.

  1. Aristóteles: Τῶν περὶ τὰ ζῷα ἱστοριῶν (en latín: Historia Animālium; en galego: Historia dos animais; transcrición literal do título: Sobre a historia dos animais).
  2. Hendrik Cornelis Dirk de Wit (1992): Histoire du développement de la biologie volume 1. PPUR presses polytechniques. ISBN 978-2-88074-233-1.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]