Saltar ao contido

Hidatodo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gutación na amorodeira.
Pinguiñas de auga producidas por gutación nunha dicotiledónea.
Gutación en Equisetum.
Sección dun hidatodo de Primula sinensis.

Un hidatodo é un tipo de tecido secretor de auga que se encontra nas follas, principalmente en anxiospermas, que está especializado na secreción de auga a través de poros na epiderme ou nas beiras dentadas e ápice das follas. Probablemente evolucionaron a partir de estomas e extremos de feixes vasculares modificados. Están implicados no fenómeno da gutación (do latín gutta, gota), na que se libera auga líquida (non vapor coma na transpiración) nas partes altas da planta, o que favorece o ascenso do zume bruto polo xilema da planta. Os hidatodos están conectados ao sistema vascular da planta por un feixe vascular.

Como o líquido que se extrae do xilema para ser expulsado polo hidatodo contén tamén sales, e compostos orgánicos disolvidos na auga e estes ás veces cristalizan ao evaporar a auga sobre a planta, forma unha substancia branca pulverulenta sobre as beiras das follas. Esta cristalización é moi evidente nas halófitas, plantas adaptadas a vivir en ambientes con altas concentracións de sales, e en consecuencia os hidatodos desas especies son considerados como glándulas para expulsar sal.

Os hidatodos máis típicos están formados por células vivas con numerosos espazos intercelulares cheos de auga, pero sen cloroplastos, que forman un tecido chamado epitema, que se abre a unha ou máis cámaras subepidérmicas. Estas cámaras, á súa vez, сomunican co exterior a través dun estoma especial chamado poro aberto ou estoma de auga aberto. Este estoma especial lembra estruturalmente un estoma ordinario, mais é normalmente máis grande e perdeu o poder de incharse e contraerse, polo que non se pecha.

Distribución

[editar | editar a fonte]

Os hidatodos están distribuídos en moitas especies de anxiospermas (350 xéneros pertencentes a 115 familias). En plantas tropicais como Colocasia (Araceae), a cantidade de auga eliminada pola noite supera os 300 mL. Trátase principalmente de plantas acuáticas e algunhas plantas herbáceas que crecen en lugares húmidos, por exemplo Pistia, xacintos de auga (Eichhornia.), rosa, e moitas outras. En halófitas os hidatodos expulsan moitos sales.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Os hidatodos poden clasificarse funcionalmente en dous tipos:

  • Pasivos, como os de gramíneas, que eliminan auga por osmose cando aumenta a presión radical.
  • Activos, a maioría dos hidatodos epitémicos (Tropaeolum, Saxifraga) e tricómicos (Cicer, Phaseolus); son glándulas que traballan independentemente da presión radical. Segregan unha solución acuosa con algúns compostos orgánicos ou inorgánicos (secreción écrina, por bombeo de ións metálicos a través da membrana plasmática).

En follas novas e talos de garavanzo (Cicer arietinum) os hidatodos epidérmicos consisten nun pedúnculo uniseriado e unha cabeza oval pluricelular. A solución acumúlase baixo a cutícula e cando atingue un certo volume ábrense poros na cutícula e aparecen pinguiñas de auga na superficie. A presenza de numerosas mitocondrias indica que a secreción é activa.

Os hidatodos epitémicos presentan un tecido parenquimático especializado, o epitema, situado ao final dunha ou varias vénulas das follas. Rodeando o epitema hai unha vaíña de células dispostas moi apretadamente, a miúdo coas paredes adxacentes cutinizadas, formando unha capa de tipo endodérmico, que impide o refluxo apoplástico (polos espazos entre as células). Moitas destas células están diferenciadas como células de transferencia. Cara ao exterior, o epitema está limitado pola epiderme, e a saída da auga prodúcese a través dun ou varios estomas modificados, que se diferencian porque as células oclusivas normalmente non poden pechar o poro (ostíolo).

  • Strassburger, E. 1994. Tratado de Botánica. 8va. edición. Omega, Barcelona, 1088 p.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]